María Yáñez

Unha ducia de curas que trascenderon as súas parroquias

Aínda que en Praza non somos moi crentes, esta Semana Santa fainos acordarnos das persoas que se dedican á relixión católica e en concreto dos cregos, unha figura que en Galicia, sobre todo na rural, tivo e segue a ter moita importancia social. Nalgúns casos ademais a súa pegada transcende a homilía dominical e deixaron, ou deixarán, pegada histórica. Dende os máis herexes ata os máis poderosos, velaquí unha ducia de señores curas de diferente rango que entenderon a relixión cada un á súa maneira. Recuperamos esta magnífica ducia de María Yáñez nesta semana 'de paixón'.

  1. 01

    Andrés Torres Queiruga

    Sacerdote pero sobre todo teólogo, este aguiñés é un referente da filosofía da relixión a nivel internacional, e unha figura moi importante da nosa cultura (é membro da RAG e do Consello da Cultura Galega, foi Premio Trasalba e un dos fundadores da revista Encrucillada). Tanta influencia teñen os seus estudos, próximos á teoloxía da liberación, que a Conferencia Episcopal hai bastante tempo que lle declarou a guerra. Ata opunto de que a semana pasada, a través da súa Comisión da doutrina e da fe (que vén sendo o órgano herdeiro da Santa Inquisición) unha notificación condenando as súas terorías por "promover e tutelar a doutrina sobre a fe e os costumes" e "distorsionar a fe da Igrexa", no que significa unha consideración de pouco menos que herexe.

  2. 02

    Padre Casares

    O cura a día de hoxe máis popular de Galicia oficia en Santo Antón de Louredo unha parroquia que non existe, pero que se parece a moitas do rural galego, ben é certo que levado ao estremos do costumismo e por momentos tamén do surrealismo. Falamos de Padre Casares, a exitosa comedia da TVG que leva máis de 4 anos en emisión. Por ela pasaron distintos sacerdotes: dende o protagonista orixinal, o guapo e urbanita Horacio Casares (interpretado por Pedro Alonso), ou o seu antagonista Don Crisanto (interpretado polo finado Tuto Vázquez e despois por Gonzalo Rei Chao), que é o cura vello e rosmón, ata o actual párroco, Don Rodrigo, interpretado por Xaquín Domínguez.

  3. 03

    O cura de Xestoso

    Luis Ángel Rodríguez Patiño é outro deses curas de aldea heterodoxos e, por unhas ou por outras é tamén habitual das páxinas dos xornais por ser dos que non morde a lingua. Tense manifestado a favor do celibato opcional e de que os curas poidan casar e mesmo as mulleres poidan ser curas. Ten feito estudos sobre a homosexualidade nos seminarios que non lle fixeron ningunha graza á igrexa, e hai algo máis dunha década fixérase bastante mediático polos problemas que tiña cando o paraba a Garda Civil e lle quería facer soprar despois de beber viño en 5 misas seguidas, nas parroquias dos tres concellos onde oficia, entre Monfero, Xermade e Guitiriz. Era o oficio de cura rural compatible coas nosas precarias estradas? Máis alá da anécdota, Patiño destaca polos gran traballo que fai para dinamizar e vertebral a vida na aldea, sobre todo a dos máis vellos. Creou un Consello de Anciáns en Xestoso e alí puxo en marcha unha unidade da UNED Sénior. O cineasta Marcos Nine retratou o cura de Xestoso e mais os seus fregueses no documental Historia dunha parroquia.

