Unha ducia de carteis turísticos históricos de Galicia
Achégase o verán, a época turística por excelencia. Todos os anos os destinos vacacionais compiten entre si buscando atraer a atencións dos posibles visitantes con elaboradas campañas nas que na actualidade o vídeo xoga o papel principal. Pero xa a comezos e mediados do século XX as cidades e vilas galegas elaboraban carteis publicitarios para alimentar a crecente actividade turística. Velaquí algúns deles.
-
01
Federico Ribas
O vigués Federico Ribas foi moi célebre no seu tempo coas súas ilustracións publicitarias para a empresa perfumeira Gal ou para a conserveira Massó, contribuíndo a renovar a imaxe de toda a industria conserveira galega. Segundo Luís Seoane, nos anos vinte era "o ilustrador máis cotizado de Madrid". O Golpe de Estado de 1936 sorprendeuno en Bueu. De ideoloxía republicana, cando viu que algúns amigos seus comezan a ser asasinados na vila marchou primeiro a Vigo e finalmente exiliouse en Bos Aires, onde coincide con Seoane, colaborando con este na denuncia gráfica do terror franquista. Este cartel turístico que enxalza a beleza das rías galegas foi realizado en 1930
-
02
Cartel de Álvaro Cebreiro
Álvaro Cebreiro foi outro dos grandes debuxantes galegos da primeira metade do século XX, realizando caricaturas para un gran número de publicacións e ilustracións para proxectos moi distintos. En 1922 escribiu xunto a Manuel Antonio o manifesto Máis alá!
En 1934 realizou este cartel para a promoción turística da cidade da Coruña, nunha campaña que empregaba os slógans "A Coruña, cidade de verán", "A Coruña, cidade ideal", "A Coruña, ruta de turismo" ou "A Coruña, o mellor clima de España".
-
03
Camilo Díaz Baliño
Os carteis das festas non son estritamente carteis turísticos, pero contribúen a promocionar as cidades que os organizan. Velaquí o deseño realizado por Camilo Díaz Baliño para as Festas do Apóstolo de 1936, en Compostela, unha celebración que probablemente comezou o 15 de xullo, pero que de seguro non se puido completar.
-
04
Carlos Sobrino Buhigas,
O pontevedrés Carlos Sobrino Buhigas realizou en 1929 este cartel para a promoción turística de Santiago de Compostela no estranxeiro
-
05
Josep Morell Macías
Os Anos Santos de Compostela tampouco eran, en principio, un evento turístico, cando menos a mediados do século XX. Porén o celebrado en 1954 foi o primeiro que adquiriu un chisco esa dimensión, polo impulso do arcebispo Fernando Quiroga Palacios. Foi o primero no que se levou a cabo unha tímida promoción no estranxeiro e potenciouse a chegada a Santiago de peregrinacións foráneas. Para a ocasión empregouse este cartel (utilizado xa en 1943) de Josep Morell Macías, un dos cartelistas españois máis destacados das primeiras décadas do século.
-
06
Arturo Souto
O pontevedrés Arturo Souto foi esencialmente pintor, movéndose case sempre no post-impresionismo. Republicano e antifascista, en 1939 tivo que exiliarse, instalándose en México. Un dos seus deseños foi empregado neste cartel que recrea a vila de Betanzos.
-
07
A imaxe de Galicia durante o franquismo
Fóra dos deseños de Ribas, Cebreiro, Díaz Baliño ou Souto, a imaxe de Galicia empregada pola cartetelería turística (especialmente durante a ditadura) tendeu a impor unha imaxe do país folclorista e arcaizante. A 'muller galega', os hórreos, os cruceiros... ficaron instalados como o símbolo por excelencia de Galicia, e vendo as tendas de souvenirs semella que esta simboloxía perdura. cleardeseños de Ribas, Cebreiro, Díaz Baliño ou Souto, a imaxe de Galicia empregada pola cartetelería turística (especialmente durante a ditadura) tendeu a impor unha imaxe do país folclorista e arcaizante. A 'muller galega', os hórreos, os cruceiros... ficaron instalados como o símbolo por excelencia de Galicia, e vendo as tendas de souvenirs semella que esta simboloxía perdura.
-
08
Teodoro Delgado
Cartel publicitario realizado nos anos 50 do pasado século por Teodoro Delgado (1907-1975), un dos cartelistas máis habituais do bando sublevado durante a Guerra Civil.
-
09
Hórreos, cruceiros... "Galicia siempre"
A Galicia idílica recreada polos carteis turísticos realizados durante a ditadura adoitaba incluír litorais aínda virxes nos que os piñeiros chegaban ata a mesma liña de mar. Iso si, nesta imaxe das Torres do Oeste de Catoira xa asoman os eucaliptos como novo símbolo de Galicia.
-
10
Festas de verán na Coruña
As festas do verán na Coruña eran, dende logo, un acontecemento turístico. Especialmente coincidindo coas visitas do ditador ao Pazo de Meirás, a cidade herculina convertíase nunha pequena corte estival. Os carteis das festas e mesmo os programas das celebracións tiñan un deseño coidado no que, ademais, comezábase a permitir máis liberdade temática e estética. Cartel das festas de verán na Coruña no ano 1964, realizado por Rafael Barros
-
11
Cartel das festas de verán en Ortigueira en 1961
Non só nas festas da Coruña se coidaba o deseño dos seus carteis. Lonxe xa dun obxectivo de promoción turística, tamén localidades como Ortigueira conservan imaxes coma esta, que data do verán de 1961
-
12
Cartel das festas de verán en Ferrol en 1934
Anterior é este cartel das festas de Ferrol de 1934. A urbe vendía o seu carácter de cidade naval na que o Arsenal semellaba ser o elemento máis destacado.
-
13
Cartel da Feria Rexional de Mostras de 1933
Outro dos elementos habituais de atracción turística nesas décadas eran as exposicións e feiras rexionais. En Santiago de Compostela fora especialmente importante a de 1909 (aínda se conserva na Alameda a Escola Infantil de Santa Susana) pero tamén en 1933 a Feria de Muestras Regional Gallega encargou o seu cartel a Camilo Díaz Baliño