Miguel Pardo

Unha ducia de historias para #onosoderbi

Deportivo e Celta enfróntanse de novo este sábado nun derbi en Primeira. Será outro encontro nunha das rivalidades máis igualadas que se coñece. Os coruñeses acumulan seis títulos (unha Liga, dúas Copas e tres Supercopas) e os vigueses máis tempadas en Primeira (50 fronte a 44). 

En Liga o Celta suma 43 vitorias e o Deportivo, 41, ademais de 26 empates. En 1ª, o Dépor gañou un encontro máis có Celta (24-23); en 2ª, os celestes vencen (17-19). De ampliar a todos os partidos -incluíndo Copa do Rei e Copa da Liga, e obviando os antigos campionatos galegos-, os branquiazuis vencerían 46 a 43. O sábado, outro episodio, pero houbo moitos máis. E moitos deles históricos

 

  1. 01

    O primeiro de todos

    Foi un 9 de novembro de 1924. O Celta fundárase un ano antes logo da fusión do Vigo e do Fortuna, unha unión que aproveitaron catro xogadores daqueles equipos (Isidro, Otero, Chiarroni e Ramón González) para fichar polo Deportivo, que nacera en 1906. As reclamacións duns e doutros acabaron coa descalificación do cadro coruñés por aliñación indebida no anterior campionato galego, polo que houbo que agardar ata aquela chuviosa tarde de outono para ver o primeiro derbi dos dous históricos galegos.

    Gañou o Deportivo en Riazor (3-0) con goles de Leonardo e Pereiro (2) nun encontro no que a prensa dunha e doutra cidade temían o comportamento dos afeccionados. No entanto, os xornais acabaron por louvar a deportividade amosada polos seareiros dun e doutro equipo na Coruña.

  2. 02

    O primeiro en Primeira

    Houbo que agardar até despois da guerra civil para que Celta e Deportivo se atopasen na máxima categoría do fútbol español. Foi na cuarta xornada da tempada 1941-42 e os celestes venceron os branquiazuis en Balaídos por 2-1 con dous tantos de Agustín por parte dos vigueses e un de Chacho polos coruñeses.

    Foi a temporada da estrea dos coruñeses na elite, á que chegaran os vigueses dous anos antes. Naquela campaña, os dous equipos galegos asinaron unha excelente traxectoria, rematando na cuarta e quinta posición respectivamente. Era o Deportivo de Acuña, Chao, Chacho ou Guimeráns e o Celta de Alvarito, Cons, Del Pino, Roig ou Agustín.

  3. 03

    1953: Un descenso a cara ou cruz

    O primeiro derbi galego verdadeiramente dramático tivo lugar no verán de 1953. Ambos os dous equipos, xunto a Tetuán, Hércules, Avilés e España Industrial, disputaban unha liguiña de promoción para manterse en Primeira. Deportivo e Celta enfrontábanse nunha xornada clave. O empate valíalle aos dous e dous irmáns -un deles ex directivo dos coruñeses e o outro vicepresidente celtiña- intentaron pactar o reparto de puntos.

    A última hora, o directivo do Celta negouse a pactar e o Deportivo, que non era o favorito, venceu en Balaídos (1-3) con tantos de Corcuera, Oswaldo e un tal Arsenio Iglesias. Os coruñeses salváronse e o Celta estaba abocado ao descenso. No entanto, a renuncia do España Industrial á Primeira División -era filial do Barcelona- permitiulle aos vigueses continuar na elite.

  4. 04

    1970: O Celta empurra o Deportivo a Segunda

    Posiblemente, o precedente máis dramático que se lembra. Deportivo e Celta enfróntase na antepenúltima xornada da tempada 1969-70 e xogan un partido clave para eludir o descenso a Segunda División. Os vigueses gañan en Riazor (0-1) cun tanto do mítico Rivera, centrocampista do Carballiño, a pouco do descanso e que se pode ver neste resumo emitido polo NO-DO.

    O Deportivo acaba descendendo malia gañar os dous últimos partidos, mentres o Celta salva a categoría que tamén abandona o Pontevedra, último clasificado da Primeira División naquela nefasta campaña para dous equipos galegos.

  5. 05

    Outro golpe para o Deportivo

    O 22 de abril de 1973, Deportivo e Celta enfróntanse en Balaídos a cinco xornadas para o final do campionato en Primeira. Loitando ambos os dous por evitar o descenso, un tanto de Sanromán no inicio do encontro dálle a vitoria aos vigueses, que acabarían salvándose cunha vitoria ante o Real Madrid na última xornada.

    O Deportivo, adestrado por Arsenio Iglesias, acaba descendendo a Segunda logo de sumar tan só tres empates nas catro últimas xornadas. Era a confirmación do alcume dun conxunto coruñés coñecido xa como o "equipo ascensor".

  6. 06

    Graves incidentes e fin da concordia

    Hai un derbi que  marcou un antes e un despois. Foi o celebrado en Riazor na antepenúltima xornada do play-off de ascenso a Primeira en 1987. O Deportivo era líder da liguiña e unha vitoria garantíalle case o retorno á Primeira, mentres o Celta precisaba dun triunfo para reengancharse á loita. A dous minutos do descanso, o colexiado Díaz Vega asubía un penalti a favor dos vigueses logo dunha caída de Alvelo a varios metros da área.