  4. 04

    Xosé Manuel Carballo

    Outro cura de aldea peculiar é Xosé Manuel Carballo, párroco de Castro de Rei (Lugo) dende hai case 40 anos e tamén escritor, dinamizador cultural e -isto xa é máis raro-, ilusionista. Foi quen lle transmitiu a paixón pola maxia a moitos discípulos, agora mestres, como o Mago Antón, e é o padriño do Colectivo Máxico Waldemar de Lugo.  E de certo que goza do don da palabra, imprescindible para un mago e tamén para un crego. Ademais, a retranca chairega e a humildade, con orgullo, de ser un cura de aldea, marcan a súa obra literaria, sobre todo de narrativa curta (Parábolas Chairegas, Don Otto de viaxe pola Chaira) e teatro popular, con títulos como O menciñeiro á forza, Recobrou o sorriso o Eleuterio, Unha noite de ruada ou Vaise pechar outra casa máis, sempre poñendo no escenario historias moi cercanas á vida dos fregueses. É un gran animador sociocultural en Castro de Rei, onde colabora dende hai décadas coa Asociación Os Valuros para poñer en escea estas pezas teatrais. No vídeo vémolo na entrega duns premios literarios, onde aproveitou para facer algúns trucos de maxia.

  5. 05

    O cardeal Rouco Varela

    Nos antípodas dos curas que vimos ata agora está Antonio María Rouco Varela, o máis alto mandatario da Igrexa Católica española, e representante dun dos sectores máis duros e con máis poder dentro da Conferencia Episcopal, que preside desde 2008, con dous mandatos anteriores ente 1999 e 2005. Nacido en Vilalba no 1936 e estudado no Seminario de Mondoñedo, no 1984 foi nomeado arcebispo de Santiago de Compostela, e dez anos máis tarde marchou de arcebispo a Madrid. No 1998 Xoán Paulo II nomeouno cardeal. Ademais do seu extraordinario parecido co cantante Paco Clavel e da famosa portada de Interviú que protagonizara a súa sobriña Magdalena Rouco, o vilalbés ocupa moitos titulares de prensa polas súas opinións políticas, sempre favorables á dereita máis dura e nas que tanto fala contra o aborto e a homosexualidade como gaba a reforma laboral ou critica o 15-M. Tardou, iso si, algo máis en falar cando se tratou de condenar os casos de pederastia na Igrexia e en concreto o cometido por un membro do seu arcebispado en Madrid.

  6. 06

    Breixo, o seminarista de Vilamor

    Volvemos a ficción, á que podemos ver estes días na gran pantalla coa estrea de Vilamor, a cuarta longametraxe de Ignacio Vilar. Está baseada na historia real da comuna que se creou en Foxo (Negueira de Muñiz) nos anos 70, e protagonízaa Rubén Riós encarnando a Breixo, un rapaz que vén do seminario convencido de querer traballar na súa terra e para os seus, como querían moitos curas novos naquela época, e contra o mellor destino que queren para el tanto seus pais coma o párroco da súa aldea, que o quere mandar lonxe estudar a carreira teologal. Nisto instálanse perto da aldea uns rapaces que traen ideas novas e un amor pola terra máis próximo á idea deste mozo seminarista do que podería parecer. E unha nova maneira de entender o amor, que a el lle custa entender pero que tamén o atrae. Vilamor comezou a súa xira nas salas comerciais da provincia de Lugo e seguirá durante abril e maio por toda Galicia. O calendario de estreas está na súa web.

  7. 07

    O Padre Isorna

    Antes de Padre Casares, o cura televisivo máis famoso de Galicia foi Xosé Isorna Ferreirós, un franciscano nacido en Cordeiro (Valga), que era o que dicía a misa que daban os domingos dende os platós da TVG. A súa voz é inconfundible, e aos 90 anos que xa ten agora aínda mantén o tono, por máis que se lle escape algún seseo e gheada da súa zona de orixe. Aínda que está retirado dos medios, aínda escribe libros e acode a actos sociais. Como mostra, esta entrevista que lle fixeron en Correo TV co gallo da presentación dun libro que escribiu canda Gumersindo Meiriño sobre a vida dun santo tamén empresario, San Sebastián de Aparicio.

