Unha ducia de bosques e fragas galegas nas que perderse este verán
Cando chega a calor podemos buscar acubillo na sombra das árbores, nalgún dos bosques que existen en moitos lugares de Galicia, algún deles moi ameazados por diferentes causas, dende os incendios, á expansión das plantacións forestais, pasando pola presión urbanística. Velaquí unha ducia de bosques galegos.
-
01
Fraga da Marronda
Comezamos nos Ancares, na Fraga da Marronda, situada no concellos de Baleira, un exemplo perfecto de bosque autóctono galego que ocupa unha extensión de 611 hectáreas e está composta por carballos, castaños, acivros e faias.
-
02
Devesa da Rogueira
No Courel hai que deterse na Devesa da Rogueira, un bosque húmido de tipo atlántico orientado ao norte. Situada en Folgoso do Courel, ocupa tres quilómetros cadrados, con abeleiras, carballos, freixos, faias, teixos, acivros e bidueiros.
-
03
Teixadal de Casaio
O Teixadal de Casaio, en Carballeda de Valdeorras, é un bosque de difícil acceso e, por esta razón, que tivo unha escasa intervención humana. Forma parte do Catálogo de Árbores e formacións Senlleiras e acolle un dos conxuntos de teixos máis importantes de Europa
-
04
Bidueiral de Montederramo
Montederramo acolle na serra de San Mamede un dos bosques de bidueiros mellor conservados de Galicia. Nel desenvolveuse no século XIX a historia do lobishome Manuel Branco Romasanta.
-
05
Fragas do Eume
As Fragas do Eume, que constitúen un Parque Natural carente dende hai dúas décadas de Plan de Usos e Xestión, conservan aínda unha gran beleza a pesar da gran degradación que veñen sufrindo nos últimos anos. Carballos, castiñeiros, teixos, bidueiros, ameneiros, e os xigantes fentos do Terciario conviven cun número importante de eucaliptos.
-
06
Bosque de Loureiros na Illa de Cortegada
Hai bosques tamén nas illas galegas. Por exemplo en Cortegada, situada fronte á localidade arousá de Carril e que forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Na illa, que foi doada ao rei Alfonso XIII en 1910 (e recuperada en 2007) atopamos un dos bosques de loureiros máis grandes do sur de Europa.
-
07
Bosque da Fervenza
O Bosque da Fervenza atópase no concello do Corgo a tan só 15 quilómetros da cidade de Lugo, e sitúase no curso alto do río Miño dentro dunha Reserva da Biosfera
-
08
Fraga de Catasós
A Fraga de Catasós, en Lalín, é hoxe un símbolo da loita da veciñanza en defensa dos seus bosques ante o intento de Fenosa de construír unha liña de alta tensión que ameazaba milleiros de árbores autóctonas, especialmente carballos e castiñeiros, algúns deles de máis de 30 metros de altura, entre os máis altos de Europa.
-
09
Fraga de Menáncaro
Tamén a Fraga de Menáncaro, en Ferrol, sufriu nos últimos anos continuadas ameazas, especialmente por tallas ilegais que conseguiron ser paralizadas grazas á mobilización social. No ano 2019 o Concello iniciou o proceso para declarar espazo natural de interese local a un dos poucos exemplos de bosque autóctono do termo municipal ferrolán.
-
10
Souto da Retorta
O Souto da Retorta, en Viveiro, acolle castiñeiros pero tamén eucaliptos, algúns deles os máis antigos de Galicia, con máis de cen anos. Entre eles está o chamado Avó de Chavín, de 130 anos de idade e unha unha altura de 71,4 metros.
-
11
Souto de Rozavales
O Souto de Rozavales, en Manzaneda, acolle o Castiñeiro de Pumbariños, unha árbore senlleira que supera probablemente os mil anos de vida. No souto podemos atopar ademais un gran número de castiñeiros centenarios e bicentenarios.
-
12
Aciñeiral de Cruzul
O Aciñeiral de Cruzul, en Becerreá, é unha das formacións de aciñeiras máis importantes de Galicia, e sorprende aínda máis por atoparse nunha zona húmida. Está próximo ao fermoso Souto de Agüeira.