Praza Pública

Unha ducia de citas para celebrar a Rosalía en Lugo

Febreiro é o mes de Rosalía de Castro e neste 2020 a celebración da vida e obra da poeta espállase tamén por toda a provincia de Lugo cunha trintena de actividades culturais. Na programación impulsada dende a Área de Cultura da Deputación, con máis dunha trintena de actividades, os versos da poeta mestúranse coas músicas, o teatro ou a arte urbana. Velaquí doce citas a non perder

  1. 01

    As músicas de Zoelas

    Este venres, 21, ás 20:00 no salón de actos da Deputación de Lugo

  2. 02

    Lectura popular rosaliana

    O sábado, 22, ás 13:00 no Parque Rosalía de Castro, tempo para a tradicional lectura popular de textos de Rosalía da man da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

  3. 03

    O manifesto

    No acto do sábado, 22, ás 13:00 no Parque de Rosalía, será lido tamén o manifesto do Día de Rosalía da man da AELG, que este ano redactou o escritor Daniel Asorei. "Ambos errantes polo mundo andamos, dixo a muller. Daquela, as xentes silenciadas, ás que lle roubaran ata as palabras, recuperaron o alento. Fixérono de golpe. Souberon decontado o que eran, o que somos", comeza o texto

  4. 04

    O Día de Rosalía no Museo

    O propio Día de Rosalía, 24 de febreiro, a Área de Cultura da Deputación celébrao agasallando láminas conmemorativas no Museo Provincial.

  5. 05

    Cantares Gallegos e Follas Novas

    Os dous emblemáticos poemarios -na imaxe, un exemplar de Cantares Gallegos- serán protagonistas do acto poético-musical Día de Rosalía, entre adagios e versos, que acolle o salón de actos da Deputación o venres, 28, ás 20:00. Vinte e dous poetas recitarán versos de ambas obras.

  6. 06

    Paloma Suanzes

    No acto poético-musical do venres, 28, ás 20:00, a música correrá a cargo de Paloma Suanzes

  7. 07

    García MC

    Os versos máis urbanos e contemporáneos teñen tamén oco no mes de Rosalía deste 2020 en Lugo. O venres 6 de marzo, ás 18:00 no salón de actos da Deputación, é a quenda para García MC. Ademais, con Otro Prisma, o acto acollerá a proxección de vídeos realizados en centros educativos da provincia sobre a figura de Rosalía.

  8. 08

    Cultura urbana con 'Otro Prisma' e 'Concepto circo'

    Para celebrar o Mes de Rosalía, nunha ducia centros educativos da provincia Otro Prisma e Concepto Circo realizarán varias intervencións artísticas. Na imaxe, traballos de graffiti de Otro Prisma en varios puntos da cidade de Lugo.

  9. 09

    A pluma viva de Rosalía

    O sábado 7 de marzo, ás 18:00 no salón de actos da Deputación, Os Quinquilláns chegan co seu espectáculo A pluma viva de Rosalía. A obra fala de igualdade e liberdade a partir de textos da poeta e tamén dun feito real de censura.

  10. 10

    Faia

    O domingo 8 de marzo, ás 20:00 as músicas de Faia asolagarán o salón de actos da Deputación. En VINTE, a cantora explicou o que trouxo consigo o seu primeiro disco en solitario, Ao cabo leirín. 

  11. 11

    Xoana

    Máis mulleres poderosas para o Mes de Rosalía en Lugo. O sábado 14 de marzo, ás 19:30 no salón de actos da Deputación, Xoana, unha das últimas revelacións da música galega, chega dende O Porriño coas músicas do seu primeiro disco, Dardos.

  12. 12

    A reivindicación da oficialidade do Día de Rosalía

    Todos estes actos encádranse nunha reivindicación máis ampla, a da oficialidade do 24 de febreiro como Día de Rosalía, "referente necesario na procura de dignidade para a lingua e cultura galegas e na defensa do papel das mulleres na sociedade", detallan dende a Área de Cultura da Deputación lucense.