  8. 08

    Desirée Koukaou Tanoh

    O párroco de Zas dende hai nove anos ten este nome tan peculiar (Don Desirée?) porque naceu na Costa de Marfil e de alí veu para substituír o anterior párroco de Zas despois de que morrera. Aínda non ten 40 anos e é dos curas máis novos que hai en Galicia, país que se xa padece un grande envellecemento da poboación, no caso da profesión sacerdotal é moito máis grave, pois a media de idade supera a idade de xubilación (a nova, a dos 67 anos). Cada vez se ordenan menos cregos e os vellos van morrendo, polo que as dióceses teñen que recorrer, coma outros tantos sectores, a man de obra doutros países. O caso de Desirée Koukaou non é o único destes novos curas de importación, pero se falamos de monxas a disparidade de procedencias multiplícase. Malia a súa invisibilidade no mundo relixioso e no mundo en xeral, o traballo de monxa, non sendo de clausura, conta cunha crecente mobilidade laboral.

  9. 09

    Prisciliano

    O relixioso galego que inaugurou a tradición de herexes que estes días culmina co caso de Torres Queiruga foi Prisciliano, a quen a súa particular maneira de entender o cristianismo lle costou perder a cabeza (literalmente) no ano 385 en Tréveris (Alemaña). Quen lla mandou cortar foi o emperador Magno Clemente Máximo logo de que os precursores da inquisición acusaran a Prisciliano de bruxería e herexía, pois o seu cristianismo negaba a existencia do misterio da Trindade e priorizaba o estudo dos textos sagrados, ao tempo que promulgaba outras excentricidades como a igualdade de homes e mulleres nos templos, a abstinencia do alcol e da carne, abolir a escravitude a ata bailar na misa (fonte: Galipedia). Malia a súa morte deixou unha recua de seguidores que seguiron predicando a súa doutrina e que lograron traer os seus restos mortais de volta a Hispania. Dise que son os que en realidade ocupan o sepulcro do apóstolo Santiago. O que non se pode negar é a influencia espiritual que Prisciliano deixou aínda hoxe, reivindicada polo galeguismo cristián.

  10. 10

    Diego Xelmírez

    O gran señor feudal da Compostela do século XII foi un dos homes máis poderosos da historia de Galicia, dotado dunha visión de futuro perezvareliana que o levou a impulsar a construción a Catedral de Santiago e a promover as rutas xacobeas para atraer visitantes de toda Europa a Compostela. Para iso mandou escribir unha guía turística, o Códice Calixtino, misteriosamente desaparecido da Catedral o verán pasado, e que aos Xelmírez do século XXI pouco parece importarlles, mentres tratan de tirar para adiante coa catedral laica compostelá deste século, a cidade da Cultura, que como a outra, parece que tamén tardará algunhas décadas en acabarse.

  11. 11

    Moncho Valcarce, o cura das Encrobas

    A lista de curas máis ou menos heterodoxos que levamos vendo só pode ser coroada polo que foi o cura máis comprometido politicamente da nosa historia recente, e o máximo representante do nacionalismo cristián. Ademais de innovar no labor pastoral (segundo contan daba a comuñón con pan de centeo e viño do Ribeiro e eliminou os confesionarios), e de ofrecer a súa rectoral como acubillo de mozas e mozos antifranquistas, nos anos da transición Valcarce converteuse nun referente da loita agraria e política no rural. Defendeu a carón dos veciños a marisma de Baldaio, participou nas protestas contra a instalación da central nuclear en Xove e, sobre todo, na loita dos veciños das Encrobas (Cerceda) contra Unión Fenosa, que acabou expropiando as terras dun fértil val para convertelo nunha mina de lignito. O protagonismo de Moncho Valcarce neste episodio levouno a ser coñecido para sempre como "o cura das Encrobas". Militou no nacionalismo galego, primeiro en AN-PG e despois no BN-PG, polo que saíu senador nas primeiras eleccións da democracia, en 1977, e nos anos 80 foi concelleiro en Culleredo polo BNG. Morreu dun cancro en 1993, aos 57 anos de idade.