Marcos Pérez Pena

Unha ducia de festivais de música que se manteñen (ou non) este verán

O verán é tempo de festivais, aínda que neste verán non-normal a cousa cambia bastante. Moitos dos eventos tiveron que ser adiados ao vindeiro ano 2021 e outras optaron por reformularse con concertos máis pequenos, co público sentado e garantindo as medidas de seguridade como fixeron Vive Nigrán ou o Sinsal Litoral nas últimas semanas. Repasámolos nesta ducia de vídeos, encabezados polas citas desta fin de semana: Festival Ribeira Sacra e MicroSonRias

  1. 01

    (Micro)SonRias Baixas

    O SonRías Baixas, en Bueu, convértese no MicroSonRías, coas actuacións de Arco e Rayden este venres 31 de xullo e o sáabdo 1 de agosto e reservando a edición completa do festival para os días 5, 6 e 7 de agosto de 2021, cando actuará Kase.O, entre outros.

  2. 02

    Festival Ribeira Sacra

    O festival Ribeira Sacra celebrará entre este venres 31 de xullo e o domingo 2 de agosto a que definen como a súa edición "máis importante", coas actuacións de Xoel López, Os Amigos dos Músicos, Momboi, Elba, Best Boi e Laura LaMontagne & PicoAmperio. Será, coma sempre, en fermosos escenarios, entre Chantada, Sober, no Mirador de Santiorxo, na Reitoral de Gundivós ou no Catamarán de Doade.

  3. 03

    Festival Noroeste

    O Noroeste Estrella Galicia da Coruña tivo que reducir tamén o seu formato, mudando nun Noroeste XS, cunha duración de tres días (7, 8 e 9 de agosto) e cun cartel formado integramente por grupos locais e galegos. O pasado ano a actuación de Baiuca foi un dos grandes momentos do evento.

  4. 04

    Festival de Pardiñas

    O Festival de Pardiñas transfórmase nesta ocasión nun ciclo cultural que abrangue música (Uxía, Nuada e Berta Franklin), audiovisual ou literatura e que terá lugar durante toda as fins de semana de agosto en distintos puntos do concello de Guitiriz. "Concibimos a cultura como unha ferramenta contra outras pandemias, como a da desigualdade, por iso cremos que ante o coronavirus tampouco podemos baixar as forzas", destaca Alfonso Blanco

  5. 05

    Festival Portamérica

    O Festival Portamérica de Caldas de Reis si adiou por completo ao verán de 2021 a súa edición deste ano, na que actuarán Rufus Wainwright, Viva Suecia, Novedades Carminha, Leiva, Belako ou Sidonie. Pero, mentres agardamos, podemos ver este vídeo cos mellores momentos da edición 2019.

  6. 06

    FaCeLa Fest

    Outro dos festivais que, de momento, resiste é o Facela Fest de Lugo, que tivo que mudar as súas datas de celebración, pero que agora ten prevista a súa celebración do 27 ao 29 de agosto, coas actuacións de Soleá Morente, Christina Rosenvinge, Mujeres ou Chucho. Haberá que estar atentos ás posibles novidades neste tempo de incertezas (nos últimos días Felipop ou Osa do Mar tiveron que adiar ou suspender a súa celebración)

  7. 07

    Revenidas (en conserva)

    O Revenidas de Vilaxoán de Arousa quedará para o verán de 2021, pero tamén ofrecerá este mes de setembro unha edición reducida, denominada 'Revenidas en conserva', con concertos en formato reducido e outras actividades, nas que a cultura mariñeira será protagonista. 

  8. 08

    Armadiña Rock

    E, igualmente, o Armadiña Rock de Combarro (Poio) anunciou xa que manterá a súa edición, pero mudando notablemente o seu formato.

  9. 09

    Melona Fest

    En Compostela o Melona Fest, aprazado en abril, celebrarase finalmente entre o 28 de outubro e o 1 de novembro. Actuarán Califato ¾, Músculo, Triángulo de Amor Bizarro, Laura LaMontagne & PicoAmperio, Megansito el Guapo ou Vera Fauna. Así foi a edición 2019 dun dos mellores festivais galegos.

  10. 10

    WOS Festival

    Aínda que o WOS Festival compostelán suspendeu todos os seus concertos, si mantén algunhas actividades, en concreto a área de pensamento e discurso, que este ano poderá seguirse online. Así foi a súa edición 2019.

  11. 11

    Resurrection Fest

    O Resurrection Fest de Viveiro anunciou hai xa algúns meses que a súa edición 2020 ficaba adiada para o verán que vén. Iso si, os días 28 e 29 de agosto celebrará un festival online con fins benéficos cunha programación de balde que incluirá concertos inéditos, actuacións en directo, entrevistas especiais, reportaxes sobre o festival e moito más 

  12. 12

    Surfin The Lérez

    Outro dos festivais ausentes este verán será o Surfin The Lérez, que todos os veráns se celebra na Illa das Esculturas de Pontevedra. A edición 2020, programada inicialmente para o mes de xuño, tivo que ser adiada. Así foi a edición 2019.