Unha ducia de músicas a descubrir no Womex 2016
Hai moitas músicas no mundo pero están todas neste. Unha grande parte delas estarán en Compostela no Womex 2016, un evento que en moitos sentidos ultrapasa o carácter de etiquetas concretas porque o mundo, polo menos na música, é unha continua combinación de sons.
- 01
Faada Freddy
Cantar a capella, vestir como un dandy e ser activista. Son tres características do senegalés Faada Freddy. Formou parte do grupo Daara J. Xoves, 20, na Quintana.
- 02
Maïa Barouh
Francesa e xaponesa, está muller canta seguindo unha técnica particular do sur do Xapón, que se mestura con música electrónica. Xoves, 20. Na Quintana.
- 03
New York Gipsy King All Star
India, balcánica, grega, turca son músicas presentes no repertorio desta banda asentada en New York e que naceu nun pequeno club de jazz. Xoves, 20. Na Quintana.
- 04
Bixiga 70
Se a escena musical brasileira é intensa en variada, esta banda podería ser a máquina de combinar todas as músicas: afrofunk, malinké guineano, dub árabe, candomblé brasileiro, samba, cumbia carimbó, e cantos brasileiros, e o que faga falta… Venres, 21. Na Quintana.
- 05
Dudu Tassa & The kuwaitis
Con 13 anos publicou o seu primeiro disco. Medrou no Tel Aviv dos oitenta, pero a súa familia é de orixe iraquí. Canta en árabe e hebreo e mestura instrumentos tradicionais co Irak’an’roll. Venres, 21. A Quintana
- 06
Xabier Díaz e as Adufeiras do salitre
Música popular recuperada para ser cantada con elegancia e sen retórica. O adufe en primeira liña de escenario. Teatro Principal. Venres, 21.
- 07
La Negra
Flamenca sen límites Amparo Velasco mestura as súas raíces con toda a música que leva escoitado. Venres, 21. A Quintana
- 08
Radio Cos
Latas de pementón, pandeiros, pandeiretas danlle unha parte da enerxía desta banda que explora as profundidades da tradición musical galega para cantar, para tocar e para bailar. Sábado, 22. A Quintana.
- 09
United Vibrations
Entre o ska e o punk, por aí anda esta banda que declara entre as súas influencias a Coltrane ou Wheater Report. Sábado, 22. A Quintana.
- 10
NARF & Timbila Muzimba
Entre Maputo e Santiago de Compostela. Entre a música pop e as raíces africanas. Este é un proxecto de Narf e Timbila Muzimba, un grupo de mozos mozambincanos que pretenden preservar a etnia Machopi á que pertencen. Teatro Principal. Sábado, 22.
- 11
The American Epic: Out Of The Many, The One
As primeiras gravacións sonoras cambiaron a maneira en que os nortemaricanos entendían a súa cultura. Este documental recupera material de arquivos dese proceso. Museo das Peregrinacións. Sábado, 22.
- 12
Jakarta Jakarta!
Unha cidade inmensa con todos os seus sons forman parte deste retrato que describe a vida da música na capital de Indonesia. Museo das Peregrinacións.