Marcos Pérez Pena

Unha ducia de paradas obrigadas na exposición 'Galicia, de Nós a nós'

Dende o pasado 2 de outubro pode verse na Cidade da Cultura a exposición 'Galicia, de Nós a nós', que percorre a través de 300 pezas a historia e legado da Xeración Nós no centenario da publicación da revista que lle deu nome. Comisariada por Afonso Vázquez-Monxardín e Ana Acuña, a mostra pódese ver no Gaiás ata o 17 de xaneiro e nos meses seguintes viaxará a Ourense e Pontevedra.

  1. 01

    De Nós a nós

    "Pedrayo, Risco, Castelao, Cuevillas... Sen eles non sería posible imaxinar a Galicia de hoxe. Nun mesmo momento produciuse unha concentración excepcional de talento e coraxe", destácase no vídeo promocional da exposición, que quere ser "unha homenaxe á xeración que mudou para sempre a historia galega".

  2. 02

    "O Fontán"

    A mostra ábrese coa Carta Xeométrica de Galicia, o mapa elaborado por Domingo Fontán en 1845 que pertenceu a Otero Pedrayo. “O Fontán” acadou unha importancia sobresaliente entre os integrantes da Xeración Nós. Exponse acompañado de anotacións, materiais e instrumental de campo do xeógrafo, ao que Marcos Calveiro dedicou unha excelente novela.

  3. 03

    A maleta d'Os Eoas

    Na exposición pódese ver a maleta (legada á RAG) que contén os varios centos de papeletas nas que Eduardo Pondal foi redactando ao longo da súa vida o extenso poema épico Os Eoas, que nunca chegou a ver publicado. Tan só en 2005 viu a luz unha edición da obra. 

  4. 04

    As portadas da revista Nós

    Por suposto, na mostra ten un papel protagonista a revista Nós, reunindo por primeira vez as súas 134 portadas, que se completan cunha instalación interactiva sobre a súa a historia, significado e simboloxía da súa iconografía e, así mesmo, expoonse abondosa documentación orixinal do proceso editorial da revista. 

  5. 05

    Campamento Aquae Querquennae

    A exposición inclúe unha reconstrución virtual deste campamento romano, situado en Bande, e documentado por vez primeira por Florentino López Cuevillas na década dos anos 20 do pasado século, logo de visitar o recinto o 5 de xuño de 1921 con Otero Pedrayo, Risco e o avogado de Bande Farruco Pena. Tecnoloxía de realidade aumentada permite afondar na vida, usos e distribución do campamento tal e como sería nos séculos I e II. 

  6. 06

    Margot Sponer

    Quen foi Margot Sponer? Esta lingüista alemá escribiu en 1935 a que foi probablemente a primeira tese de doutoramento sobre lingua galega, Altgalizische Urkunden. Centrou os seus estudos na lingua galega medieval e en 1926 visitou Galicia para afondar nas súas investigacións, entrando en contacto coa Xeración Nós e, de feito, en 1927 publicou un artigo na Revista Nós. En 1945 foi detida pola Gestapo polas súas actividades de cooperación coa resistencia contra os nazis, morrendo ese ano en Berlín. 

  7. 07

    Bandeira do Consello de Galiza

    Na mostra exponse tamén a bandeira que cubriu o cadaleito de Castelao nas súas exequias fúnebres en Bos Aires en 1950. O distintivo, que foi tamén a bandeira do Consello de Galiza, foi adquirido mediante unha colecta entre a comunidade dos emigrantes galegos en Montevideo

  8. 08

    A folga de fame de Terrence MacSwiney

    Hai un oco na exposición para lembrar a folga de fame que en 1920 levou a cabo o alcalde de Cork, Terence MacSwiney, e que o levou a morrer despois de 57 días sen comer. MacSwiney buscaba chamar a atención internacional sobre a Guerra de Independencia de Irlanda e a represión británica. A Nosa Terra e Nós dedicáronlle varios artigos e en 1921 a revista mesmo publicou un artigo asinado pola irmá do alcalde mártir, Annie Mac Swiney, que se converteu así nunha das tres mulleres que publicaron en Nós, xunto con Francisca Herrera Garrido e Margot Sponer.

  9. 09

    Esmaltes de Limoges da Catedral de Ourense

    Na Cidade da Cultura poden verse tamén algúns dos valiosos esmaltes de Limoges da Catedral de Ourense, que datan do ano 1200. Sobre eles escribiu na revista Nós o medievalista estadounidense Marvin Chauncey Ross, que na Segunda Guerra Mundial se converteu nun dos chamados "monuments men", que acompañaban as tropas aliadas desde Normandía coidando dos bens históricos das zonas liberadas e recuperando os bens espoliados polos nazis.

  10. 10

    O 'Galician Programme' da BBC

    A mostra dedica tamén un apartado ao 'Galician Programme' da BBC, que funcionou entre 1947 e 1955 baixo o impulso e coa locución de Plácido Castro e Alejandro Raimundez. Moitos dos integrantes da Xeración Nós colaboraron nestes anos nesta emisión en galego na radio pública británica, detacando Francisco Fernández del Riego mais tamén Xosé María Álvarez Blázquez, Otero Pedrayo, Ánxel Fole, Carvalho Calero, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Villar Ponte, Pura Vázquez, Rafael Dieste, Manuel María ou Faustino Santalices

  11. 11

    ‘Noiturnio do adolescente morto’, incluído nos Seis poemas galegos de Lorca

    No Gaiás pode verse igualmente o manustrito do ‘Noiturnio do adolescente morto’, incluído nos Seis poemas galegos de Lorca (que viron a luz no prelo de Nós) e que o poeta granadino ditou a Ernesto Guerra da Cal. 

  12. 12

    "Os artistiñas" do 'Volter'

    De 'Nós a nós' chega ata os anos 60 para falar de "Os Artistiñas", un grupo xurdido a comezos desa década en Ourense e apadriñado por Vicente Risco, do que formaron parte Xaime Quessada, Acisclo Manzano, Arturo Baltar, Manuel 'Buciños', Xosé Luís de Dios, Virxilio ou Xabier Pousa. Xuntábanse na taberna de Tucho, á que Risco chamaba "O Volter" en imitación do 'Cabaret Voltaire' de Zürich. O edificio no que se atopaba o local, situado na praza Eironciño dos Cabaleiros, foi derrubado nos anos 90.