Unha ducia de festivais de música para este verán
O verán é tempo de música de concertos. Nas últimas semanas distintos lugares de Galicia acolleron xa citas tan destacadas coma o Portamérica, o Festival de Ortigueira, o Resurrection Rock, o Gozo Festival ou o Atlantic Pride. Pero queda moito por diante, dende esta mesma fin de semana. Velaquí unha ducia de festivais galegos para os meses de xullo, agosto e setembro.
-
01
Festival das Carrilanas de Esteiro
Esta fin de semana temos varios festivais de norte a sur de Galicia. En Esteiro (Muros) dende este venres e ata o domingo gozaremos do Festival das Carrilanas, no que ademais dos veloces descensos destes vehículos artesanais soará a música de Tanxugueiras, Sidecars, The Rapants, Mondra, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Monoulious Dop, Capital Voskov, Lontreira ou Galician Army.
-
02
Atlantic Fest
Tamén de venres a domingo e un pouco máis ao sur, en Vilagarcía de Arousa, chega unha nova edición do Atlantic Fest, un dos festivais indies con máis arraigo en Galicia, que este ano conta coa presenza de Los Planetas, Crystal Fighters, Mika, Sidonie, Derby Motoreta’s Burrito Kachimba, Sílvia Pérez Cruz ou Alcalá Norte.
-
03
Festival Aturuxo
E no norte, en Bravos (Ourol), este venres e sábado celébrase o Festival Aturuxo, un evento gratuíto que non só inclúe a música de Loita Amada, Tecor Societário, ou Catuxa Salom, senón tamén obradoiros, xogos e actividades e concertos para os máis pequenos e pequenas, por exemplo coa actuación de Pakolas.
-
04
Vendaval Fest
Dentro dunha semana a música segue na Mariña no Vendaval Fest, que celebra a súa segunda edición en Ribadeo. Será o 26 e 27 de xullo coas actuacións de La Fuga, O'Funkillo, Dixebra, Familia Caamagno, Corazones Eléctricos, Baja California ou Os John Deeres.
-
05
Ribeira Sacra Festival
O Ribeira Sacra Festival chega á súa 17ª edición, que se celebra do 26 ao 28 de xullo en varios espazos desta fermosa comarca. Un ano máis, a música mestúrase coa enogastronomía nunha mestura na que destacan os concertos de Morcheeba, Queralt Lahoz, Carlangas y Los Cubatas, The Parrots ou Mondra.
-
06
Son Rías Baixas
Do 1 ao 3 de agosto Bueu acolle un ano máis o SonRías Baixas, cun amplísimo cartel no que destacan Tanxugueiras, La Oreja de Van Gogh, Rozalén, Rayden, La La Love You, Ginebras, Fillas de Cassandra, Mondra, The Rapants ou Travis Birds
-
07
Festival Costa Feira
Costa FeiraO Festival Costa Feira é un ciclo de concertos que se celebra ao longo de todo o verán no Polígono Industrial de Nantes, en Sanxenxo, cun cartel do máis variado (dende Black Eye Peas a Natos y Waor pasando por Pablo López, Andrés Calamaro ou Juan Magán). O 8 de agosto será a quenda de Iván Fereiro e Marwan.
-
08
Noroeste Estrella Galicia
O Noroeste Estrella Galicia, aínda á espera do anuncio do seu cartel completo, celebrarase en distintos espazos da cidade da Coruña entre o 7 e o 10 de agosto. Xa está confirmada a presenza de Vetusta Morla e de Xoel López.
-
09
Río Verbena Fest
O Río Verbena Fest celébrase en Pontevedra o 23 e 24 de agosto. No cartel destaca a presenza de Amaral, Baiuca, Lori Meyers, Los Zigarros, Mikel Erentxun, Nebulossa, Vicco, Viva Suecia ou Alcalá Norte.
-
10
Festival Osa do Mar
Chegamos a setembro, o momento do Festival Osa do Mar, un evento que cada ano medra e se consolida, ofrecendo sempre unha variada selección de artistas e actividades paralelas, como concertos en barco ou programación infantil. Do 6 ao 8 de agosto actuarán en Burela Tanxugueiras, Mondra, The Rapants, Iván Ferreiro, Travis Birds, Basquiat, Batuko Tabanka & Banda Krioula, Cala Vento, Capital Voskov, Futuro Alcalde e Grande Amore e amigxs.
-
11
Rock in Rian
Esa mesma fin de semana, do 6 ao 7 de setembro, en Rianxo celébrase o Rock in Rian, coas actuacións de Dios Ke Te Crew, Sés, Lamatumbá, Mondra, Auxili, Brassica Rapa, Skabidean, Monoulious Dop ou Pauliña.
-
12
Revenidas
A seguinte fin de semana está reservada para o Revenidas de Vilaxoán de Arousa, que do 12 ao 15 de setembro presenta un completísimo cartel ao que se suman actividades infantís, e outra variada programación. Destacan as actuacións de Lendakaris Muertos, Tanxugueiras, La Pegatina, Muchachito Bombo Inferno, Dubioza Kolektiv, Fillas de Cassandra, Narco, Talco, Lontreira, Loita Amada, García MC & Nación Quilombo, Rebelion do Inframundo, De Ninghures, Catuxa Salom, Miss Bolivia, Dakidarría, El Kanka, The Rapants ou Caamaño & Ameixeiras
O Revenidas ten un anticipo este domingo 28 no Monte do Gozo coa celebración do Revenidas Miúdo.
-
13
Noites do Porto
E pechamos o verán na Coruña, xa na primeira semana do outono, cos concertos das Noites do Porto, con actuacións no peirao de Batería e tamén en locais da cidade. No cartel, aínda con nomes por anunciar, destaca Baiuca, Mudhoney, Bala, Delaossa, Alcalá Norte ou Carlangas y los Cubatas.