Marcos Pérez Pena

Unha ducia de paradas de Ruth Matilda Anderson en Galicia

Na primavera de 2026 Ruth Matilda Anderson finalizou a súa derradeira estadía en Galicia. Chegara o 7 de agosto de 1924 e durante 18 meses -en dúas estadías sucesivas- percorreu o país facendo case oito mil fotografías por encarga da The Hispanic Society of America. Imaxes que retratan o mundo rural daquel tempo e, sobre todo, a vida e o traballo das mulleres e tamén a infancia. Pero fixo moito máis que tirar fotografías; en 1939 publicou Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña, un verdadeiro estudo sobre a cultura, a literatura e a historia de Galicia para o que botou man de autoras como Rosalía de Castro ou Emilia Pardo Bazán, unha obra que ficou invisibilizada durante décadas.

  1. 01

    Quen era Ruth Matilda Anderson?

    Nacida en Phelps County (Nebraska) en 1893, iniciouse na fotografía da man de seu pai e aínda que inicialmente estudou Maxisterio, diplomouse en 1919 na Escola de Fotografía Clarence H. White, en Nova York e en 1922 foi contratada pola Hispanic Society of America, recomendada pola propia Clarence White. 

    Na imaxe, Ruth Matilda Anderson, na súa estadía en Compostela

  2. 02

    The Hispanic Society of America

    The Hispanic Society of America, con sede en Nova York, foi un proxecto persoal de Archer Milton Huntington, fundador e presidente dunha entidade nacida para afondar no estudo sobre España e Hispanoamérica, froito da paixón que Huntington sentía polo país dende as primeiras viaxes que realizara coa súa familia a Europa.

    Na sociedade formáronse investigadores co obxectivo de recoller información sobre o mundo hispánico, sobre todo sobre aquelas realidades rurais e tradicionais que estaban en proceso de desaparición por mor do progreso e da modernización. 

    Na imaxe, fachada da Hispanic Society of America

  3. 03

    Unha viaxe preparada con detalle

    Antes de viaxar a Galicia para levar a cabo o traballo de campo que Huntington lle encargara, Ruth Matilda Anderson prepárase con dedicación, seguindo as regras básicas de realización dun bo traballo etnográfico. Aprende español e tamén algo de galego, afonda na cultura, na literatura e na historia de Galicia, lendo un gran número de autores e autoras, que lle proporcionaron un gran coñecemento sobte o país.

    Viaxa por España entre marzo e xullo de 1923 e, posteriormente, viaxa de novo o 29 de xullo de 1924, chegando a Vigo o 7 de agosto de 1924.

  4. 04

    Primeira estadía en Galicia

    Na súa primeira estadía en Galicia, Ruth Matilda Anderson permaneceu un ano, ata o verán de 1925. Neste tempo tirou unhas 5.000 fotografías e mercou outras 2.800 a fotógrafos locais. Percorreu boa parte do país, tanto as cidades (Compostela, Vigo, Ourense, Pontevedra, A Coruña...) como as vilas e aldeas de case todas as comarcas. 

    Lalín, A Fonsagrada, Nigrán, Cangas, Fisterra, Betanzos, Arcade, Vilanova dos Infantes, Viana do Bolo, Pedrafita do Cebreiro, Dumbría, Malpica, Carral, A Laracha, Baiona, Carnota, Mondariz, A Guarda, Tui, O Grove, Muxía, Muros, Padrón, Catoira, Camariñas, Cambados... son algunhas das moitas localidades das que se coñecen imaxes.


    Na imaxe, un carro no centro de Compostela, fotografado por Ruth Matilda Anderson

  5. 05

    Pon o foco nas mulleres

    Ruth Matilda Anderson fotografa homes, mulleres, nenos, nenas, paisaxes... Pero pon o foco nas mulleres e tamén na infancia. Retratou sobre todo as mulleres na súa actividade diaria, é dicir, traballando. Traballando na casa, na horta e tamén realizando outras actividades produtivas: indo a vender á feira, palillando (e non por ocio ou hobby, precisamente), tirando das redes de pesca nas praias...

    Ademais, como destaca Alba Rodríguez Saavedra no seu celebrado ensaio Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes (Laiovento), "o seu contacto coa xente foi un contacto próximo, nunca tivo un trato nin de condescendencia, nin de minusvaloración nin de distancia"

    Fotografía de mulleres carrexadoras tirada por Ruth Matilda Anderson nas Laxiñas (Carnota) en 1924

  6. 06

    Mulleres que traballan

    A investigadora "atribúe ás mulleres galegas o que en moitas ocasións pasou completamente desapercibido por moi diversos motivos: unha presenza determinante na produción económica", destaca Rodríguez Saavedra na entrevista que lle fixemos hai unhas semanas en Praza.gal

    "Por exemplo, cando se refire ao encaixe de palillos en Muxía, fala de que iso é unha industria na que traballan as mulleres, en contraposición a esa concepción dos traballos das mulleres que son absolutamente ocultados e invisibilizados e que non computan para ese reconto económico na sociedade", sinala a autora

    Palilleira retratada por Ruth Matilda Anderson

  7. 07

    Mulleres en plena faena

    Na introdución de Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes, a historiadora Ana Cabana destaca que "a estadounidense quedou prendida das mulleres en plena faena e obrando en grupo, e esas escenas resultaban moi doadas de atopar naquelas que pertencían ás clases máis modestas e humildes da sociedade rural, e cara a elas mirou porque alí estaban, por moito que as súas vidas e traballos parecesen ser invisibles".

