Unha ducia de citas no Culturgal
Comeza o noveno Culturgal. Tres días de cultura, de reivindicación de comunidade, de encontros e espectáculos. Tres días nos que milleiros de persoas pasarán polo Pazo da Cultura de Pontevedra, nos que as industrias culturais do país amosarán o seu músculo e a creatividade dun rico tecido de autores e autoras. Podes consultar aquí a programación.
-
01
Pegadas na terra
“Pegadas na terra” é unha mostra colectiva comisariada por Paula Cabaleiro e Antón Sobral na que dezaoito artistas se achegan á natureza. Promovida pola Deputación de Pontevedra, nela participan María Álvarez, Alberto Bidarra, Carla Andrade, Xoán Cerviño, Roi Domínguez, Maribel Longueira, Bibi Martín, Xurxo Oro Claro, Alberto Pena, Lemuel Quiroga, Reme Remedios, Neves Seara, Jorge G. Valenciano, Edu Valiña, Christian Villamide, Román Corbato, Miguel Benjumea e Fran Herbello. A mosta inaugurouse este venres 2 de decembro na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra e permanecerá aberta ata o 8 de xaneiro dem 2017.
-
02
No Culturgal tamén se baila
A música na Feira abriuse este venres co espectáculo de SondeSeu Orquestra Folk, que vén da man de Nalgures e con Rosa Cedrón e Orfeón de Treixadura como convidados. Ata o domingo actuarán no recinto Mercedes Peón e Budiño (o sábado), a María Fumaça Sonárbore (o domingo pola mañá), ademais de Silvia Penide, Xoán Curiel, Sonia Lebedynski, Paloma Suanzes, Fran Amil e A Tribo Incomprensibel ou Eladio y los seres queridos. Podes consultar aquí toda a programación musical do Culturgal.
-
03
O Culturgal é audiovisual
A programación audiovisual da Feira inclúe videocreación, proxeccións de documentais, ficcións e coloquios. “Camilo, o último guerrillero”, ‘Manuel María, eu son fala e terra desta miña terra’, “Lobos Sucios”, “Os días afogados” e o poemario “Auga” de Dores Tembrás ou “Torre de Breoghán” serán algúns dos filmes que se poderán ver. De igual xeito, no espazo de foro Ignacio Vilar presentarña o seu último proxecto cinematográfico, Sicixia.
-
04
Mil e unha actividades para toda a familia!
Haberá moita música, teatro, danza, libros e ciencia para os máis pequenos e pequenas da casa. Ademais, ao longo dos tres días estará aberto un espazo permanente para xogos e xoguetes tradicionais e unha bebeteca. Podes consultar aquí a programación para nenos e nenas (e o público adulto, que tamén o pasará moi ben). María Fumaça, o 20º aniversario de Canta Connosco! ou “As andanzas de Paio”, do Grupo OViravai, son só tres das moitas citas obrigadas.
-
05
A ciencia tamén é cultura
DIVULGACCION (Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica) e CSIC-Misión Biolóxica de Galicia organizan no Culturgal varias actividades de divulgación cultural, principalmente charlas e obradoiros para adultos e pequenos que terán lugar o sábado de 11 a 14 horas no Espazo Infantil: "Deconstruindo Jurassic World", "O consumo de leite… é bo ou é malo para a nosa saúde?" serán algúns dos temas. De igual xeito, Un bosque no peto explicará as fases do cultivo in vitro de árbores e ensinará diversas especies de árbores en tarros que caben nun peto.
-
06
As conversas
O Culturgal ofrece moita e boa literatura: presentacións e sinaturas de libros, pero tamén conversas entre autores e autoras diversas: Manuel Esteban e David Pérez Iglesias, María do Cebreiro e Marilar Aleixandre, ou a que manterán Blanca Riestra Miguel Sande e Daniel Asorey.
-
07
15 anos da AGPTI
A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e Interpretación (AGPTI) celebra o seu 15 aniversario. O domingo ás 17.15 organízase un acto no que participarán María Reimóndez, Lara Santos e Saleta Fernández.
-
08
Presentación da Axenda de Mulleres 2017
Libraría Lila de Lilith e Observatorio da Mariña pola Igualdade darán a coñecer o domingo ás 16.30 a temática escollida para a Axenda de Mulleres 2017, que achega unha pouca luz á participación -moitas veces escurecida e invisibiliada- das mulleres galegas en moitos ámbitos, coma o científica eido protagonista na axenda deste 2016 que remata.
-
09
SonDeSeu
Os 15 anos de SonDeSeu serán os protagonistas do concerto inaugural do Culturgal, que se celebra este venres pola noite, e no que participarán como convidadas Rosa Cedrón e o Orfeón de Treixadura.
-
10
'Mulleres Bravas da nosa historia'
Urco Editora presentará no Culturgal os dous primeiros volumes da colección Mulleres Bravas da nosa historia, centrados en Rosalía de Castro e María Victoria Moreno, coa participación das súas autoras -Eli Ríos e María Lado- e da ilustradora Eva Agra. Será só unha das moitas actividades organizadas pola editoral, que se poden consultar neste enlace.
-
11
Os 'Cantares' de Eladio y los seres queridos
A formación presenta o sábado o seu novo álbum Cantares, un disco que recolle unha coidada selección de temas tradicionais do cancioneiro de Galicia, pasados polo filtro pop e luminoso do grupo. Fonte do araño, Habemos de ir a Viana, A bruxa, Marín por ti, Meu amor é mariñeiro, Teño saudade ou O meu país son só algúns deles.
-
12
...e moito máis
E moito máis. O Culturgal 2016 ofrece na súa programación (que podes consultar e descargar aquí) 120 actividades e 80 stands de empresas e entidades. Ademais, espazos de restauración e a posibilidade de atoparse con moitos amigos, amigas e xente coñecida. Imposible aburrirse!