Praza Pública

Unha ducia de imaxes das xudarías galegas

A rede de xudarías Caminos de Sefarad vén de presentar en Santiago guías turísticas das tres vilas galegas pertencentes á asociación, Moforte, Ribadavia e Tui. Recompilamos unha ducia de imaxes desas tres xudarías. 

  1. 01

    Monforte

    Menos perseguidos en Galicia que noutros lugares da Península, durante o século XIV varios señores de Lemos tiveron en postos de confianza a persoas da comunidade xudía. A expulsión decretada en 1492 fixo que moitos se refuxiasen inicialmente en Portugal, de onde tamén terían que marchar aos poucos anos. A guía turística agora presentada remite, entre outros, a este vídeo explicativo.

  2. 02

    Rúa da Falagueira

    A comunidade xudía de Monforte non tivo a obriga de habitar nun barrio determinado e a súa presenza estendeuse por toda a cidade. Aínda así, tiñan localizados os seus edificios comunais na zona da rúa da Falagueira.

  3. 03

    Casa dos Gaibor

    Os Gaibor foron a máis relevante das familias de xudeus e conversos de Monfrote.

  4. 04

    Os condes de Lemos

    Señores e condes de Lemos como o infante Felipe, Pedro Fernández de Castro ou Fernán Ruíz de Castro destacaron pola súa actitude favorable aos xudeus.

  5. 05

    Ribadavia

    Aínda que os xudeus deberon asentarse en Ribadavia un par de séculos antes, a primeira aparición documental da súa presenza é de 1.386, na Crónica de Froissard que relata a toma da vila por parte dos ingleses do duque de Lancaster. Di que atopou resistencia de xudeus e cristiáns combatendo xuntos e que o botín obtido foi grande grazas ás riquezas dos xudeus. A guía turística agora presentada remite, entre outros, a este vídeo explicativo do castelo.

  6. 06

    Centro de Información Xudía de Galicia

    No mesmo edificio que alberga a oficina de turismo de Ribadavia está o Centro de Información Xudía de Galicia.

  7. 07

    Costumes

    A pegada dos xudeus en Ribadavia chegou ata os nosos días a través de diversos elementos e tradicións, como se recolle neste vídeo promocional da rede Camino de Sefarad.

  8. 08

    Represión

    Ribadavia segue lembrando á comunidade xudía e a súa represión.

  9. 09

    Lembranzas

    Mesmo en vivendas privadas de Ribadavia poden verse lembranzas das orixes xudías.

  10. 10

    Tui

    En Tui hai referencias á comunidade xudía ou musulmá nun documento de 1420 no que o rei nomea recadador de impostos e advirte dese feito a “las aljamas de los judíos et moros de las dichas çibdades de Santiago et Tui”.

  11. 11

    Sambenitos

    Tui conserva algúns dos paneis nos que se reflectían as penitencias que a inquisición impuña a herexes reconciliados.

  12. 12

    Menorá

    Un gravado cun candelabro de sete brazos, ou menorá, no claustro da catedral de Tui dá fe da achega económica da comunidade xudía para a súa construción.