Unha ducia de escenarios nos que Domingo Villar deixa orfo a Leo Caldas
Domingo Villar morreu este mércores deixando orfo a Leo Caldas, o detective ao que foi moldeando ao longo das tres novelas negras das que o fixo protagonista, Ollos de auga (2006), A praia dos afogados (2009) e O último barco (2019). Tres obras nas que hai outra personaxe fundamental, a paisaxe, rural ou urbana, da ría de Vigo e da súa contorna. Repasamos unha ducia deses escenarios das novelas de Villar tentando non revelar nada fundamental das súas tramas.
-
01
A illa de Toralla
Non vai afectar a quen aínda non lese a novela dicir que a illa de Toralla e o seu rechamante edificio son o escenario do crime co que comeza 'Ollos de auga', a tarxeta de presentación de Leo Caldas. [CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral – Xunta de Galicia]
-
02
Praia da Madorra
'A praia dos afogados' que dá nome á segunda novela na que aparece Leo Caldas é a da Madorra, en Nigrán, onde aparece un cadáver. [CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral – Xunta de Galicia]
-
03
Tirán
Para a súa terceira novela, 'O último barco', Leo Caldas terá que desprazarse ao outro lado da ría, a Moaña. Tirán, onde vive unha das protagonistas da obra, converte a súa xeografía noutro elemento máis da novela.
-
04
Taberna Eligio
Leo Caldas é un adicto á boa comida galega e a Taberna Eligio, pola que pasaron nomes significativos do galeguismo, agochada nun recuncho tras a céntrica rúa do Príncipe de Vigo, é un dos seus lugares preferidos. Estes días o propio local compartiu unha imaxe da mesa que adoitaban ocupar o escritor e o seu personaxe.
-
05
Bar Puerto
Outro dos lugares nos que Caldas adoita comer é o Bar Puerto. Ata hai uns anos estaba nun edificio de pedra da rúa do Areal, pero trasladouse a uns poucos metros, na veciña rúa da República Argentina.
-
06
Ensanche vigués
A vida de Leo Caldas, cando non está investigando sobre o terreo algún crime, desenvólvese polo ensanche vigués.
-
07
Porto de Panxón
Caldas vive en Vigo, pero o seu traballo obrígao a mergullarse noutras realidades máis mariñeiras ou rurais, das que aínda queda algo en lugares como o porto de Panxón, en Nigrán, moi próximo á praia da Madorra.
-
08
Porto de Moaña
Se en 'A praia dos afogados' o porto de Panxón e as súas xentes son protagonistas, en 'O último barco' similar papel ten o porto de Moaña.
-
09
Escola de Artes e Oficios
Xunto coa costa do Morrazo, en 'O último barco' tamén ten un especial protagonismo a Escola de Artes e Oficios de Vigo, que ocupa un edificio deseñado polo arquitecto Michel Pacewicz.
-
10
O transporte de ría
O protagonismo do transporte de ría entre O Morrazo e Vigo chega en 'O último barco' non só ao título do libro senón mesmo á foto empregada para a edición en galego de Galaxia.
-
11
Viñedos no Baixo Miño
Facer viño é a principal ocupación do xubilado pai de Leo Caldas, que vive nunha casa xunto ao río Miño.
-
12
O cine
As paisaxes que recorre Leo Caldas non só se poden imaxinar nas descricións de Domingo Villar senón que tamén foron levadas ao cine por Gerardo Herrero en 2015, en 'La playa de los ahogados', rodada nas localizacións orixinais do libro, como ben exemplifica o cartel da película, cunha fotografía tirada na Madorra co porto de Panxón á esquerda e a vila de Baiona ao outro lado da baía.