Unha ducia de bens patrimoniais galegos en perigo de desaparición
A Asociación Hispania Nostra traballa dende 1976 promovendo a conservación do Patrimonio e dende hai uns anos mantén unha lista vermella de elementos patrimoniais "ameazados, en perigo ou con eivas na súa conservación", con máis de 1.400 bens de todo o Estado e 61 en Galicia. Tamén conta cunha lista verde con aqueles elementos que pasaron a estar correctamente protexidos e unha lista negra con aqueles destruídos nos últimos anos.
-
01
Mosteiro de Monfero
Comezamos a lista cun dos elementos probablemente máis valiosos e sorprendentemente abandonado. O Mosteiro de Monfero, fundado no século XII aínda que a actual construción data dos séculos XVI e XVIII, foi declarado en 1931 Monumento Histórico-artístico. Porén, na actualidade tan só a igrexa se atopa en bo estado de conservación, mentres que as dependencias monacais están moi degradadas ou directamente en ruínas.
-
02
Pazo A Reitoral (Zas)
O Pazo do Vilar, en Zas, é tamén coñecido como o Pazo da Reitoral pois funcionou como casa parroquial durante o século XX. Trátase dunha casa fidalga do século XVIII, con varias construcións anexas, que pertenceu aos Figueroa e Moscoso e que na actualidade é propiedade da Arquidiocese de Santiago de Compostela. O escudo da súa fachada e o hórreo están declarados BIC, pero o estado xeral é de ruína.
-
03
Mosteiro de Santa María de Melón
O mosteiro de Santa María de Melón, situado nesta localidade ourensá. foi fundado no século XII e consta de varios edificios e dous claustros. Foi abandonado tras a desamortización e a pesar de contar cunha declaración BIC, o seu estado é de completo abandono, invadido pola vexetación e con elementos derrubados e esparexidos polo predio.
-
04
Casa da Cadea (A Pobra do Caramiñal)
A Casa da Cadea, na rúa da Ponte da Pobra do Caramiñal, funcionou como cárcere, coma o seu nome indica. Foi construída a finais do século XVIII, ligada aos señores da Torre de Xunqueiras, encargados de administrar a xustiza na zona. Funcionou como prisión ata finais do século XIX. O edificio está completamente abandonado.
-
05
Mosteiro de San Paio de Abeleda (Castro Caldelas)
Este mosteiro do século XII, situado en Castro Caldelas, pasou a ser propiedade da Casa de Alba despois da desamortización de Mendizábal e actualmente atópase en estado ruinoso. Grazas a asociacións sen ánimo de lucro como O Sorriso de Daniel, o mosteiro foi limpado das herbas que se estaban tragando e esnaquizando esta xoia do románico
-
06
Casa Renacentista na Vacariza (Dumbría)
Esta vivenda nobre, construída no século XVI, é un pazo de tipoloxía urbana, estilisticamente pouco común en Galicia e asociado á arquitectura portuguesa pola decoración manuelina das súas molduras. Esta Casa Renacentista da Vacariza, situado en Dumbría, é un Ben Catalogado e os tres escudos dá súa fachada están declarados Bens de Interese Cultural. Porén, o seu estado é de abandono, cunha progresiva degradación dos seus elementos.
-
07
Pazo e Torre de Guimarei (A Estrada)
Situada na Estrada, a Torre de Guimarei, medieval, foi parcialmente destruída nas Guerras Irmandiñas, no século XV. Nos séculos XVII-XVIII foille anexado o Pazo, que nestes momentos se atopa nun estado ruinoso e sen protección. A Torre si ten consideración de BIC, pero sometida a un proceso de degradación.
-
08
Fábrica de Massó (Cangas)
A lista de Hispania Nostra inclúe tamén varios exemplos de patrimonio industrial, máis contemporáneo, en grave risco de desaparición en distintos lugares de Galicia. É o caso da Fábrica de Massó en Cangas, factoría de conservas e baleeira construída en 1941 e que pechou as súas portas nos anos 90. O edificio, un dos exemplos más importantes de arquitectura industrial do século XX no noso país, está incluído no Plan Nacional de Patrimonio Industrial, pero o seu estado é de abandono.
Outro bo exemploi é o da Panificadora de Vigo, un complexo industrial que funcionou entre 1917 e 1981 e que se atopa no centro da cidade.
-
09
Teatro Rena (Ferrol)
O Teatro Renacimiento (o Rena) foi construído en 1919 e dende o inicio se dedicou principalmente á exhibición cinematográfica. Como cine funcionou ata 1989 en que pechou e se iniciou o seu proceso de abandono, agravado despois do incendio que sufriu en 1991. Está declarado BIC e só se conserva a súa fermosa fachada, na rúa Sol de Ferrol.
A lista vermella inclúe tamén na cidade naval o conxunto do barrio de Ferrol Vello, que en moitas das súas rúas mantén o seu estado de ruína a pesar de que dende o ano 2011 ten consideración de Ben de Interese Cultural, coa categoría de Conxunto Histórico.
-
10
Pazo de Trasmonte (Friol)
O Pazo de Trasmonte, en Friol, construído no século XVI, pertenceu historicamente á familia Saavedra e, xa en tempos recentes á familia Fernández de la Vega, á que pertencían Elisa e Jimena, primeiras mulleres tituladas na Universidade de Santiago de Compostela en 1919. Trátase dun Ben catalogado e os seus escudos están declarados BIC, pero o estado de conservación do edificio é moi malo, cuberto de vexetación e coa perda dos seus elementos de madeira.
-
11
Fábrica de curtidos San Nicolás (Santiago de Compostela)
A Fábrica de curtidos San Nicolás (Santiago) forma parte do rico e ignorado patrimonio industrial galego e, singularmente, da pouco reivindicada historia de Compostela como vila artesá e obreira. Foi fundada por Manuel Alonso de Huidobro ao redor do ano 1800, aínda que despois pasou a Santiago Harguindey Garra, cuxa familia mantivo a actividade da curtidoría ata 1899.
Podemos ligar esta fábrica abandonada, situada no casco histórico compostelán, no barrio de Sar ás Fábricas do Sarela e outros espazos fabrís históricos que dan conta dun pasado no que a cidade era moito máis que un centro relixioso ou de peregrinación.
-
12
Casa do pintor Felipe Bello Piñeiro (Mugardos)
No conxunto mariñeiro do Seixo, en Mugardos, consérvase a casa do pintor Felipe Bello Piñeiro -como consta nunha placa de mármore na súa fachada-, unha fermosa vivenda tradicional do século XIX que se atopa en estado de abandono, malia tratarse dun ben catalogado.
-
13
Mosteiro de Lobás (O Carballiño)
O Mosteiro de Lobás, no Carballiño, é un antigo cenobio beneditino que funcionou entre os séculos XI e XIII. Trátase dun convento de pequeno tamaño, que inclúe unha igrexa románica dunha única nave, que se mantén nun correcto estado de conservación ao conservar a súa actividade ata a actualidade. Non é o caso do resto do mosteiro, en estado de ruína.