Marcos Pérez Pena

Unha ducia de novos Bens de Interese Cultural, aprobados ou a piques de facelo

O derradeiro Consello da Xunta do ano 2018 aprobou (acelerando un ano o prazo previsto de tramitación) o decreto que declara BIC a paisaxe da Ribeira Sacra e, con ela, un gran número de bens materiais e e inmateriais existentes nesta comarca. Ademais, o 2019 está previsto o remate da incoación doutros importantes elementos, dende o Arquipélago de Sálvora ata os Muíños do Folón e do Picón, pasando polo campamento romanro de Aquis Querquennis. Xa en 2020 será a quenda do Parque do Pasatempo ou das esculturas do Mestre Mateo

  1. 01

    Ribeira Sacra

    A paisaxe cultural da Ribeira Sacra pasa a estar protexida, no que supón o primeiro paso para acadar a declaración como Patrimonio Mundial da UNESCO. Abrangue espazos en 22 concellos, cun total de 180 quilómetros cadrados. Inclúe 70 bens de interese cultural e 634 bens inmobles catalogados. A Ribeira Sacra podería ser a primeira rexión vinícola do Estado que acade o recoñecemento de Patrimonio da Humanidade, reforzando así a súa indentidade e especificidade.

  2. 02

    Pazo de Tor

    O Pazo de Tor, en Monforte de Lemos, foi construído no último terzo do século XVIII aínda que tivo que ser reconstruído despois de ser incendiado polas tropas napoleónicas. Na súa biblioteca conserva unha das Cartas Xeométricas de Domingo Fontán. Funciona como museo dende o ano 2006. Sen dúbida, o elemento que máis chama atención é o seu labirinto de pedra, formado por catro espirais, disposto no espazo da horta.

  3. 03

    Muíños do Folón e do Picón

    Os muíños do Folón e do Picón, no Rosal, xa foron declarados BIC en 1998, pero está en proceso de aprobación a ampliación da súa delimitación como lugar de valor etnolóxico. Son un conxunto de 60 muíños dispostos en fervenza, documentada a súa existencia dende o século XVII.

  4. 04

    Campamento romano e mansio viaria de Aquis Querquennis

    Coñecido popularmente como A Cidá, este xacemento arqueolóxico situado en Bande componse dun campamento militar romano (séculos I e II) e dunha mansión anexa (séculos II e III). As primeiras prospeccións realizounas Florentino López Cuevillas na década de 1920. En 1949 foi anegado polo encoro das Conchas, de Fenosa. Foron declaradas BIC o pasado mes de setembro.

  5. 05

    Túnel e explotacións mineiras de Montefurado

    No século II os romanos atravesaron esta montaña nos seus traballos na procura de ouro. Inicialmente o túnel creado medía 400 metros de longo, pero un derrube no ano 1934 recurtou a súa extensión. Ademais do túnel principal existen máis túneles auxiliares, un preto do principal acceso.

  6. 06

    Festa dos Fachós

    A Festa dos Fachós de Castro Caldelas celébrase o 19 de xaneiro; comeza coa caída do sol e prolóngase durante a noite. Esta celebración converteuse nunha das tradicións de culto ó lume máis representativas de Galicia, semellante ao Folión de Fachas de Vilelos (O Saviñao) e á Queima das Fachas de Castelo (Taboada), que tamén veñen de ser declaradas BIC.

  7. 07

    Cova Eirós

    Os traballos que dende hai unha década se levan a cabo en Triacastela permitiron achar e documentar pinturas e gravados rupestres que se poderían remontar a 30.000 anos de antigüidade, sendo a primeira mostra de arte rupestre atopada en Galicia. Eirós é, ademais, a unica cova con evidencias de ocupación de Homo Neardenthalis e Homo Sapiens na Península Ibérica. Ademais é un dos xacementos paleontolóxicos máis importantes de Europa para o estudo do Oso das cavernas.

  8. 08

    Oso de Salcedo

    O Oso de Salcedo é unha máscara característica do entroido de Salcedo, no concello da Pobra do Brollón. Un veciño disfrazado con peles de animal, a semellanza dun oso, percorre as rúas e corredoiras de Salcedo na compaña de "criados", asustando os viandantes, ós que intenta manchar coas súas poutas.

  9. 09

    Subestación do encoro de Belesar

    Jordi Carricarte e Juan Castañón de Mena construíron este edificio no ano 1963. O inmoble apóiase no terreo do fondo do pantano por medio dunha impresionante construción duns cen metros de altura. Trátase dun dos máis notables elementos de arquitectura industrial en Galicia.

  10. 10

    Carpintería de Ribeira

    A carpintería de ribeira é un dos oficios máis antigos do mundo, contando en Galicia cunha evidente tradición que marcou a historia de todas as localidades costeiras. A profesión conta coas súas técnicas, vocabulario, símbolos e ferramentas características.

  11. 11

    O Arquipélago de Sálvora

    O Arquipélago de Sálvora está formado pola Illa de Sálvora, xunto cos illotes Vionta, Herbosa e Noro e as Sagres e está integrado no Parque nacional das Illas Atlánticas. Está en proceso a súa declaración BIC como "paisaxe cultural". Durante anos estivo poboada e tivo actividade agrícola, gandeira e pesqueira, pero está case deserta desde 1972. 

  12. 12

    A fábrica de luz do río Mao

    A fábrica da luz do río Mao, no concello de Parada de Sil, destaca por unha banda pola súa arquitectura industrial vinculada ao aproveitamento da forza da auga para a produción de enerxía eléctrica, construída en 1914 primeiro como La Gallega e despois dependente de Fenosa. Porén, cómpre salientar tamén o seu recente proceso de rehabilitación, que o converteu nun albergue que funciona de xeito complementario coas fermosas pasarelas do río Mao, obra da arquitecta Isabel Aguirre, e das rutas de sendeirismo existentes na contorna.