    Mulleres tirando dunha rede na praia do Ézaro (Dumbría)

  8. 08

    Mulleres sen nome

    O ensaio está ademais introducido por un poema de Marilar Aleixandre dedicado a una "leiteira sen nome" fotografada por Ruth Matilda Anderson en Noia en 1924.

    ninguén preguntou o teu nome 
    a ninguén lle importou o teu nome 
    a túa vida 
    porén a túa voz anónima 
    atravesa o século, 
    fala o teu grito mudo 
    silenciando 
    manuais de historia 
    nena leiteira 
    unha de tantos ninguén 
    non haberá poema 
    que faga xustiza á túa voz 

    Na imaxe, un grupo de leiteiras en Santiago de Compostela

  9. 09

    Segunda estadía en Galicia

    Despois dun ano en Galicia, Ruth Matilda Anderson fixo un descanso no verán para poder ir primeiro ao Reino Unido e despois a Nova York a levar toda a carga fotográfica e presentar o material que fora recompilando. Regresa a Galicia en novembro de 1925, desta volta acompañada por Frances Spalding e realiza un segundo percorrido de seis meses, ata o mes de maio de 1926, tirando outras 2.800 fotografías, antes de marchar en dirección a Zamora e León.

    Xa nunca regresou a Galicia, aínda que nos anos seguintes levou a cabo novas viaxes de investigación por Estremadura e Castela (entre 1927 e 1928) e por Castela e Andalucía (entre 1929 e 1930). Alba Rodríguez Saavedra destaca que foi "a súa primeira viaxe como investigadora. Foi o seu bautismo profesional e polo tanto Galicia ocupou sempre un lugar importante na súa memoria e tamén no seu corazón"

    Na imaxe, Ruth Matilda Anderson e Frances Spalding na segunda estadía de Anderon en Galicia

  10. 10

    Unha 'terra de mulleres' contada por homes

    Ruth Matilda Anderson foi moito máis que unha fotógrafa, foi unha investigadora. Fixo un inxente traballo de campo, falando con todo o mundo que atopaba, falando sobre todo coas mulleres. Leu moito, ademais, leu a autores e autoras, con especial atención a Emilia Pardo Bazán e a Rosalía de Castro. 

    Á poeta leuna con atención e non se deixou levar pola imaxe "manipulada, materdolorosa, abnegada, laiante, que se nos trasladou ata ben entrados os anos 90 do século pasado", senón que puxo o foco na Rosalía máis reivindicativa e súas foron as primeiras traducións da poeta directamente ao inglés.

    Na imaxe, dúas mozas carrexan algas en Noia

  11. 11

    Un completo estudo sobre Galicia

    Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña, publicado en 1939, é un completo estudo cultural e historiográfico de Galicia. Unha obra fundamental para entender a Galicia do momento e que, estrañamente, permaneceu silenciada durante décadas, ata o punto de que aínda non foi traducida ao galego. 

    A intelectualidade galega de mediados e finais do século XX obviou unha obra na que "Ruth Matilda presenta unha visión que é incómoda, na que se aprecia que as mulleres ficaran completamente invisibilizadas, nas marxes, que desbarata un retrato manipulado sobre Rosalía de Castro e que ademais fai unha reivindicación de Emilia Pardo Bazán", destaca Alba Rodríguez.

    "Para esa intelectualidade había tamén algunhas cuestións que poden non resultar moi agradables, como que nun libro que era en realidade un dos grandes estudos sobre a cultura galega, ningún dos intelectuais da época aparecesen nas páxinas principais con nomes e apelidos", engade.

  12. 12

    Un centenario que pasou desapercibido

    O estudo, do que nunca se publicou unha segunda parte centrada nas provincias de Lugo e Ourense, segue a ser un gran descoñecido en Galicia. Nin sequera cando hai unhas décadas varias exposicións recuperaron as fotografías de Ruth Matilda Anderson se fixo fincapé neste libro que lles dá contexto e que axiganta a figura da estadounidense como investigadora. 

    O pasado mes de novembro a Xunta anunciou o acordo coa Hispanic Society of America para traducir e editar A viaxe de Ruth, provincias galegas de España. Pontevedra e A Coruña.

    O centenario do paso de Anderson por Galicia pasou completamente desapercibido a nivel institucional. Agás excepcións, non se falou dela nin en 2024, nin en 2025 nin en 2026. Tan só a premiada obra de Rodríguez Saavedra fixo xustiza a unha figuea que merecería ser moito máis destacada e que permaneu marxinada, nas marxes, durante décadas.