Unha ducia de imaxes de Chichi Campos, protagonista do Día da Ilustración 2024
A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) acordou a pasada semana dedicar a Chichi Campos a edición 2024 do Día da Ilustración, que dende 2017 se celebra cada 30 de xaneiro en conmemoración do nacemento de Castelao. Campos foi unha "figura pioneira da banda deseñada galega e mestre do humor gráfico" e un "autor fundamental na Galicia dos anos 70 e 80", destaca a entidade.
-
01
Pioneiro da banda deseñada galega
Xesús Campos naceu en La Laguna (Tenerife) en 1952 pero sendo aínda moi neno a familia trasladouse á Coruña. Xa dende moi novo se interesou polo debuxo e a banda deseñada. En 1972 fundou con Xosé Díaz e Luís Caparrós o grupo de banda deseñada do Castro e un ano despois expuxo con eles e con Xaquín Marín e Reimundo Patiño no Círculo Mercantil de Santiago, unha exposición colectiva que percorreu varias vilas de Galicia ademais de Madrid e Barcelona e que foi un dos puntos de partida da banda deseñada en Galicia.
-
02
A cova das choias
Ademais, Chichi Campos participou na publicación de A cova das choias (1974), a primeira revista do cómic galego, editada en Xenebra (Suíza). Impresa en Suíza, traíase a Galicia clandestinamente e distribuíase de man en man. O Consello da Cultura publicou este especial sobre a revista
-
03
Anciñas e Nico
En decembro de 1977 casa con Ángeles “Anciñas” Ripoll e a parella foi vivir a Lugo, onde Chichi seguía traballando na libraría Souto e autoeditaba "fanzines" como O Carallo 29. Pero nese momento Isaac Díaz Pardo chámao para poñer en marcha a Galería Sargadelos de Santiago, polo que se mudaron a Compostela. En decembro de 1979 teñen un fillo, Nico.
-
04
Militante comunista
Foi un destacado militante do PCG, encargándose da constitución das Xuventudes Comunistas de Galicia e presentándose como número 2 na lista do partido nas eleccións municipais en Compostela e quedando moi preto de ser elixido concelleiro. Ademais, colaborou en Mundo Obrero e A Voz do Pobo .
-
05
Can sen Dono
Nesa época participa en moitas actividades do sector, como o I Seminario Galego do Humor, celebrado no Castro, onde coñece a Pepe Carreiro. Ese é o punto de partida de Can Sen Dono, revista de humor gráfico en galego que botou a andar en 1983 e que estivo activa ata 1991. Campos colaborou en todos os números ata o seu falecemento.
-
06
Estampas do mundo elegante
Ademais de Can sen Dono, Chichi Campos colabora neses anos coas súas caricaturas, historias e debuxos en varios xornais e revistas, como El Correo Gallego, El Ideal Gallego, La Naval ou Valiundiez. Pero, sobre todo, en A Nosa Terra, onde entre decembro 1983 e febreiro de1991 publicou de forma regular.
-
07
Guionista na TVG
En 1985 Chichi Campos marcha vivir temporalmente a Canarias e alí coñece que é positivo en VIH, aínda que non ten SIDA. Regresa a Galicia e comeza a traballar na TVG como guionista nos programas Entre Nós, A ver que vai ser esto, S.O.S., Máis Ozono ou Adiviña quen vén esta noite. Moitos dos guions de Chichi Campos para a TVG estaban protagonizados por Manuel Manquiña e Antonio Durán "Morris".
-
08
Un mundo máis interesante
Na biografía publicada no Álbum de Galicia do CCG, o seu fillo Nico Campos escribe sobre o seu pai que "a súa foi unha vida que resume o espírito dos anos oitenta en Galicia, unha época que retratou como ninguén". E conclúe: "atrás quedaron a incrible colección de artigos, guións e debuxos espallados por diferentes libretas, manteis e panos de mesa que regalaba a toda persoa que os quixese. Porque Chichi si quería facer un mundo máis interesante".
-
09
Morte en 1991
En 1990 Chichi Campos desenvolve a SIDA e vai consumíndose pouco a pouco, falecendo finalmente en febreiro de 1991.
Nos meses seguintes recibe varias homenaxes, coma a retrospectiva organizada polos seus compañeiros de Can Sen Dono ou a publicación en 1992 de Estampas do Mundo Elegante, que compila os seus artigos en A Nosa Terra.
-
10
Chichi Campos, de actualidade
O pasado ano reeditouse a compilación Estampas do Mundo Elegante, incluíndo ademais 37 colaboracións de autores e autoras actuais que homenaxean a Campos, nunha sorte de explicación para 'millennials' da figura do humorista. Todo o recadado coa venda do libro dedicarase a financiar un documental sobre Chichi dirixido polo seu fillo Nico, responsable tamén da
-
11
Figura incómoda
"Chichi Campos non facía prisioneiros e, seguramente por iso, a súa figura incómoda e satírica segue a ser unha das máis esquecidas da cultura galega dos primeiros anos da democracia", destácase na presentación da reedición de Estampas dun mundo elegante.
-
12
Día da Ilustración 2024
Dende o ano 2014 vén celebrándose cada 30 de xaneiro o Día da Ilustración en Galicia, unha iniciativa da Consellaría de Cultura e da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) que conmemora o aniversario do nacemento de Castelao (o 29 de xaneiro) e que dende 2017 homenaxea cada ano un ou unha profesional da historia da ilustración galega "que merece ser redescuberto polas novas xeracións de lectores e creadores"
Nesta ocasión o homenaxeado é Chichi Campos, "figura pioneira da banda deseñada galega e mestre do humor gráfico" e "un autor fundamental na Galicia dos anos 70 e 80", destaca a entidade