Unha ducia de citas do programa do Arde Lucus a non perder
Romanas e romanos, castrexas e castrexos, xa está aquí o Arde Lucus, que celebra o seu XX aniversario e a súa declaración como Festa de Interese Turístico Internacional con catro días de actividades que devolven Lugo aos tempos de Lucus Augusti. A programación comezou este venres e chegará ata o domingo. Música, teatro, desfiles, obradoiros... Que non se apague o lume sagrado!
-
01
Entrada das lexións romanas ao mando do xeneral Caio Antistio “O Vello”, e toma da cidade
A entrada das lexións ao mando do xeneral Caio Antistio “O Vello” a través da Ponte Romana, coa posterior toma da cidade, foi un ano máis o punto de partida dos catro días de celebración este xoves á tardiña.
-
02
Entrada da Cohors III Lvcensivm
O groso das actividades comezaron este venres, día na que xa se puido ver un gran número de romanos e romanas polas rúas de Lucus Augusti. Ás 20:45 horas, dende a Porta Miñá ata a Praza Maior, tivo lugar a entrada da Cohors III Lvcensivm.
-
03
A poboación galaica tamén se deixa ver
Pero non só hai romanos e romanas no Arde Lucus. A poboación galaica tamén se deixa ver pola festa, cos seus atavíos e celebracións, coma as vodas celtas (este venres, de 21:30 a 23 horas en Porta Miñá), ou os bautizos celtas (de 19 a 20:3 horas no mesmo lugar) e actos coma o son do Druida
-
04
Teatro
Entre o venres e o domingo son moitas as obras de teatro que se poden ver no Arde Lucus. A Profetisa, de Nova Escena Teatro; Casina, de Hipócrita Teatro; Artem vendederit, de Achádego Teatro; ou A historia de Carme, de Palimoco teatro, son algunhas delas
-
05
Desfile das tropas romanas e tribos castrexas
Un dos grandes momentos do Arde Lucos é todos os anos o desfile das tropas romanas e tribos castrexas, que terá lugar este sábado a partir das 20.30 horas pola Rolda da Muralla.
-
06
Céltica-Pipes Rock
No Arde Lucus hai tamén espazo para a música. O sábado á medianoite un concerto de Céltica-Pipes Rock encherá a Praza de Santa María
-
07
Parada con fachos
Pola noite é o tempo do lume e dos fachos, especialmente a partir das 0:30 horas da madrugada do sábado ao luns, coa Parada con fachos. Imaxe: Dani Vázquez (CC-BY-SA)
-
08
Desfile dos Scholarvm
Xa o domingo pola mañá é o tempo dos nenos e nenas, que levarán a cabo o Desfile dos Scholarvm, no que participan unha vintena de colexios de Infantil e Primaria da cidade. Será ás 11 dende a Praza de San Marcos.
-
09
Gladiadores e gladiadoras
En varios lugares da cidade, ao longo dos catro días de celebracións, poden verse adestramentos e combates de gladiadores e gladiadoras. Por exemplo na Escola de Gladiatvra que comezará o domingo ás 12:30 horas na Praza de Santa María. Imaxe: Dani Vázquez (CC-BY-SA)
-
10
Para comer, Lucus Augusti
E, por suposto, hai que repoñer forzas coa mellor gastronomía do lugar, que enche a cidade cos arrecendos máis gorentosos, nesta ocasión da man dos mellores cociñeiros do imperio no novo espazo Ars Cvlinarivm, na contorna da Praza de Abastos. Hai vinte séculos xa se dicía aquilo de "Para comer, Lucus Augusti". Imaxe: Trevor Huxham (CC-BY-SA)
-
11
Despedida do Arde Lucus e desfiles finais
O Arde Lucus péchase o domingo pola tarde co acto final das lexións romanas e tribos castrexas (ás 20 horas na Rúa Frai Plácido Rei Lemos) e o desfile final das tropas romanas (ás 20.30 horas dende a rúa Cidade de Vigo). Imaxe: Álvaro Pérez Vilariño (CC-BY-SA)
-
12
Fillas de Cassandra
O Arde Lucus pecharase con outro concerto, a cargo das Fillas de Cassandra, que actuarán o domingo a partir das 21:30 horas na Praza de Santa María.