    Baltazar anota o gol que lle valería a vitoria ao conxunto celeste e os ánimos, quentes xa pola importancia do encontro e algún incidente nos partidos do campionato regular, acaban por rematar en incidentes entre a policía e numerosos afeccionados. Voou de todo desde un fondo até o campo e a concordia de dúas afeccións que viviran aquel partido mesturadas nas bancadas rachouse pola inconscencia duns poucos. Foi no mesmo ano no que se fundaron os Riazor Blues e os Celtarras.

  7. 07

    A rivalidade volve a Primeira vinte anos despois

    Case vinte anos despois do seu último enfrontamento en Primeira, Deportivo e Celta volvíanse atopar na elite. Foi na primeira xornada do campionato 1992-93 e os coruñeses venceron 2-0 con tantos de Bebeto e Claudio. Tito Vilanova, ex adestrador do Barcelona falecido tras sufrir un cancro, xogara aquel partido, no que errara un penalti.

    Era o Deportivo de Bebeto, Mauro Silva, Fran, Claudio ou Djukic e o Celta de Cañizares, Otero, Vicente, Patxi Salinas ou Engonga. Ao final da Liga, os branquiazuis remataran na terceira posición, clasificándose por primeira vez para Europa, mentres os celestes salvaban a categoría rematando no undécimo posto.

  8. 08

    O Turu sentencia a eliminatoria de Copa

    No inverno de 1999, Deportivo e Celta víronse as caras tres veces seguidas en poucos días. Ademais do partido de Liga, xogouse unha eliminatoria de oitavos de final da Copa do Rei. Na ida, o equipo coruñés chegaba con múltiples baixas que case lle fixeron imposible completar unha convocatoria. Irureta chegou a pedir o aprazamento do partido de Balaídos, pero os branquiazuis, con moitos suplentes, xogaron e gañaron 0-1 con gol de Turu Flores.

    Na volta, con todo a favor dos de Riazor, Cáceres levaba o partido á prórroga cun remate de cabeza a pesar de que o Celta xogaba con dez. Xa no tempo extra, e a tan só un minuto dos penaltis, o Turu Flores volvía amargar o equipo vigués. O dianteiro arxentino converteuse durante anos nun especialista nos derbis.

  9. 09

    Un derbi por todo o alto

    O 18 de decembro de 1999, Deportivo e Celta enfrontábanse en Riazor. Os branquiazuis eran primeiros na clasificación e os celestes, segundos. Ambos os dous equipos impresionaban daquela época co seu bo xogo e os detalles de figuras como Djalminha, Mostovoi, Makaay, Gustavo López, Turu Flores ou Karpin.

    Nun partido con demasiada tensión, para a memoria quedarán os enfrontamentos máis que dialécticos entre Djalminha e Mostovoi. Nun partido no que o Celta dominou máis, o Turu Flores acabou por decidilo a favor do Deportivo (1-0). Foi un derbi por todo o alto.

  10. 10

    Dramas de ida e volta

    O Celta chegaba a Riazor na penúltima xornada da tempada 2003-04 coa necesidade de gañar para soñar aínda con evitar o descenso e ante un Deportivo que nada se xogaba na Liga e que acababa de ser eliminado nas semifinais da Liga de Campións ante o Porto. O equipo vigués caeu goleado (3-0) e despediuse case matematicamente da categoría nun partido dramático para a afección celeste. O actual adestrador do Celta fora expulsado naquel penúltimo encontro dunha tempada onde o Depor tamén goleou o seu rival (0-5) na ida. 

    Unha tempada antes, o Deportivo viaxou a Balaídos a catro xornadas do final con serias opcións de gañar a súa segunda Liga para enfrontarse a un Celta que loitaba por xogar a Liga de Campións. Os branquiazuis recibiron unha malleira (3-0) e despedíronse das súas opcións de volver ser campións.

  11. 11

    Vilalba, o epicentro do derbi galego

    Na tempada 2011-12, e a oito xornadas do final, Celta e Deportivo disputan en Balaídos un derbi vibrante e emocionante na súa loita polo ascenso a Primeira. Os coruñeses adiántanse cun 0-2 con tantos de Lassad e Riki, pero o Celta saca folgos para empatar a pouco do final con tantos de De Lucas e Català. Cando os dous equipos parecían dar por bo o empate, o ourensán Borja acertou a conectar unha cabezada xa no tempo engadido que lle daba tres puntos e medio ascenso ao Deportivo.

    Antes do partido, Praza Pública visitou Vilalba, localidade que conta coas peñas decanas de Deportivo e Celta en Galicia, e realizou unha reportaxe sobre uns colectivos de afeccionados que dan exemplo sobre como tomar a rivalidade

  12. 12

    Imposible sen ti

    A Galicia futbolística volverase paralizar este sábado. Malia a rivalidade habitual, o amigable de hai dous anos no verán e os escasos incidentes dos últimos tempos fan prever un derbi menos polémico. Mesmo a Xunta se animou a lanzar unha campaña institucional (Imposible sen ti) a prol da concordia. No deportivo, os branquiazuis intentarán rachar coa mala xeira dos dous últimos enfrontamentos, nos que o Celta amosou a súa superioridade vencendo en Balaídos e en Riazor.