Un informe do CCG avanza na catalogación das 'casas de indianos' galegas como paso previo á súa protección

Casa de indianos na Devesa, en Ribadeo © Concello de Ribadeo

O documento, presentado este luns, fixa unhas características comúns que permitan identificalas, catalogalas e reforzar a súa protección xurídica, da que actualmente carecen. Tamén se aposta por protexer o legado cultural e etnolóxico deixado pola emigración de retorno

A emigración galega en América deixou unha fonda pegada no territorio galego a nivel emocional, etnolóxico e impulsou cambios culturais e políticos. Tamén deixou unha pegada física, a través das vivendas e edificios civís construídos polos emigrantes retornados ou financiados polas súas remesas. Aí están as escolas de emigrantes, coas que se buscaba dar oportunidades de desenvolvemento á mocidade galega, e tamén as casas de indianos que aínda se poden ver nun gran número de localidades do país. Estes inmobles, ademais, incorporaron un estilo propio, moi recoñecible. 

Porén, ata agora estes edificios non foron obxecto da necesaria catalogación exhaustiva e protección, sobre todo os de carácter residencial privado (non así os de carácter comunitario e colectivo, como as chamadas escolas de indianos ou de americanos). Nos últimos tempos algunhas voces de alarma alertaron da necesidade de establecer uns criterios que permitisen a súa identificación, clasificación e protección. 

Torre dos Moreno, en Ribadeo © Concello de Ribadeo

Ata agora estes edificios non foron obxecto da necesaria catalogación exhaustiva e protección, sobre todo os de carácter residencial privado (non así os de carácter comunitario e colectivo, como as chamadas escolas de americanos)

Por ese motivo, o pasado 5 de decembro, unha comisión técnica temporal, presidida polo vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé M. Núñez Seixas, reuniu un grupo de expertos procedentes de diversos ámbitos, dende as ciencias do patrimonio e a arquitectura ata a historia contemporánea e os estudos xurídicos do patrimonio cultural, unha xuntanza que deu pé á realización dun estudo ao abeiro dun convenio de colaboración entre o CCG e a Asociación de Letrados da Xunta e que foi presentado este luns na sede do Consello 

O Informe sobre a arquitectura indiana en Galicia: propostas para a súa definición e protección patrimonial analiza a arquitectura indiana galega co fin de delimitar uns criterios tipolóxicos que permitan tanto a súa identificación e catalogación como a súa debida protección xurídica. 

 

O traballo inclúe unha análise sobre o estado da cuestión histórica da arquitectura indiana, unha análise patrimonial e arquitectónica que delimitase os elementos tipolóxicos mínimos para definir un inmoble como arquitectura indiana e un estudo xurídico coas posibilidades normativas en materia de protección patrimonial

O traballo divídese en tres apartados: unha análise sobre o estado da cuestión histórica e historiográfica da arquitectura indiana (a cargo de Raúl Soutelo Vázquez e Xosé M. Núñez Seixas); unha análise patrimonial e arquitectónica que delimitase os elementos tipolóxicos mínimos para que se puidese definir un inmoble como arquitectura indiana (elaborada por Rebeca Blanco-Rotea e Teresa Táboas Veleiro), e un estudo xurídico no que se revisasen as posibilidades normativas e as propostas en materia de protección patrimonial que fosen aplicables ao caso concreto da arquitectura indiana de Galicia (a cargo de María Isabel Novo Castro, Carmen M. Salgueiro Moreira e Santiago Valencia Vila).

Na presentación, na que interviron Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Xosé M. Núñez Seixas, vicepresidente do CCG e coordinador da comisión técnica temporal que elaborou o informe, e mais Rebeca Blanco-Rotea e María Isabel Novo Castro, integrantes da citada comisión. Rosario Álvarez subliñou que "levabamos moito tempo coa de idea de expandir a atención ao legado da emigración que presta o CCG a toda a arquitectura indiana e definir os seus límites para saber que alcance pode ter a protección que se debe exercer sobre ela”.

