Unha ducia de pais (case) tan coñecidos coma os seus fillos e fillas
Este venres celébrase o Día do Pai. Repasamos aquí a algúns proxenitores galegos, ben coñecidos e recoñecidos nos seus ámbitos, que tiveron á súa vez fillos e fillas de sona, moitas veces máis aínda. É o caso do escritor e tradutor Valentín Arias, pai de Xela Arias, homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas ou de Camilo Díaz Baliño, pai de Isaac Díaz Pardo. Aviso: esta ducia é inevitablemente un todopirolos
-
01
Valentín Arias
Valentín Arias (Sarria 1934-2011) foi escritor e tradutor (con ducias de obras publicadas, sobre todo en Xerais e o Premio Plácido Castro). Traballou na Fundación Penzol e foi xerente da Editorial Galaxia. Foi tamén mestre de EXB no CEIP Sárdoma-Moledo, onde precisamente estudou a súa filla, Xela Arias, que neste ano 2021 é homenaxeada no Día das Letras Galegas. En 1968 escribiu o relato "Xeliña fala galego", recuperado pola RAG no último Día da Lingua Materna, no que conta a experiencia de criar en galego á súa filla, que daquela tiña sete anos.
Acadou unha sona moi merecida, pero seguramente hoxe podemos falar máis do "pai de Xela Arias" que da "filla de Valentín Arias". E ben orgulloso que estaría.
-
02
Camilo Díaz Baliño
Camilo Díaz Baliño (Ferrol 1889 - Palas de Rei 1936). Ilustrador e muralista, a súa produción nos anos 20 e 30 foi moi importante, un tempo no que participou nas Irmandades da Fala, no Seminario de Estudos Galegos ou no Partido Galeguista. Este compromiso custoulle a vida, sendo asasinado por falanxistas o 14 de agosto de 1936. Deixou tres fillas e fillos: María, Mercedes e Isaac, que tiña daquela 16 anos.
-
03
Antón Patiño
O pintor Antón Patiño (Monforte, 1957), un dos fundadores de Atlántica, leva catro décadas desenvolvendo unha brillante carreira artística, expoñendo en museos e salas de exposicións de toda Europa. E é, ademais, pai do cineasta Lois Patiño, que hai uns meses estreou a súa nova longametraxe, Lua Vermella
-
04
Xosé Fortes
Xosé Fortes Bouzán (Cotobade, 1934) foi militar durante moitos anos e desenvolveu tamén unha traxectoria como historiador. É ben coñecido polo seu compromiso democrático, que o levou a fundar en 1974 a Unión Militar Democrática. Tivo que pasar por un consello de guerra, foi encarcerado e expulsado do exército en 1976, condenado a catro anos de cadea acusado de "conspiración para a rebelión. Tan só en 1986 foi "amnistiado". En 1979 foi elixido concelleiro en Pontevedra nas listas de Unidade Galega, asumindo o cargo de tenente de alcalde de urbanismo da primeira corporación democrática. Ten tres fillos e fillas. Un deles, Xabier Fortes, é un rostro ben coñecido dos informativos de Televisión Española
-
05
Santiago Casares Quiroga
Santiago Casares Quiroga (A Coruña 1884 - París 1950) chegou a ser presidente do Goberno na Segunda República, cargo que ocupaba no momento do Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936. Tivo dúas fillas, unha delas a actriz María Casares, unha das grandes intérprets do teatro e o cinema francés e que hoxe dá nome aos premios do teatro galego
-
06
Manuel Rivas
O escritor e xornalista Manuel Rivas (A Coruña, 1957) é un dos autores en galego máis lidos, traducidos e recoñecidos e, ademais, desenvolveu no xornalismo practicamente todas as ocupacións posibles, dende xefe de prensa do primeiro goberno municipal da Coruña durante a Transición ata condutor do primeiro programa dunha radio municipal en Galicia, Radio Oleiros en 1980, unha emisión que foi interrumpida pola Garda Civil despois de 70 minutos. Un dos seus fillos é o actor Martiño Rivas. É xa Martiño Rivas máis coñecido que o seu pai? Ben, pregúntenlle a alguén de menos de 30 anos.
