Unha ducia de futbolistas de Galicia que xogaron a Eurocopa
Este venres comeza en Alemaña a Eurocopa masculina de fútbol, unha cita que chega á súa decimosétima edición dende a súa creación hai 64 anos. Neste tempo son moitos os futbolistas galegos (e galegas, dende 1984) que a xogaron. Repasamos aquí algúns (e algunhas delas). E, ollo, non todos vestiron a camisola da selección española.
-
01
Marcelino
Aínda que o pontevedrés Luís Otero foi o primeiro galego en xogar coa selección española de fútbol (en Amberes en 1920), e o coruñés Chacho o primeiro que xogou un Mundial (en 1934), houbo que agardar ata 1960 para ver a primeira Eurocopa, denominada inicialmente Copa de Nacións de Europa. En 1964 España gañou o campionato nunha fase final xogada en Madrid e Barcelona. Fíxoo nunha final ante a besta negra do Franquismo, a URSS, cun gol do aresán Marcelino Martínez Cao no minuto 84. Entre 1961 e 1967 Marcelino xogou 14 partido coa selección española e marcou catro goles.
-
02
Luís Suárez
Nesa selección española campiona de Europa había tres galegos titulares: Marcelino, Amancio Amaro e Luís Suarez. Case nada. Balón de Ouro en 1960, entre 1957 e 1972 Luís Suárez xogou 32 partidos coa camisola vermella e marcou 13 goles. Participou tamén nas Eurocopas de 1960 e 1972.
-
03
Amancio Amaro
O tamén coruñés Amancio é, despois de Michel Salgado, o galego que máis partidos xogou coa selección española (42, con 11 goles) entre 1962 e 1974, participando tamén nas Eurocopas de 1968 e 1972. Neste tempo os futbolistas galegos eran habituais nas convocatorias, destacando por exemplo o lucense Severino Reija ou o pontevedrés José Armando Ufarte
-
04
Miguel Ángel
O ourensán Miguel Ángel "O Gato", defendeu a portería do Real Madrid entre 1968 e 1986 e xogou tamén na selección española, nun total de 18 partidos, entre eles a Eurocopa de 1976 e os mundiais de 1978 e 1982. Arconada apartouno da titularidade. Outro galego, o betanceiro Paco Buyo, ocupou posteriormente a portería do Real Madrid e tamén en sete ocasións a da selección española, participando nas Eurocopas de 1984 e 1988.
-
05
Tomás Reñones
O compostelán Tomás Reñones xogou tamén a Eurocopa de Alemaña en 1988. En total, participou en 19 partidos coa selección española.
-
06
Fran
Houbo que agardar uns anos para ver de novo a varios galegos convocados para unha Eurocopa. O deportivista Francisco González Pérez nunca acadou na selección española o protagonismo que tiña no seu club, pero xogou 16 partidos e destacou na Eurocopa do ano 2000.
-
07
Michel Salgado
Nesa Eurocopa do ano 2000 participou tamén o celeste Michel Salgado, que en total xogou 53 partidos coa selección española entre 1998 e 2006. O lateral das Neves estivo tamén no Mundial de 2006 pero perdeu a Eurocopa de 2004 e o Mundial de 2002 por senllas lesións.
-
08
Ricardo Cabanas
Ollo, tamén atopamos xogadores galegos (ou de orixe galega) noutras seleccións, especialmente na de Suíza, país na que diáspora galega mantén un peso importante. Ricardo Cabanas Rey -convocado tamén coa selección galega- participou en 54 partidos coa selección helvética e xogou as Eurocopas de 2004 e 2008.
-
09
Vero Boquete
Dende 1984 tamén as mulleres xogan Eurocopas de fútbol, de forma oficial a partir de 1991. A compostelá Vero Boquete abriu camiño e entre 2008 e 2016 marcou 23 goles coa selección española e participou na fase final da Eurocopa de 2013, marcando dous tantos.
-
10
Teresa Abelleira
España gañou o Mundial de fútbol de 2023. Nesa histórica selección destacou a pontevedresa Teresa Abelleira, auténtico metrónomo do equipo campión, co que tamén xogara a Eurocopa de 2022.
-
11
Joselu
E chegamos á Eurocopa de Alemaña 2024. Na convocatoria da selección española atopamos só un galego, o madridista Joselu, nacido en Alemaña, pero criado en Silleda. Únese a unha longa lista de galegos participantes nalgunha Eurocopa, na que están tamén (non collen todos nunha ducia) Lucas Vázquez, Jorge Otero ou Thiago Alcántara e moitos outros que aínda que non xogaron nunha fase final si o fixeron nas fases clasificatorias, como Aspas, Borja Oubiña, Quique Costas ou Marcos Vales.
-
12
Ricardo Rodríguez
Pero ollo, novamente. Nesta Eurocopa de Alemaña non é España a única selección que inclúe máis xogadores galegos ou de orixe galega. En Suíza atopamos a Ricardo Rodríguez Araya, nacido en Zürich de pai galego e nai chilena. Suma 115 partidos coa selección helvética e esta é a súa terceira Eurocopa, despois das de 2016 e 2020. Nesa Eurocopa de 2020 tamén xogou con Suíza Loris Benito Souto, igualmende de orixe galega.