David Lombao

Unha ducia de imaxes para lembrar o Estatuto de 1936

O 28 de xuño de 1936 plebiscitouse o primeiro Estatuto de Autonomía da historia de Galicia. A votación realizouse nun ambiente de enorme intensidade política e tras unha campaña apaixonada, pero tamén festiva. Xornais como El Pueblo Gallego ou a revista Vida Gallega deron testemuño nas súas páxinas do acontecido naquelas históricas semanas. Repasamos algunhas desas imaxes. 

  1. 01

    Os mitins inaugurais da Coruña

    O 7 de xuño comezou a fase final da campaña con dous mitins simultáneos nos teatros coruñeses Rosalía de Castro e Linares Rivas -nos Cantóns-.

  2. 02

    Mitins en Pontevedra

    Pontevedra era unha das cidades que contaba con gran implantación do Partido Galeguista e na cidade a campaña foi moi animada. Entre os lugares que acolleron os mitins centrais a prol do Estatuto estivo o Teatro Principal.

  3. 03

    A actividade dos comités

    Alén do Comité Central da Autonomía, a fixación da data do referendo multiplicou a creación e actividade política dos comités locais e comarcais, tanto coa celebración de actos de animación e propaganda como coa colocación de cartelería e pancartas en rúas e prazas. Na imaxe, unha faixa en Ribadeo.

  4. 04

    O papel da prensa

    As posicións dalgunhas cabeceiras sobre a autonomía galega eran moi explícitas, tanto a prol como en contra. Mentres xornais como El Ideal Gallego deixaban clara a súa oposición e outros, como La Voz de Galicia, evitaban apoialo abertamente ou se limitaban a dar conta da celebración de actos políticos, outros como El Pueblo Gallego amosaron claramente a súa vocación autonomista. Como mostra, este resumo das que, a xuízo do galeguista El Pueblo Gallego, eran algunhas das vantaxes do Estatuto.

  5. 05

    A comunidade galega no exterior

    En Galicia a campaña foi moi intensa, pero tamén fóra do país houbo eventos e xuntanzas políticas a prol do Estatuto. Así sucedeu en numerosos centros galegos da emigración e tamén en Madrid, onde se xuntaban galegos emigrados con dirixentes políticos das diferentes formacións que apoiaban o Estatuto. Na imaxe, un acto a prol da autonomía galega en Madrid con, entre outros, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Roberto Blanco Torres.

  6. 06

    A implicación dos artistas

    Diversos artistas da época implicáronse activamente na campaña con discursos e artigos na prensa, pero tamén poñendo a súa arte á disposición da causa autonomista. Así, por exemplo, autores como Castelao, Díaz Baliño, Díaz Pardo ou Seoane elaboraron carteis para a campaña, dos que se chegaron a editar 70.000 copias nas semanas previas ao referendo. 

  7. 07

    A implicación dos concellos

    O papel dos concellos foi fulcral na elaboración e aprobación do Estatuto, tanto na asemblea de 1932 na que xermolou o texto ata no propio refernedo. Mostra disto foi, por exemplo, a colaboración económica e loxística nos actos da campaña. Na imaxe, a Praza da República de Lugo -actual Praza Maior-, onde se atopa a casa consistorial, na xornada dos actos centrais pola autonomía na cidade.

  8. 08

    O agro

    As organizacións agrarias tamén foron relevantes no desenvolvemento da campaña, tanto espallando a propaganda do Estatuto en vilas e aldeas como acudindo aos actos centrais nas cidades. Na imaxe, representantes do agro nun mitin na Alameda de Santiago na recta final da campaña.

  9. 09

    A perserverancia dos galeguistas

    Como deixou escrito o propio Castelao, nos anos en que as autoridades da II República bloquearon o Estatuto galego, os galeguistas "esconxuráronse" para manter vivo o proxecto, que recuperaron decontado tras o triunfo da Fronte Popular nas eleccións. Un dos políticos máis activos nestes anos foi o alcalde de Santiago, Ánxel Casal.

  10. 10

    A animación nas rúas

    A campaña política do Estatuto tivo moito de festa. Así, non era estraño que os mitins autonomistas fosen acompañados de actuacións musicais de coros ou bandas municipais. Así sucedeu, por exemplo, no gran mitin de peche de campaña nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña.

  11. 11

    A tecnoloxía

    Algunhas das tecnoloxías máis modernas da época foron utilizadas na campaña. Así, por exemplo, sistemas de altofalantes permitiron escoitar o mesmo mitin en varios espazos da mesma cidade e as intervencións dos líderes políticos eran retransmitidas pola radio, medio que ademais foi vehículo de numerosos discursos a prol do Estatuto. Foi tamén relevante a utilización de automóbiles como o da imaxe, empregado para difundir propaganda a prol da autonomía galega polas rúas de Madrid.

  12. 12

    A votación

    A intensísima campaña culminou nas votacións do 28 de xuño, que se produciron malia á chuvia e malia ás condicións precarias do sistema institucional da época. Na imaxe, votantes en Santiago.