Unha ducia de fenómenos da construción
Este venres chega ás salas de cine Os fenómenos, o filme no que Alfonso Zarauza retrata, cunha mestura de humor e amargura, unha das moitas caras da burbulla inmobiliaria. Esta recomendable estrea sérvenos de escusa para repasarmos algunhas das persoas e institucións que, en sentido amplo, exerceron de fenómenos do ladrillo por acción ou omisión.
-
01Manuel Jove
O empresario galego vendeulle en 2006 a súa inmobiliaria, Fadesa, ao propietario de Martinsa, Fernando Martín. A operación resultou ser un negocio ruinoso para o comprador pero máis aínda para os territorios nos que lanzou megaproxectos como Costa Miño Golf, a enorme urbanización no Concello de Miño que nunca chegou a ser rematada e que causou múltiples prexuízos económicos, paisaxísticos e ambientais á zona.
-
02Jacinto Rey
O que foi un dos grandes empresarios galegos do ladrillo -e que mesmo impulsou malogradas aventuras no sector da comunicación- está agora lastrado polas débedas e pugna cos bancos para tentar manter o control do seu grupo empresarial.
-
03Valeri Karpin
O que fora estrela do Celta de Vigo meteuse de cheo no mundo da construción co polémico proxecto do vigués Barrio do Cura como emblema, que acumula unha década de trámites.
-
04Gerardo Conde Roa
O ex alcalde de Santiago naufragou na súa travesía como construtor ao saír á luz a fraude fiscal que lle custou a carreira política.
-
05Manuel Fraga e Peter Eisenman
O ex presidente dixo ter un "soño", a Cidade da Cultura, e o arquitecto norteamericano plasmouna nun proxecto que gañou un controvertido concurso de ideas. O resultado -parcial- érguese sobre o compostelán monte Gaiás e custa mantelo aberto uns 9.000 euros diarios.
-
06O Goberno de España
Poden ser múltiples os exemplos dos proxectos comandados dende a Administración estatal co ladrillo como bandeira. Tomaremos un a xeito de exemplo: o porto exterior da Coruña, que segue a ser construído nun lugar pouco recomendado polos expertos, punta Langosteira, xusto enfronte do porto exterior ferrolán.
-
07Méndez e Gayoso
Durante anos foron os representantes dunha caste de monarquía bicéfala en Galicia. Comandaron a expansión das desaparecidas caixas galegas por todo o Estado e, moi especialmente, pola fachada mediterránea, onde se lanzaron indisimuladamente ás alegrías do ladrillo. Practicamente o 60% dos pisos que deixaron sen vender están fóra do país.
-
08Negreira e o Concello da Coruña
O Concello da Coruña teima en levar adiante o proxecto denominado Parque Ofimático aínda que implique pasar, literalmente, por riba da veciñanza. O último e triste capítulo foi o desafiuzamento dunha familia para dotar de equipamentos a futura urbanización.
-
09O Concello de Barreiros
O Concello barreirense aspiraba a ser a Marbella do norte galego e por iso concedeu licenzas para case 6.000 vivendas no municipio, de pouco máis de 3.000 habitantes. Aquela desfeita, símbolo da burbulla inmobiliaria en Galicia, foi paralizada polo Goberno bipartito da Xunta en 2007, iniciando unha batalla xudicial que foi paralizada co retorno do PP ao poder. A Xunta de Feijóo, segundo o TSXG, cometeu desviación de poder nesa operación.
-
10Telmo Martín
Na súa dupla faceta como promotor e político o ex alcalde de Sanxenxo foi un dos protagonistas da expansión do ladrillo polo litoral galego, en ocasións alén da legalidade, segundo os tribunais. O tamén ex candidato do PP á Alcaldía de Pontevedra librouse dunha multa de 3 millóns de euros grazas ao perdón da Xunta.
-
11Agustín Hernández
Foi director xeral de Obras Públicas con Fraga, despois traballou en dúas construtoras, acto seguido fíxose cargo das Infraestruturas da Deputación de Pontevedra e despois, da Xunta. Actualmente é alcalde de Santiago e xa ten a súa propia polémica de ladrillo, ao decidir suprimir un bloque de pisos protexidos para a mocidade en pleno centro e permitir no seu lugar a construción de "vivenda libre". Mentres, as vivendas de protección irán parar a uns catro quilómetros da zona histórica.
-
12Cristóbal Montoro
Ministro de profesión en dúas etapas e visionario de vocación. En 2003, tras participar activamente das decisións gobernamentais para liberalizar o solo en todo o Estado, proclamou a inexistencia da burbulla inmobiliaria, que era unicamente unha "especulación da oposición". Despois, pasou o que pasou.