Unha ducia de edificios de arquitectura indiana en Galicia
A emigración galega a América trouxo de regreso ideas novas, músicas novas, a vontade do progreso, o énfase no dereito á educación e, ademais, deixou un patrimonio arquitectónico singular e que hoxe podemos ver de norte a sur do país. A finais de xaneiro o Consello da Cultura Galega presentou un informe que busca avanzar na catalogación das casas de indianos galegas como paso previo á súa protección. Ribadeo, Barreiros, Viveiro, Ortigueira, Fene, Ares, Sada, Ponte Caldelas, A Guarda, Cee, Tomiño... Especialmente a Galicia litoral inzouse de vivendas de estilos eclécticos e que buscaban reflectir o percorrido transoceánico que realizaran os seus propietarios. Tamén apareceron as escolas de emigrantes que achegaron o ensino ás camadas populares. Velaquí algunhas destas construcións.
-
01
Torre dos Moreno (Ribadeo)
Esta listaxe podería comezar en calquera lugar, pero poucos tan significados como Ribadeo e a Mariña, onde as construcións realizadas polos indianos destacan polo seu número e beleza. É o caso da Torre dos Moreno, no centro da vila, mandada construír por Pedro e Juan Moreno Ulloa en 1915 e deseñada polo arquitecto Julián García Núñez e o enxeñeiro Ángel Ardex. Está declarada Ben de Interese Cultural dende 1997.
-
02
Casa Maseda na Devesa (Ribadeo)
En Ribadeo a presenza indiana esténdese por todas as parroquias e, por exemplo, na Devesa atopamos varios exemplos de gran valor, como é a Casa Maseda, construída en 1920. Este especial do Arquivo da Emigración do CCG xa afondou na importancia do indiano Pedro Murias e do seu legado na Devesa.
Non é casualidade que a localidade acolla todos os veráns o Ribadeo Indiano, a festa que celebra a pegada decisiva desta influencia.
-
03
Villa Julia, en Barreiros
Poderíamos facer unha ducia tan só cos exemplos que atopamos na Mariña, de Barreiros a Foz, Ourol ou Viveiro. Para quen queira afondar na pegada indiana na comarca, o Arquivo da Emigración do CCG publicou hai tempo este especial de obrigada lectura. En Barreiros temos a Villa Julia, en San Miguel de Reinante, construída en 1926, con clara inspiración francesa.
-
04
Villa Modesta (Foz)
Casa do Señorón, en Ourol; o Chalet de Fondón, en Magazos (Viveiro); ou Villa Modesta (Foz), son outros exemplos da beleza destas construcións.
-
05
Escola 'La Devesana' (Ortigueira)
Os indianos construíron tamén escolas. Moitas, como xa repasamos nesta ducia. O edificio escolar La Devesana (Ortigueira) foi inaugurado en 1912 pola Sociedad de Instrucción y Recreo La Devesana, fundada na Habana coa finalidade principal da creación e mantemento dun centro de ensinanza na súa parroquia natal. Funcionou como escola laica para nenos e nenas
-
06
Alianza Aresana de Instrucción (Ares)
Outra desas escolas singulares, das que moitas aínda se manteñen en uso (aínda que non sempre como centro de ensino) é a Alianza Aresana de Instrucción, fundada en 1904 en Ares, sendo unha das pioneiras en Galicia.
O Arquivo da Emigración do Consello da Cultura Galega dedicoulles a estas escolas de emigrantes un dos seus especiais de Historias de Ida e Volta e hai uns anos o proxecto web As escolas da emigración, catalogando un total de 317 colexios, ademais da exposición Luces de alén mar, comisariada por Vicente Peña.
-
07
Casa Minerva (Ares)
En Ares son moitos os exemplos da influencia da emigración americana no patrimonio, como nesta Casa Minerva, na parroquia de Caamouco, en Barracido. A emigración aresá dirixiuse a moitos países pero a cubana foi especialmente importante.
