Marcos Pérez Pena

Unha ducia de obras de Xosé Neira Vilas

O escritor nacido en Gres (Vila de Cruces) foi escollido pola Academia como protagonista do Día das Letras Galegas do vindeiro ano. Autor dunha vasta produción literaria, destaca por riba de todo Memorias dun neno labrego, pero hai moitas máis: para adultos, para a rapazada, ensaios e crónicas sobre a diáspora galega en América. Unha obra profundamente galega e, ao mesmo tempo, universal. Velaquí algúns destes libros nos que retratou o rural, a infancia ou a emigración e nos que deu voz, sobre todo, aos ninguéns.

  1. 01

    Memorias dun neno labrego

    Memorias dun neno labrego  (1961) é un dos libros máis lidos da historia da literatura galega con preyo de 700,000 exemplares vendidos. "A través da voz inocente e lúcida de Balbino, retratou o mundo rural galego da posguerra cunha enorme sensibilidade, denunciando as inxustizas e recollendo a riqueza humana e emocional da aldea. Hoxe este rapaz de aldea transformado en símbolo colectivo segue vivo na memoria compartida porque fala dende a autenticidade e dende a emoción que traspasa xeracións", destaca a Academia.

  2. 02

    Cartas a Lelo

    Dez anos máis tarde publica Cartas a Lelo (Ediciós do Castro, 1971). Lelo vén sendo aquel amigo de Balbino, o que con el xuntaba herbas para o fumazo da noite de San Xoán, o que o salvou de morrer afogado no río, o que soñaba con ser músico, ou mariñeiro ou aviador. Mais Lelo marcha cos pais para o Brasil. E os dous amigos cartéanse. Balbino comeza a contarlle todo ao seu compañeiro de aventuras que está lonxe, máis alá do mar. 

  3. 03

    Aqueles anos do Moncho

    Aqueles anos do Moncho (Akal, 1977) transcorre nunha aldea galega durante os anos da Guerra Civil. Todo xira arredor da existencia dun neno duns nove anos, cheo de curiosidade mais ao que lle custa entender o que acontece

  4. 04

    Remuíño de sombras

    En Remuíño de sombras (Edicións Castrelos, 1973) Neira Vilas céntrase na emigración americana, que tan ben coñece pola súa experiencia persoal. Nesta novela a emigración aparece contemplada no seu conxunto, tratada desde unha perspectiva global.

  5. 05

    Xente no rodicio

    Xente no rodicio é un libro de contos de Xosé Neira Vilas publicado en 1965 por Editorial Galaxia na colección Illa Nova. Nesta obra recóllese unha escolma de vinte contos, de condensadas historia cheas de intención e engano

  6. 06

    O cabaliño de buxo

    Neira Vilas publicou en 1971 O cabaliño de buxo (Ediciós do Castro, 1971), unha obra protagonizada por Ruliño e dedicada a Anisia Miranda e cuxa portada foi deseñada por Isaac Díaz Pardo.

  7. 07

    Espantallo amigo

    Foron varias as obras de Neira Vilas dedicadas ao público infantil e xuvenil -tanto novelas como contos- nun tempo no que a produción literaria en galego para a rapazada era aínda escasa. Espantallo amigo (Ediciós do Castro, 1971) é outra destas obras, protagonizada por un espantallo con corazón de pexego que en lugar de asustar os paxaros, se fai amigo deles e dos nenos e nenas.

  8. 08

    Contos vellos para rapaces novos

    A marela Taravela ou Contos vellos pra rapaces novos son outras destas obras para nenos e nenas. Neste caso estamos ante un libro de contos de todo o mundo, traducidos ao galego polo escritor e publicado por Ediciós do Castro no ano 1983. En colaboración con Anisia Miranda publicou tamén o libro de cancións e poemas Cantarelas e contos prá xente miúda.

  9. 09

    Camiño bretemoso

    En Camiño bretemoso (1967) un vello emigrante vai facendo reconto do seu traxecto vital perante un interlocutor que non intervén mais serve para darlle ao monólogo máis vivacidade e dramatismo.

  10. 10

    Lar, Nai, Pan

    En 2014 a Editorial Galaxia publicou conxuntamente estas tres obras, publicadas por primeira vez respectivamente en 1973, 1980 e 1986. Máis, coma se fosen escritos nunha xeira continuada, existe neles o mesmo ton poético, a mesma síntese, o mesmo afán evocador da infancia, da adolescencia, do tempo ido

  11. 11

    Galegos no Golfo de México

    Neira Vilas tamén escribiu ensaio, obras de investigación e de divulgación. Durante moitos anos foi "cronista indiscutible" da diáspora en América, "sobre a que deixou un legado de gran valor documental, como nesta obra, publicada en 1980 sobre os Galegos no Golfo de México.

  12. 12

    Castelao en Cuba

    Castelao en Cuba, publicado inicialmente por Ediciós do Castro en 1983, é outra destas obras. Neira Vilas fai neste libro recompilación da presenza de Castelao na illa caribeña, tras anos de pescudas en hemerotecas e entrevistando testemuñas das visitas, onde se nos ofrece un magnífico retrato da gran personalidade de Castelao, como político, escritor e artista.