Praza Pública

Unha ducia de contornas para coñeceres o Lugo termal

Moitos centos (mesmo milleiros) de anos antes de que os spa fosen unha opción de lecer ou mesmo un atractivo turístico, no que actualmente é a cidade de Lugo os persoeiros romanos xa gozaban das augas termais. Non só na cidade, senón en toda a provincia lucense, os espazos incluídos no programa Lugo Termal da Deputación achegan á veciñanza aos tratamentos termais, pero tamén a contornas monumentais e naturais. Velaquí unha ducia delas.

  1. 01

    Balneario de Lugo

    Ás beiras do Miño, alí onde os conquistadores romanos agradecían ás ninfas a calidade curativa das augas, ergueuse o actual Hotel Balneario, un dos incluídos no programa Lugo Termal, que tras o freo da COVID regresou con prazas ampliada.  As súas augas son "sulfurado- sódicas, bicarbonatadas e hipertermais" e están indicadas para tratar afeccións como a reuma, problemas respiratorios ou enfermidades da pel

  2. 02

    Termas de Lugo

    No complexo do propio Balneario pódense visitar os restos das antigas termas. Este espazo abovedado correspóndese co apodyterium, a zona de vestiarios. "Son estes restos -destaca a Deputación-  os que dan ao balneario da capital lucense o privilexio de ser o único en Galicia que conserva dentro do edificio os vestixios arqueolóxicos orixinais".

  3. 03

    Ponte romana de Lugo

    Moi preto do balneario (no centro da imaxe, na beira do río) está a antiga ponte romana. Os seus piares viron pasar dous mil anos e dende a súa última rehabilitación, a comezos de século, liberouse definitivamente do paso dos coches, pasando a ser unha zona de paseo no barrio ao que dá nome.

  4. 04

    Insuas do Miño (Rábade)

    Río arriba ou río abaixo atoparemos paseos fluviais como os do Miño e do Rato, na propia cidade de Lugo. Tamén outras contornas se cadra un chisco máis descoñecidas, como as insuas (na imaxe), en Rábade. No actual paseo do Miño situarase, ademais, a futura praia fluvial pública da capital lucense.

  5. 05

    Balneario Río Pambre

    Na contorna natural do río Pambre, en Palas de Rei, está outro dos balnearios incluídos no programa Lugo Termal. As súas terapias están especialmente indicadas para o aparello locomotor e respiratorio. Tamén para recuperarse do estrés ou o cansazo.

  6. 06

    Castelo de Pambre

    Moi preto do balneario está o Castelo de Pambre, a fortaleza construída no século XIV por orde de Gonzalo Ozores de Ulloa. O complexo sobreviviu á revolta irmandiña e, nos séculos seguintes, deu servizo ao Camiño de Santiago, foi lugar de cobro de impostos e tamén centro de explotación agrícola.

  7. 07

    Balneario de Augas Santas

    En Pantón, en plena Ribeira Sacra, está outro dos balnearios do programa Lugo Termal. As súas augas están indicadas para problemas gástricos, entre outros, e ademais ofrece opcións de lecer deportivo.

  8. 08

    A Ribeira Sacra

    A estancia en Augas Santas pode ser unha perfecta escusa para coñecer a Ribeira Sacra. Na imaxe, o miradoiro do Cabo do Mundo, no Saviñao.

  9. 09

    Mosteiro de Santa María

    Sen saír de Pantón, en Ferreira -capital do concello- atopamos o mosteiro de Santa María. Primeiro foi benedictino e despois, cisterciense, sempre unicamente feminino e de clausura. É o único de toda Galicia que conservou a súa función dende que foi creado no século XVIII.

  10. 10

    Balneario de Pardiñas

    Fóra dos grandes complexos termais atopamos outras mostras que acreditan que a tradición termal lucense non quedou no pasado remoto. Ben ao contrario, viviu unha etapa de gran expansión dende finais do século XIX e ata que quedou truncada polo golpe de Estado en 1936. Foron os tempos no que floreceu, por exemplo, o Balneario de Pardiñas (Guitiriz), cuxa contorna natural ofrece ademais diversos roteiros de escasa dificultade.

  11. 11

    Charca do Alligal

    No lugar de Codesido, en Vilalba, a auga da Charca do Alligal destaca polas súas propiedades curativas para as doenzas de pel.

  12. 12

    Fonte ferruxinosa do Incio

    Na aldea da Ferrería, no Incio, existiu un balneario actualmente pechado. Pero as súas augas ferruxinosas seguen tendo propiedades que evocan o pasado termal da contorna. Na imaxe, custodiada pola Fundación Barrié, unha vista da contorna.