-
08
Chalé do Adriano, en Barallobre (Fene)
A península de Bezoucos, que abrangue os termos municipais de Ares, Mugardos e tamén unha parte importante de Fene (Barallobre, Maniños, Limodre...) e Cabanas está inzada de casas de indianas, algunha tan singular como o Chalé do Adriano (tamén coñecida por "Casa da Maleta"), construído por Antonio Fernández Fernández, coñecido como O Adriano, segundo os planos que el mesmo deseñou tras retornar de Cuba.
A web Patrimonio Indiano recolle o patrimonio existente na Península de Bezoucos que, ademais, non se limita a vivendas. Non lonxe desta casa, tamén en Barallobre (Fene), atópase o Cine Adriano, impulsado polo mesmo Antonio Fernández. Inaugurado en 1947 foi o primeiro edificio deseñado exclusivamente para ser cine e tiña capacidade para 388 persoas.
-
09
Sociedade O Pote, en Barallobre (Fene)
Dende o Casino Progreso, en Franza (Mugardos), á Casa Santa Amalia en Redes (Ares) ou a Casa Montero Cabana, no Seixo (Mugardos), esta zona acolle un valioso patrimonio indiano, que mesmo inclúe un cemiterio protestante en Ares, impulsado polo emigrantes aresáns en Cuba ante a negativa a autorizar enterros no cemiterio católico para os "herexes".
Tamén cómpre destacar a importancia da Sociedade O Pote, en Barallobre, unha iniciativa da Sociedade O Pote de Amigos das Árbores, fundada en 1926 -cunha gran presenza de emigrantes en Cuba- para construír un espazo con árbores autóctonas para a celebración das festas parroquiais. En 1933 crearon a Romaría do Pote, a primeira festa gastronómica sen connotacións relixiosas da comarca
-
10
Escolas Sada
Tamén nas Mariñas coruñesas temos bos exemplos de arquitectura indiana, nomeadamente en Sada, Oleiros, Bergondo ou Betanzos, entre outros concellos. En Betanzos hai que destacar ante todo O Pasatempo dos irmáns García Naveira, que é non só unha fabulosa mostra de patrimonio indiano senón unha expresión ideolóxica desta nova Galicia coa que algúns emigrantes soñaban.
En Sada temos o edificio das Escuelas Sada y sus contornos, promovido en 1914 pola sociedade do mesmo nome, con sede en Nova York.
-
11
Instituto Fernando Blanco de Lema (Cee)
Na Costa da Morte temos tamén a pegada indiana, por exemplo en Cee, onde destaca a Casa Mayán e, sobre todo, o legado de Fernando Blanco de Lema, que construíu dous magníficos edificios: o colexio-instituto que leva o seu nome e a escola de nenas.
-
12
Casa de Don Eloy (A Guarda)
Tamén no sur de Galicia hai estupendos exemplos de arquitectura indiana, dende Ponte Caldelas á Guarda, pasando por Pontevedra, Nigrán ou Tomiño.
Na Guarda, que reúne un gran número de construcións indianas, destaca a Casa de Don Eloy, impulsada por Eloy Domínguez Veiga en 1890. Ou tamén a Villa Borinquen, construída en 1910
-
13
Casa indiana en Ponte Caldelas
Ponte Caldelas documentou unha vintena de casas indianas, construídas polos moitos emigrantes que da localidade, que marcharon sobre todo a Brasil. Destaca pola súa beleza as casas existentes na Insua e outras moitas en Anceu e no centro da vila.
-
14
Casa da Lucita ou de Troncoso, en Goián (Tomiño)
Tamén Tomiño reúne un gran número de construcións indianas, como se pode ver nesta web que detalla un total de 34 inmobles. Podemos destacar a Casa da Lucita ou de Troncoso, en Goián, construída en 1909 por impulso de Gerardo Fernández Troncoso. En Tomiño os emigrantes tamén promoveron escolas, cemiterios e outras iniciativas sociais.