Unha ducia de obxectos da exposición 'Unha vida viquinga'
Ata o 5 de xaneiro pode visitarse na Cidade da Cultura a exposición Unha vida viquinga, que inclúe unha gran diversidade e obxectos históricos e arqueolóxicos que a converten nunha das maiores mostras sobre esta cultura organizadas no Estado nas últimas décadas. Debullamos aquí algúns dos seus contidos, que abren o foco sobre unha civilización que foi guerreira, navegante e exploradora, pero tamén comerciante e que dominou as costas europeas entre os séculos VIII e XI
-
01
Xogo de cadeas para o peito
A través dunha gran diversidade de obxectos, a exposición afonda na cultura nórdica durante a Idade Viquinga —da segunda metade do s. VIII á segunda metade do s. XI— nun relato artellado arredor do que podería ter sido a vida dunha persoa deste período: desde o seu nacemento, infancia, xuventude e madurez, ata a morte e a concepción do alén.
-
02
Fíbula Smørengegård
A mostra permite axexar, a través da pequena fiestra que constitúe cada peza, as diferentes etapas da viaxe individual e social desta hipotética vida viquinga: guerreiros, raíñas, adolescentes, vellos labregos, feirantes, migrantes... incontables vidas que contribúen a definir ese fenómeno expansivo que foi o mundo viquingo.
-
03
Moedas, xoias e outros tesouros
A estratéxica localización de Escandinavia e a extraordinaria capacidade dos
barcos viquingos para navegar océanos, mares e ríos intransitables para outras
embarcacións dáballes unha gran vantaxe á hora de controlar os fluxos comerciais do Norte de Europa ata Oriente Próximo. De Escandinavia e do Báltico exportábanse as mellores peles, o marfil de morsa, o ámbar e metais como o ferro.A isto sumaríaselle o moi lucrativo tráfico de escravos, feitos prisioneiros en Inglaterra, Irlanda ou outros territorios europeos. Quizais esa fose unha das principais fontes de ingresos dos viquingos, que explicaría algunhas astronómicas cantidades de prata atopadas en tesouros e tumbas
-
04
Pedra pictórica de Gotland
Unha gran parte das pedras rúnicas que se conservaron tiñan a función de conmemoraren os mortos. Pero non todas as pedras funerarias contiñan inscricións rúnicas, senón que nalgunhas delas, coñecidas como pedras pictóricas, adoitaban pintarse escenas lendarias ou mitolóxicas, pero tamén momentos da vida cotiá dos viquingos. As pedras pictóricas máis famosas son as que se atopan na illa de Gotland, en Suecia, das que se exhibe unha delas en Unha vida viquinga. Na superficie da pedra represéntase unha escena de combate entre dous guerreiros e un barco cun grupo de expedicionarios viquingos.
-
05
Pedra rúnica de Pilgårds
Esta pedra rúnica atopada en Pilgårds e conservada no Museo de Gotland está datada na segunda metade do século X e foi erixida en memoria dun grupo de viquingos que navegaron polas cataratas do Dniéper e faleceron en Aifur, os perigosos rápidos deste río, situados na actual Ucraína.
-
06
Relicario irlandés con runas
Ao redor do ano 1000, unha muller viquinga chamada Ranvaik fixo gravar, ou ela mesma gravou, unha inscrición rúnica na base dun relicario de orixe irlandés —chegado a Escandinavia probablemente froito dun saqueo— indicando que esa caixiña era da súa propiedade.
A beleza e calidade do cofre devolveulle a súa función orixinal como relicario tras a cristianización de Escandinavia e chega ata Galicia como parte dos fondos do Museo Nacional de Copenhague, falándonos do intercambio e hibridación cultural que a época viquinga deixou en Europa
-
07
Placa granítica con cruz patada e inscrición atopada en Catoira
A forza da expansión viquinga chegou ás costas galegas. En Galicia atopamos exemplos tanto de contacto violento continuado como de asentamento a medio prazo en forma de campamentos, ou lugares onde se forxaron firmes alianzas e relacións de tipo comercial.
A ameaza da piratería na ría de Arousa fixo necesaria a construción das Torres do Oeste, en Catoira, para un mellor control da desembocadura do río Ulla e o conseguinte acceso ao interior. Esta placa granítica cunha cruz grega lixeiramente patada foi atopada na ermida das Torres do Oeste. Pendurados da cruz, atopamos un alfa e un omega, ademais da inscrición IN HOC SIGNO TUETUR PIUS HOC SIGNO VINCITUR INIMICUS, empregada como fórmula de protección: "Con este símbolo protéxese o piadoso, con este símbolo véncese o inimigo".
-
08
Manuscrito medieval Corpus pelagianum et alia scripta minora
Este manuscrito inclúe unha recompilación de textos historiográficos escritos por Paio de Oviedo entre 1118 e 1153. Entre eles atópase a Crónica de Sampiro que conta como no ano 968 un grande exército viquingo de cen navíos chegou pola ría de Arousa e permaneceu un ano en Galicia. No texto tamén se menciona a morte en batalla de Sisnando II, o bispo que promoveu a defensa de Galicia contra a piratería.
-
09
Báculo do bispo Gonzalo de Mondoñedo
Existe unha lenda na Mariña que relata como o bispo Gonzalo de Mondoñedo tivo un papel fundamental na derrota dunha gran frota viquinga. A tradición conta como o bispo subiu a un monte cos seus fregueses para observar mellor o avance da frota. Nunha versión da lenda, ao chegar ao cumio, Gonzalo axeonllouse e rezou e, cada vez que levantaba os brazos en oración, parte da armada afundíase ata que só quedou un barco.
-
10
Recreación dun barco viquingo
En 1959, durante investigacións submarinas no fiorde de Roskilde, en Dinamarca, un equipo de mergulladores atopou varias embarcacións viquingas que foron escavadas ao longo dos anos posteriores e que hoxe se conservan no Vikingeskibs Museet. Unha vida viquinga amosa unha recreación a escala real dun destes barcos, o Skudelev 5
-
11
Espadas viquingas e outras armas
A mostra proponse ir máis alá dos clixés do imaxinario popular sobre esta
civilización e achega unha visión máis ampla e diversa dun pobo que é moito
máis ca unha historia de conquistas e violencia. Pero, por suposto, a exposición tamén amosa algunhas das armas que empregaban.Tamén se afonda aspectos como a participación das mulleres nas campañas de exploración. Hai exemplos de enterramentos femininos que conteñen conxuntos de armas, especialmente unha tumba do século X en Birka, Suecia: unha muller que viviu como guerreira profesional e foi enterrada nun ambiente marcial, como unha persoa de alto rango.
-
12
Ilustracións realizadas por David Rubín para 'Unha vida viquinga'
David Rubín levou a cabo para a exposición catro pezas audiovisuais en colaboración con Monografo Estudio centradas na mitoloxía nórdica, as viaxes marítimas, a infancia ou os ritos funerarios na era viquinga. A máis destacada está inspirada nun dos máis famosos poemas en nórdico antigo, o Völuspá. Esta narración en forma de profecía dunha vidente (völva) relata a creación do mundo e a súa fin: o Ragnarök.