Unha ducia de exemplos de esgrafiado galego
O pasado mes de novembro a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural incorporou ao Censo do Patrimonio Cultural a técnica do esgrafiado galego como "manifestación do patrimonio cultural inmaterial". O esgrafiado é unha técnica tradicional de albanelaría para realizar decoracións sobre os morteiros de cal nas paredes. Destaca o seu uso nas comarcas de Lemos, Chantada, A Ulloa e O Deza e na Ribeira Sacra. Velaquí unha ducia de exemplos.
-
01
Casa do Camiñas en Campo (Taboada)
O esgrafiado é unha técnica tradicional de albanelaría para realizar decoracións sobre os morteiros de cal nas paredes dun inmoble e está presente en moitas construcións por todo o país, aínda que ten máis presenza no sur e no leste de Galicia, nas provincias de Lugo e Ourense, destacando o seu uso nas comacas de Lemos, Chantada, A Ulloa e O Deza e, en xeral, na Ribeira Sacra.
A Casa do Camiñas, en Campo (Taboada), é un bo exemplo, unha casa de labranza realizada no século XIX polo mestre canteiro Ramón Vilasante. Trátase dun conxunto de arquitectura ben conservada, emprazado a carón do campo da festa parroquial, rodeado de castiñeiros e nogueiras, nun espazo de considerable valor cultural e ambiental.
Imaxe: Turismo Ribeira Sacra
-
02
Gontá (Palas de Rei)
Na resolución aprobada por Patrimonio destácase que "a técnica tradicional do esgrafiado galego conforma un dos exemplos de técnicas, coñecementos e usos máis relevantes das formas de vida tradicional e a relación das comunidades co medio para a creación da súa paisaxe"
Velaquí outro exemplo de esgrafiado galego en Gontá (Palas de Rei)
Imaxe: https://www.arquitecturaydiseno.es/
-
03
Pantón de Arriba (Pantón)
Esta casa en Pantón de Arriba (Pantón) é un exemplo de intervención recente na que se buscou a conservación e restauración do revestimento tradicional, decorado co esgrafiado galego
Imaxe: Turismo Ribeira Sacra
-
04
Gondulfe (Taboada)
É unha técnica tradicional "dunha especial complexidade", resultante "da aplicación dunha segunda camada de revocadura, en que se trazan debuxos con grafio, coitelas ou cucharín, se retira con raspado a capa superficial antes do seu endurecemento e queda ao descuberto a camada inferior, mostrando así diferente cor e textura".
Velaquí outro exemplo de esgrafiados na Ribeira Sacra, neste caso en Gondulfe (Taboada)
Imaxe: Eilavila
-
05
Casa do Carteiro en San Miguel de Montefurado (Quiroga)
Tamén nesta vivenda en San Miguel de Montefurado (Quiroga), denominada a Casa do Carteiro, se levou a cabo un traballo de recuperación coa técnica tradicional do esgrafiado.
Imaxe: Turismo Ribeira Sacra
-
06
Vilariño de Arriba (Taboada)
A Xunta destaca igualmente que "os esgrafiados non son unha simple decoración mural", senón que estamos "diante dun código de comunicación complexo, que revela valores estéticos e sociais, unha tradición e a continuidade dunha identidade e, de xeito moi evidente, sinala relacións coa paisaxe, co medio das aldeas en que se habita".
Temos aquí unha fermosa fachada decirada con esgrafiados en Vilariño de Arriba (Taboada)
Imaxe: https://www.arquitecturaydiseno.es/
-
07
Castro Caldelas
No ano 2017 Miguel Peralta e Xoana Almar (Cestola) deseñaron este mural nunha vivenda da Praza da Torre de Castro Caldelas, finalmente executado tamén por Carola Sánchez e Xavier Bernández, dous expertos na técnica. Foi unha actuación que supuxo retomar a técnica tradicional do esgrafiado dándolle un valor engadido e contemporáneo, a combinación co muralismo. Este traballo forma parte dun conxunto de intervencións promovidas polo Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.
Imaxe: Cestola na Cachola
-
08
San Lourenzo de Barxacova (Parada de Sil)
Outra actuación recente e esteticamente innovadora, partindo da tradición e recuperándoa, foi esta realizada en San Lourenzo de Barxacova (Parada de Sil).
Imaxe: Turismo Ribeira Sacra
-
09
Cambela (O Bolo)
A monfortina Mar López Sotelo é probablemente a principais expertas na técnica do esgrafiado galego, que investigou, fotografou e cataloga no blog RedRibeiraSacra. Igualmente, creou este mapa, que amosa o uso do esgrafiado galego en inmobles de todo o país. Ten traballado, ademais, para o recoñecemento desta "arte propia" por parte da Real Academia Galega de Belas Artes.
Velaquí unha das súas imaxes, que amosa o orixinal traballo realizado nunha casa en Cambela (O Bolo).
Imaxe: Mar López Sotelo
-
10
Casa en Viana do Bolo
O pasado ano Mar López Sotelo publicou que atopara, por indicación do arquitecto de Viana do Bolo, a que podería ser "a Capela Sixtina do Esgrafiado Galego"., situada nesta localidade ourensá.
"Os elementos figurativos e o bestiario levábannos a entender que se trataba dun propietario que viaxara moito e que nas paredes da súa casa deixou a pegada das súas innumerables aventuras", destacou a investigadora.
Imaxe: Mar López Sotelo
-
11
Sabadelle (Chantada)
Outro dos exemplos recollidos por Mar López Sotelo é esta casa esgrafiada en Sabadelle (Chantada), propiedade da familia do enólogo Óscar González Rizo.
Na resolución aprobada por Patrimonio alértase de que a transmisión da técnica está en perigo, pois "xa non hai albaneis en activo formados cos antigos caleadores e os poucos que de novos aprenderon a técnica están xubilados"
Imaxe: Mar López Sotelo
-
12
San Martiño de Siós (Pantón)
A técnica do esgrafiado empregábase tradicionalmente en todo tipo de fachadas, dende vivendas a hórreos, pasando por igrexas como esta de San Martiño de Siós (Pantón), nunha decoración de innegable valor estético e que ademais servía para un mellor illamento dos inmobles.
En realidade, cubrir con cal as paredes era o normal, o tradicional, en Galicia ata comezos do século XX, cando se impuxo unha nova moda de deixar a pedra á vista, e as rúas galegas deixaron de ser brancas, unha tendencia que aínda se mantén e mesmo impuxo a súa consideración como tradicional.
Imaxe: Mar López Sotelo