Presentación do informe sobre arquitectura indiana galega, este luns no CCG © CCG

O texto lembra que a Lei do Patrimonio de Galicia permite a protección, como patrimonio arquitectónico, das edificacións relevantes da arquitectura indiana e subliña que para que poida aplicarse este precepto "é preciso determinar, en relación coa arquitectura de indianos, os principios recoñecíbeis do estilo arquitectónico"

O informe destaca o valor do legado cultural dos retornados das migracións transoceánicas, o fenómeno indiano, un legado "que presenta características propias, froito da hibridación cultural, e que induciu cambios relevantes na paisaxe, na vida cotiá, nas mentalidades e na evolución sociopolítica de moitas das aldeas, vilas e cidades de orixe". As chamadas vivendas de americanos, indianos ou brasileiros representan “unha imaxe icónica desas transformacións, polo grande impacto visual da súa estética no territorio, que serve para marcar unha auténtica paisaxe cultural da emigración”. 

O texto lembra que a Lei do Patrimonio de Galicia permite a protección, como patrimonio arquitectónico, das edificacións relevantes da arquitectura indiana. O documento subliña que para que poida aplicarse este precepto "é preciso determinar, en relación coa arquitectura de indianos, os principios recoñecíbeis do estilo arquitectónico como paso previo necesario para, posteriormente, identificar aqueles inmóbeis que evidencien, total ou parcialmente, eses principios de forma relevante pola calidade do seu proxecto, espacial ou construtiva, a súa singularidade estética ou a súa representatividade tipolóxica, ademais de posuír unha dimensión social significativa". 

Proponse limitar a definición de arquitectura indiana galega a “aquela promovida por migrantes retornados das Américas, cun estilo orgánico que xorde da hibridación entre a arquitectura de orixe (Galicia) e a de destino (América), e que se fai en territorio galego”

Por este motivo no informe achéganse elementos que poderían servir de base ou terse en conta para estes efectos. Feita esa determinación e identificación, os correspondentes inmobles poderán ser declarados de interese cultural ou incluídos no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia (como bens catalogados).

Malia tratarse dun concepto que tende a “ser moi líquido”, tal e como se indica no propio estudo, proponse limitar a definición de arquitectura indiana galega a “aquela promovida por migrantes retornados das Américas, cun estilo orgánico que xorde da hibridación entre a arquitectura de orixe (Galicia) e a de destino (América), e que se fai en territorio galego”. A partir desa definición, o informe establece unhas características comúns identificadas naqueles inmóbeis que son representativos da arquitectura indiana en Galicia e que, inclúen, por exemplo, principios como a hibridación da pedra con azulexos, mosaicos ou pintura; a incorporación de elementos de saneamento e hixiene, ou o emprego dunha vexetación propia do lugar ao que se emigrara.

Chalé do Adriano, en Barallobre (Fene) © patrimonioindiano.gal

O informe destaca que os emigrantes retornados trouxeron con eles un legado cultural “que induciu mudanzas importantes na paisaxe, na vida cotiá e nas mentalidades e evolución sociopolítica de moitas das aldeas, vilas e cidades de orixe”

O informe destaca así mesmo que os emigrantes retornados trouxeron con eles un legado cultural “que induciu mudanzas importantes na paisaxe, na vida cotiá e nas mentalidades e evolución sociopolítica de moitas das aldeas, vilas e cidades de orixe”. Neste senso, sinálase que "existirían argumentos para soster a presenza dun elemento etnolóxico que podería determinar a posíbel protección de certas manifestacións do devandito fenómeno como patrimonio etnolóxico".

O documento engade, finalmente, que a importancia do fenómeno indiano en Galicia "podería levar ao impulso de liñas de actuación ou estratexias" xunto con outros territorios peninsulares (dende o norte de Portugal ata o País Vasco) que compartan este fenómeno, "con vistas a unha posíbel protección de maior alcance que o estritamente autonómico". 

Regreso do indiano (1918), Castelao Dominio Público Afundación

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.