Unha ducia de deportistas de Galicia nos Xogos Olímpicos de París con opción de medalla
Preto dunha trintena de deportistas do país participan nos Xogos Olímpicos de París, que se inauguran este venres. Competir cos mellores do mundo na súa disciplina é xa unha honra, pero hai un feixe de galegas e galegos que, obxectivamente, aspiran a gañar unha medalla. Hai opcións en piragüismo, vela, remo, atletismo e tamén nalgúns deportes de equipo, como fútbol ou balonmán. Velaquí as opcións galegas. Soñamos?
-
01
Ana Peleteiro
Unha das mellores opcións de medalla é a de Ana Peleteiro. A atleta de Ribeira, bronce en Toquio, vén de proclamarse campiona de Europa en Budapest e é unha das favoritas á vitoria, máis aínda tendo en conta a ausencia de Yulimar Rojas por lesión. A cubana Leyanis Pérez, a dominiquesa Thea LaFond, a estadounidense Keturah Orji e a xamaicana Shanieka Ricketts serán as súas principais rivais. O 2 de agosto (cualificación) e 3 de agosto (final) temos unha das grandes citas dos Xogos.
-
02
Adrián Ben
Máis difícil é a opción do viveirense Adrián Ben, pero hai que lembrar que hai tres anos foi quinto en Toquio e o pasado ano proclamouse campión de Europa en pista cuberta. Hai un mes foi sexto no Campionato de Europa ao aire libre. Ben nunca se rende e de seguro que pelexará por entrar na súa segunda final olímpica. O 7 de agosto corre as series, o 9 de agosto a posible semifinal e o 10 de agosto sería a final olímpica.
-
03
Antía Jácome
Chegamos á auga, onde mellor se desenvolven galegos e galegas. A pontevedresa Antía Jácome compite no C2 500 a partir do 6 de agosto e no C1 200 a partir do 8 de agosto. O 9 e o 10 de agosto serán as semifinais e finais, nas que espera estar. E aí a medalla pode estar moi preto.
-
04
Carlos Arévalo e Rodrigo Germade
O betanceiro Carlos Arévalo e o cangués Rodrigo Germade xa saben o que é gañar unha medalla e buscan un segundo metal. Ambos compiten no K2 500 dende o 6 de agosto e forman parte do potente K4 500 español que tamén debuta ese día. O 8 de agosto (o K4) e o 9 de agosto (K2), con grandes opcións de medalla.
-
05
Teresa Portela e Carolina García
Tamén está entre as favoritas ao triunfo o K4 500 feminino, do que forman parte a canguesa Teresa Portela e a pontevedresa Carolina García. Ademais, García compite no K2 500. A partir do 6 de agosto entrarán en competición e os días 8 e 9 será a loita polos metais.
-
06
Manu Ochoa
Tamén en piragüísmo, pero en augas bravas, o tomiñense Manu Ochoa participará na categoría de kayak cros, modalidade na que o pasado mes de xuño obtivo a vitoria en Praga na Copa do Mundo. Competirá entre o 2 e o 5 de agosto. Non é favorito a medalla e un diploma olímpico sería un grande éxito. Pero temos dereito a soñar.
-
07
Támara Echegoyen
Non saímos da auga, pero imos a mar aberto. Alí, Támara Echegoyen busca unha nova medalla olímpica, desta volta no 49erFX, no que compite con Paula Barceló. A parella foi cuarta en Toquio e aspira a acadar unha medalla. O 29 de xullo comezarán a competición e o 1 de agosto celebrarase a derradeira regata, nas que se definirán os metais.
-
08
María de Valdés
Tamén en augas abertas, pero en natación, aspira a unha medalla a malagueña María de Valdés, afincada na Coruña dende hai sete anos. A carreira de 10 quilómetros será o 8 de agosto e a nadadora pode estar preto dos metais. Este ano foi medalla de prata na mesma proba no Campionato do Mundo de Natación.
-
09
Caetano Horta
En remo compite o noiense Caetano Horta na modalidade de dobre skul lixeiro. Horta foi sétimo en Toquio, polo que non hai que descatalo para nada. O mesmo sucede co moañés Rodrigo Conde, no dobre skul, despois de ter acadado unha medalla de prata no Campionato do Mundo de 2022. Conde compite dende o 27 de xullo e Horta dende o día 28. As finais polas medallas serán o 1 e 2 de agosto, respectivamente.
-
10
Enmanuel Reyes
Tamén hai opcións de medalla en boxeo, con Enmanuel Reyes, cubano de orixe que reside na Coruña dende hai anos. En Toquio foi quinto e o pasado ano foi bronce no Campionato de Europa. En París competirá na categoría de 92 quilos e figura entre os favoritos para acadar un metal. Comeza a boxear o 28 de xullo e o 9 de agosto celebraríase a hipotética final.
-
11
Teresa Abelleira
E rematamos cos deportes de equipo, onde hai galegas nos combinados de balonmán, baloncesto e fútbol feminino e un xogador na selección de balonmán masculino. Nas catro modalidades hai opcións de medalla, especialmente no fútbol e no baloncesto feminino e no balonmán masculino.
Se temos que escoller unha favorita ás medallas, quedamos coas xogadoras da selección de fútbol, campioas do mundo hai un ano, un equipo no que a pontevedresa Teresa Abelleira é a peza clave no centro do campo. A competición de fútbol feminino comezou xa este xoves co España-Xapón e a posible final será o 10 de agosto.
-
12
Rodrigo Corrales
No balonmán masculino, Rodrigo Corrales forma parte dunha selección española que foi bronce en Toquio e nos dous últimos mundiais e que aspira claramente aos metais. A competición para el comeza este sábado co España-Eslovenia, de camiño á loita polas medallas, o 9 e 10 de agosto.
Non hai que esquecer as opcións da viguesa María Araújo e a ourensá Paula Ginzo coa selección española de baloncesto, que comezan a competir este domingo co España-China.