Marcos Pérez Pena

Unha ducia de paradas na ruta galega da camelia para recibir a primavera

Dise que a camelia é "a flor de Galicia". E iso que non chegou á nosa terra -dende o leste de Asia- ata comezos do século XIX. Porén, adaptouse perfectamente ao clima atlántico e aos solos acedos e estendeuse polo territorio galego, especialmente polos xardíns dos pazos e casas nobres. En paralelo, foi adquirindo sona en toda Europa grazas a obras como A dama das camelias, de Alexandre Dumas (fillo). A camelia florecía nos invernos, enchendo de cor os meses máis avesedos do ano e, por exemplo, Álvaro Cunqueiro escribiu que "as camelias eran como luces no inverno galego”. 

Hoxe a camelia está presente en moitos xardíns e parques, e suma máis de oito mil variedades en Galicia, pero brilla especialmente en certos espazos, merecedores dunha visita ao longo dunha ruta galega da camelia. Estes son algúns deles, que escolmamos nesta ducia que celebra a chegada -esta semana- da primavera.

  1. 01

    Pazo de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa)

    O Pazo de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa, foi edificado no século XVIII sobre unha torre do século XV e acolleu á familia Caamaño, fundadores de Vilagarcía. Nel destaca especialmente o seu xardín, con máis de 800 variedades de camelias e algúns dos eucaliptos máis antigos de Galicia. O xardín comezou a construírse en 1764 e as primeiras camelias chegaron en 1850.

    Aquí recóllense os aceites esenciais da camelia (tsubaki) co que no Mosteiro de Armenteira se fabrican xabóns e outros produtos.

  2. 02

    Pazo de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra)

    O Pazo de Santa Cruz de Ribadulla, en Ortigueira (Vedra), foi fundado no século XVI polo canónigo da Catedral de Santiago e na actualidade pertence ao militar golpista Alfonso Armada, marqués de Santa Cruz. Ademais das 200 variedades de camelias, no xardín destacan outras especies e espazos, coma os magnolios, os buxos e as oliveiras, que forman un fermoso paseo.

  3. 03

    Pazo de Oca (A Estrada)

    O Pazo de Oca (A Estrada), de estilo maioritariamente barroco, comezou a construírse xa no século XV e na actualidade pertence á Duquesa de Medinaceli. Tal é a beleza dos seus xardíns que nalgunha ocasión foi alcumado (de forma esaxerada, como case sempre que se realizan estas comparacións) como "o Versalles galego". Ademais das camelias destaca a presenza doutras especies, como tileiros ou buxos, ademais do seu fermoso estanque.

  4. 04

    Casa de Rosalía (Padrón)

    Tamén hai camelias na Casa de Rosalía e, de feito, a Casa da Matanza tamén aparece destacada pola Sociedade Española da Camelia como parte da ruta da camelia. E é que na casa-museo rosaliana hai que visitar o seu xardín, reformado o pasado ano, que inclúe agora moitas das especies citadas pola poeta na súa obra e, ademais, a Camelia Rosalía de Castro, catalogada e protexida, plantada en 1968 e que florece entre novembro e abril.

  5. 05

    Pazo de Mariñán (Bergondo)

    Os mellores lugares para admirar as camelias están no sur de Galicia, pero tamén no norte o Pazo de Mariñán acolle notables masas desta especie no seu coidado xardín. Con orixe nunha fortaleza defensiva do século XV, o pazo adquiriu a súa estrutura actual no século XVIII e o xardín construíuse no século XIX.

  6. 06

    Pazo de San Lourenzo (Santiago)

    Compostela é un excelente lugar para admirar as camelias, por exemplo no Pazo de San Lourenzo, que no seu xardín e bosque acolle máis de cen especies vexetais, entre elas camelias plantadas no século XIX, e tamén un gran seto de buxo tallado. Tamén hai camelias na Alameda, no Paseo da Ferradura, un total de 66 árbores dende os que se pode contemplar a xa icónica vista da Catedral.

  7. 07

    Pazo da Saleta (Meis)

    O Pazo da Saleta, en Meis, é máis recente que o resto de paradas desta ruta.. Construíuse no século XIX e o seu xardín non se desenvolveu ata os anos 60 do pasado século, grazas ao impulso do británico Robert Gimson e da súa dona Margaret, que aquí desenvolveron a súa gran paixón: a botánica.

  8. 08

    Xardín botánico de Padrón

    O Xardín botánico de Padrón, creado en 1869, acolle na súa hectárea de extensión ao redor de 300 especies, algunhas inventariadas no Catálogo Galego de Árbores Singulares. E, por suposto, camelias.

  9. 09

    Pazo de Lourizán (Pontevedra)

    O Pazo de Lourizán tivo moitas vidas. Construído a comezos do século XIX polo arquitecto Genaro de la Fuente, foi adquirido por Montero Ríos, que o converteu na súa residencia de verán. Nos anos 40 do século pasado foi mercado pola Deputación de Pontevedra e na actualidade acolle o Centro de Investigación Forestal de Lourizán. O seu xardín, de 54 hectáreas, inclúe un importante xardín botánico e varias fontes ornamentais.

  10. 10

    Castelo de Soutomaior

    O Castelo de Soutomaior inicia a súa historia no século XII e acada o seu máximo esplendor no século XV con Pedro Álvarez de Soutomaior, máis coñecido como Pedro Madruga. Despois dun período de decadencia, é reformado en 1870 en estilo neogótico. Nese momento créase tamén o seu xardín, de 25 hectáreas, que constitúe un dos parques botánicos máis importantes de Galicia

  11. 11

    Pazo Quiñones de León (Vigo)

    Vigo é outro bo lugar para ver camelias. Por exemplo, no Parque do Castro. E tamén no Pazo Museo Quiñones de León, tamén coñecido como Pazo de Castrelos. Con orixes máis antigas, foi reedificado no século XVII, cunha reforma posterior no século XIX que lle deu a súa actual fasquía. O derradeiro Marqués de Alcedo doouno á cidade de Vigo en 1924 e dende entón acolle un museo de pintura. No seu xardín comezaron a cultivarse as camelias xa en 1860, que hoxe locen nos meses de inverno nun fermoso espazo con multitude de especies.

  12. 12

    Pazo Quinteiro da Cruz (Ribadumia)

    O Pazo Quinteiro da Cruz, en Ribadumia, data do século XVIII e os seus xardíns foron creados no século XIX, cunha reforma máis recente a partir de 1975. Nel destacan sobre todo as camelias, con máis de 5.000 exemplares de máis de 1.500 variedades distintas.

  13. 13

    Pazo Gandarón (Pontevedra)

    Na cidade de Pontevedra hai moitas camelias nos Xardíns do Pazo Provincial, e tamén no Pazo Gandarón, en Salcedo. Construído no século XVIII e propiedade da Deputación de Pontevedra, acolle a Misión Biolóxica de Galicia, dependente do CSIC. O xardín, creado no século XIX, non deixou de ampliarse e acoller novas especies, entre elas a camelia, grazas ao impulso de Antonio Odriozola, bibliotecario na Misión Biolóxica de Galicia.

    En Pontevedra atopamos tamén a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, referencia mundial en estudos de investigación sobre a camelia

  14. 14

    Pazo de Pegullal (Salceda de Caselas)

    O xardín do Pazo de Pegullal, en Salceda de Caselas, creado por Fernando Caruncho é un fermoso espazo no que brillan un gran número de especies, entre elas a camelia, con 371 exemplares de 25 variedades distintas. Trátase dun dos xardíns máis coidados e mellor deseñados de Galicia.