Unha ducia de lexislaturas galegas
O pasado venres 7 de agosto quedou constituído o Parlamento da XI Lexislatura da autonomía, que sumada aos traballos previos de elaboración do Estatuto permiten repasar unha ducia de asembleas parlamentarias galegas a través de imaxes divulgadas en diversas ocasións polo propio Parlamento de Galicia.
- 01
Asemblea de Parlamentarios
Antes de que o Estatuto de 1981 crease o Parlamento de Galicia, deputados galegos no Congreso dos Deputados constituíron en 1979 a denominada asemblea de parlamentarios que negociou a autonomía en diversos eidos. Na imaxe, reunión de negociación do Estatuto o 13 de setembro de 1980 no Hostal dos Reis Católicos por parte de representantes de diversas formacións.
- 02
I Lexislatura (1981)
O 19 de decembro de 1981 constituíuse o primeiro Parlamento de Galicia, daquela no espazo cedido polo Arcebispado no Pazo de Xelmírez.
- 03
II Lexislatura (1985)
A segunda lexislatura da Cámara galega arrancou no Pazo de Fonseca, segunda cesión temporal para a súa sede, neste caso a cargo da USC.
- 04
III Lexislatura (1989)
O 10 de outubro de 1989 inaugurouse a actual sede do Parlamento, xa en propiedade, no Pazo do Hórreo, e alí desenvolveuse xa a maioría da terceira lexislatura, a primeira con Manuel Fraga como presidente da Xunta, na imaxe nunha intervención en 1991.
- 05
IV Lexislatura (1993)
A IV Lexislatura foi a primeira na que, como agora, só tres grupos políticos se repartiron o hemiciclo (PP, PSdeG e BNG), a composición máis habitual da historia da Cámara que se repetiu nas lexislaturas V, VI, VII e VIII ademais de na actual XI.
- 06
V Lexislatura (1997)
A V Lexislatura aínda amosaba imaxes de taquígrafas tomando notas no centro do hemiciclo
- 07
VI Lexislatura (2001)
O propio Fraga, como deputado de máis idade, foi o presidente da mesa de idade coa que se constituíu a Cámara da VI Lexislatura, secundado pola popular María Caldelas e a socialista Laura Seara, as dúas deputadas máis novas.
- 08
VII Lexislatura (2005)
A VII Lexislatura foi a primeira que comezou cun presidente da Xunta non popular, Emilio Pérez Touriño, despois do antecedente do seu compañeiro Fernando González Laxe que chegara á presidencia a metade da II Lexislatura e tras unha moción de censura contra Fernández Albor.
- 09
VIII Lexislatura (2009)
Tras a defensa do seu programa de goberno, na imaxe, Feijóo foi investido presidente da Xunta ao comezo da VIII Lexislatura.
- 10
IX Lexislatura (2012)
Coa entrada de AGE, liderada por Beiras, na imaxe enfrontándose a Feijóo, a Cámara galega volveu contar na IX Lexislatura con máis de tres grupos políticos case dúas décadas despois.
- 11
X Lexislatura (2016)
Coincidindo co 35 aniversario da Cámara, a súa modernización levou á creación dun portal web, lex.gal, con toda a súa produción lexislativa e as sucesivas modificacións legais vixentes en cada momento.
- 12
XI Lexislatura (2020)
A constitución da XI Lexislatura foi a primeira sen invitados na tribuna e con máscaras no hemiciclo.