Nao

Unha ducia de momentos na historia de Nao

Nao despídese. Farao definitivamente o vindeiro 7 de decembro, nun derradeiro concerto en Santiago que porá fin á Derradeira xira e tamén a catorce anos de historia. A banda fixo repaso destes catorce anos e destacou unha ducia de momentos tan especiais como inesquecibles. Velaquí van.

  1. 01

    As orixes

    No outono de 2005 Nao deu o seu primeiro concerto no centro social A Revolta en Vigo. A partir de aí o seguinte bolo foi teloneando a Habeas Corpus na Fábrica de Chocolate tamén en Vigo e a partir de aí comezou unha andaina que duraría 14 anos. Na imaxe, a banda nunha foto promocional.

  2. 02

    As palabras espidas

    En agosto do 2007 Nao gravou o seu disco As palabras espidas nos estudos Garate de Kaki Arakarazo (Kortatu, Negu Gorriak, M-ak, Nacion Reixa…) en Andoain, Gipuzkoa. Aínda que xa tiveran unha maqueta e xiraran por varios lugares de Galicia, este foi o primeiro disco e estudo da banda.

  3. 03

    Coas túas mans

    En decembro do 2009 e sumando un novo vocalista á banda, Nao presenta Coas túas mans no Carballiño. Foi un día que lembran con especial cariño porque reconectaron moi ben coa xente con esta nova formación e comezaron a tocar en festivais.

  4. 04

    Cancións de amor e liberdade

    No verán de 2012, Nao estivo sumido na gravación de Cancións de amor e liberdade, que durou 9 meses. Este foi o momento de cambios máis significativos da banda: incorporouse como batería Amós e Jasper, ademais de letrista, pasou a ser tamén o vocalista do grupo. Foi nesta época, cunha formación máis estable, cando comezaron a encher salas e a tocar en festivais de formato máis grande.

  5. 05

    O Festigal máis triste

    O 24 de xullo do 2013 celebrábase o Festigal en Santiago de Compostela e Nao formaba parte do cartel. Tras saber do accidente de Angrois que acababa de ter lugar, o festival foi cancelado e ao ano seguinte levouse a cabo coas mesmas bandas que estaban programadas. Os membros da banda nunca esquecerán o triste momento que se viviu no seu entorno, na cidade e a preocupación de aquela noite de mércores.

  6. 06

    Non hai billetes na Capitol

    O 26 de abril de 2014, Nao consegue o seu primeiro sold out na Sala Capitol de Santiago de Compostela na presentación de Cartas no caderno. Este traballo foi o que os achegou ao gran público a raíz da canción Os vampiros, na que colaboraron con Sígaro e Picchio, de Banda Bassotti.

  7. 07

    O Premio Martín Códax

    No 2014, Nao gañou un Premio Martín Códax da Música na categoría de metal. Foi na segunda edición do certame, que recoñece o traballo de grupos galegos de diferentes estilos musicais.

  8. 08

    Apocalipse Nao

    No 2015 Nao anunciou a súa retirada, e contárono a través de APOCALIPSE NAO, un documental que gravaron nese ano e que publicaron en tres partes, abríndolle ao público a porta ao interior da banda. 

  9. 09

    Comeza 'A derradeira xira'

    No 2018 comeza ‘A derradeira xira’ cunha crew de 12 persoas e cun equipo máis grande ca nunca e, dentro dela, en agosto do 2019, Nao forma parte do cartel SonRías Baixas. En todos estes anos de traxectoria, foi o festival no que máis enerxía e conexión co público viviron. Un momento inesquecible para a historia e a memoria.

  10. 10

    Adeus e grazas

    Despois de 217 concertos ás súas costas, o 20 de novembro de 2019 a banda presenta un vídeo de despedida. Un último agasallo visual para todas aquelas persoas que os acompañaron ao longo destes 14 anos. 

  11. 11

    O derradeiro concerto

    O momento número 12 está por vir: será o 7 de decembro en Amio (Santiago de Compostela) nun concerto no que Nao abandonará definitivamente os escenarios acompañados de máis dunha ducia de amigos e amigas como Mini e Navia Rivas, SonDaRúa, Tanxugueiras, Nervo de Rebeliom do Inframundo, Patty Castro, Picchio (Banda Bassotti), Sabela Ramil (OT), Pauliña, Gabri (Dakidarría), Luken Arkarazo, Roi (Treboada), Xiana Lastra ou a banda Odolaren Mintzoa.