Marcos Pérez Pena

Unha ducia de cousas que aprendemos nas exposicións de 'Cidades no tempo'

Ata o 14 de setembro pode verse na sede de Afundación na Boa Vila a mostra Pontevedra no tempo, que pecha o ciclo de exposicións Cidades no tempo que dende o ano 2022 afondou tamén en Santiago, Ferrol, Lugo, A Coruña, Vigo e Ourense na identidade urbana de Galicia. Un proxecto expositivo comisariado por Manuel Gago que explorou a interacción entre urbanismo, sociedade e territorio, as especificidades de cada cidade e as conexións entre elas.

  1. 01

    Santiago no tempo

    "A identidade de Galicia séguese construíndo exclusivamente a partir do rural e do mundo agrario, esquecendo a Galicia urbana", dicía Manuel Gago nesta entrevista hai algo máis de dous anos. Estaba a piques de comezar a primeira das sete mostras programadas, dedicada á cidade de Santiago. A exposición, que puido verse entre xuño e setembro de 2022 na sede compostelá de Afundación, contou co asesoramento de Xosé Ramón Lema Bendaña, historiador e antigo Xefe do Negociado de Mantemento de Fondos Bibliográficos na USC.

  2. 02

    Cidades con máis de dez séculos de historia

    O proxecto reivindica que as cidades existen en Galicia dende hai moito tempo, aínda que efectivamente foi no século XIX cando estas comezaron a gañar poboación de maneira significativa. Había cidades xa na Idade Media e dende entón son moitos os núcleos que desenlveron uns modos de vida claramente urbanos, con hábitos, obxectos e relatos vencellados a eles.

  3. 03

    Ferrol no tempo

    A segunda exposición, a cabalo entre 2022 e 2023 foi protagonizada por Ferrol, unha mostra que contou con Guillermo Llorca, investigador especializado na historia da cidade, como coordinador local. Ferrol foi un dos mellores casos de urbanismo ilustrado na Península Ibérica pola súa evolución no século XVIII e a mostra fai fincapé neste aspecto.

  4. 04

    Ferrol, a cidade que une cultura e técnica

    Ferrol foi a primeira cidade de Galicia onde se deu entrada aos saberes técnicos e tecnolóxicos, cunha poboación obreira cunha demanda de acceso á educación moi relevante. Ferrol é unha cidade que une cultura e técnica, que constrúe, que fai cousas. Barcos, por suposto. Pero tamén foi o lugar no que a mestra Ángela Ruiz Robles creou a súa Enciclopedia Mecánica, un antepasado do ordenador moderno fabricado nas instalacións do Parque de Artillería de Ferrol.

  5. 05

    Lugo no tempo

    Despois de Ferrol no tempo, chegou Lugo no tempo, xa no ano 2023, que contou co asesoramento, como coordinadora local, da escritora lucense Marica Campo. A través de 90 pezas a mostra explorou a fusión da cultura do campo e a cidade en Lugo e tamén a enorme influencia romana e galaica en moitos aspectos.

  6. 06

    90 obxectos para contar a cidade lucense

    Entre os obxectos expostos destacou a moeda da caetra, a primeira acuñación monetaria producida no noroeste peninsular, con Octavio Augusto por unha cara e escudos e símbolos galaicos pola outra.

    Así mesmo, puido escoitarse a gravación en primicia da peza renacentista composta por Hernando de Ojea en 1602 para acompañar o lema do Reino de Galicia, un dos primeiros precedentes do que serían tempo despois os himnos nacionais europeos.

  7. 07

    A Coruña no tempo

    Entre xuño e setembro do pasado ano a sede coruñesa de Afundación amosou a mostra sobre a cidade herculina, dende hai varios séculos unha sociedade dinámica, emprendedora, liberal e marcada polas influencias internacionais que tiveron o porto como punto de entrada. A exposición contou co asesoramento, como coordinador local, do xornalista e xestor cultural Rubén Ventureira.

  8. 08

    A Coruña, cidade ilustrada e industrial

    A mostra percorreu varios fíos que explican a riqueza urbana da cidade da Coruña, dende a importancia das mulleres nos últimos século, a súa rica e ilustrada cultura e a súa potencia industrial, que chega ata o presente como punto de orixe e sede de Inditex. De feito, un dos elementos presentes na exposición é unha recreación da porta de entrada do primeiro Zara da historia, situado na rúa Juan Flórez.

  9. 09

    Vigo no tempo

    Nos últimos meses do ano 2023 foi a quenda da meirande cidade de Galicia. Vigo no tempo contou co asesoramento, como coordinador local, do columnista e editor de Xerais entre 1994 e 2018, Manuel Bragado. A exposición percorren a traxectoria dunha cidade que medrou rapidamente dende as últimas décadas do século XIX, pero que contaba cunha rica historia precedente.

  10. 10

    O Vigo dos trobadores medievais e da Movida

    Non podía faltar nesta mostra a referencia aos trobadores da súa ría pero tampouco ao Vigo industrial e ao Vigo do Grupo Atlántica, do Scalextric ou da Movida, uns anos de enorme creatividade que deixaron pegada. Como escribiu Reixa, "Vigo de grúas asombradas / Vigo, lumpen salitre / Vigo, bacallau!"

  11. 11

    Ourense no tempo

    Esta primavera foi a quenda de Ourense no tempo, mostra que contou co asesoramento, como coordinador local, do arqueólogo e escritor José María Eguileta. A exposición toma como fío condutor a importancia da auga do río Miño e das termas, que marcou o seu urbanismo e a súa historia dende os primeiros poboamentos.

  12. 12

    Ourense, "a Atenas de Galicia"

    A mostra destaca a vida intelectual da cidade (chamada a Atenas de Galicia) e recrea os míticos cafés ourensáns, onde se teceron as redes de artistas, intelectuais e cidadáns que derivaron en importantes expresións do pensamento e da arte galegas (un bo exemplo é a Xeración Nós). 

    Tamén inclúe elementos materiais que dan conta do crecemento da cidade, que en 1943 anexiounou o desaparecido Concello de Canedo.

    > Unha ducia de concellos galegos que xa non existen

  13. 13

    Pontevedra no tempo

    Finalmente, dende o pasado 15 de xullo (e ata o 14 de setembro) pode verse na sede pontevedresa de Afundación (Augusto González Besada, 2) a derradeira mostra deste proxecto expositivo, unha mostra que conta co asesoramento, como coordinadora local, da escritora, divulgadora e cronista Milagros Bará Viñas

  14. 14

    As orixes da 'Boa Vila'

    A exposición toma como punto de partida o mito fundacional de Teucro e percorre a mutación da urbe, que primeiro se caracterizou por un espírito portuario cuxo maior esplendor chegou no século XVI para derivar despues nun importante epicentro administrativo.