-
07
Xesús Rábade Paredes
Xesús Rábade Paredes (Cospeito, 1949) é escritor e mestre, cun gran número de obras de poesía, narrativa e ensaio. É pai da poeta María do Cebreiro Rábade Villar e do músico de jazz Abe Rábade
-
08
César Alvajar
César Alvajar (A Coruña 1892 - París 1965) foi un escritor, xornalista e político. Fundou xornais, pasou polo Partido Radical ou pola Unión Republicana, presidiu o Casino Republicano da Coruña e traballou no Concello da cidade herculina en varias posicións, sendo ademais secretario do alcalde Manuel Iglesias Corral. Durante a Guerra Civil foi xefe da Secretaría da Delegación de Evacuación da Xunta de Defensa de Madrid, entre outros cargos. Exiliouse en París, onde dirixiu La Nouvelle Espagne, órgano do Goberno Republicano no exilio e foi delegado do Consello de Galiza. Foi o pai de catro fillos e fillas, entre elas Amparo Alvajar López Jean, xornalista, tradutora e escritora finada en Monção en 1998, a quen Aurora Marco dedicou este texto.
-
09
Santiago Rey Pedreira
Santiago Rey Pedreira (A Coruña 1902-1977) está considerado o arquitecto racionalista máis importante de Galicia. Foi o arquitecto municipal da Coruña entre 1932 e 1954 e a el debémoslle o Mercado de San Agustín ou o Estadio de Riazor. A súa filla, Milagros Rey Hombre (1930-2014), foi a primeira arquitecta galega, autora da a fonte de Catro Camiños ou da Torre Dourada, na rúa Juan Flórez, un dos primeiros rañaceos da cidade
-
10
Xosé María Álvarez Blázquez
O escritor Xosé María Álvarez Blázquez, homenaxeado no Día das Letras de 2008, foi cronista oficial da cidade de Vigo e deixou unha ampla obra en poesía e ensaio. Os Álvarez conformaron unha importante xínea na cultura galega, dende o pai de Xosé María (Darío Álvarez Limeses) ata os seus fillos Xosé María, Celso, Berta ou Alfonso Álvarez Cácamo.
-
11
Suso Díaz
O sindicalista Suso Díaz (Ferrol, 1944), militante tamén do PCG, chegou a ser secretario xeral de CCOO en Galicia. Moito antes diso foi un simple obreiro, que comezou a traballar no estaleiro de Astano con só 14 anos. En marzo de 1972, despois da morte dos obreiros Amador e Daniel, foi detido en encarcerado na prisión provincial da Coruña. A súa filla, Yolanda Díaz, é hoxe ministra de Traballo e converterase en Vicepresidenta terceira do Goberno.
Tamén no PCG militaba Carlos Núñez, que tamén sufriu a represión da ditadura neses anos. O seu fillo Carlos Núñez Muñoz saíulle gaiteiro, e nun un gaiteiro calquera, senón un dos máis coñecidos do mundo
-
12
Xosé Manuel Seivane
E falando de gaiteiros e de liñaxes non podría faltar Xosé Manuel Seivane (A Pastoriza 1921, Cambre 2012), artesán fabricante de gaitas que abriu o seu primeiro obradoiro con 18 anos. Neste caso a máis famosa entre os seus descendentes foi a súa neta Susana Seivane, outra gaiteira de primeiro nivel
-
13
Manuel Beiras
E rematamos con outra liñaxe, a dos Beiras, iniciada por Manuel Beiras, un dos fundadores do Partido Galeguista en 1931 e tamén do Padroado Rosalía de Castro, xa durante a ditadura. En 1979 foi concelleiro no concello de Santiago de Compostela en 1979 polas listas da coalición Unidade Galega, na que se integraba o Partido Galeguista, no que seguiu militanto varios anos, posteriormente en coalición co PNG. Tivo nove fillos e fillas, entre eles Xosé Manuel