Unha ducia de pontes das máis longas de Galicia
Entramos nunha ponte festiva, entre os días 6 e 8 de decembro, unha ponte non excesivamente longa pero que dá pé a destacar algúns dos viadutos de maior lonxitude construídos en Galicia para salvar ríos e rías, algún de case dous quilómetros de extensión. Velaquí unha relación na que atopamos obras realizadas nos últimos anos, pero tamén no século XIX, infraestruturas para dar servizo ao tren e tamén ao tráfico por estrada.
-
01Ponte da Illa de Arousa (1.980 m.)
A Ponte da Illa de Arousa, cos seus case dous quilómetros de lonxitude, é o máis longo de Galicia. Inaugurouse o 14 de setembro de 1985 -este ano vén de celebrarse o 40 aniversario da infraestrutura-, despois de anos de reivindicación da veciñanza da illa, que se refería á ponte como "a chave para 6.000 presos".
Coa ponte chegaron os coches á illa, tamén máis turistas e, doce anos despois, a Illa de Arousa pasou a ser un concello independente, escindido do de Vilanova, ao que ata entón pertencía.
-
02Ponte sobre a Ría de Noia (1.657 m.)
Algo máis curta é a ponte que cruza a Ría de Noia, inaugurada en 2014 para unir a parte norte da vila noiesa con Taramancos e acurtando ademais as viaxes entre Santiago e Porto do Son.
Non lonxe deste viaduto, dúas emblemáticas pontes serven tamén Noia e Muros, evitando un longo rodeo por Serra de Outes. E, igualmente, atopamos tamén neste lugar a Ponte Nafonso (270 m.) sobre o río Tambre.
-
03Viaduto sobre o Río Ulla entre Rianxo e Catoira (1.620 m.)
O tren entre Santiago e Vilagarcía salva o Río Ulla grazas a unha extensa ponte (1.620 metros) entre Rianxo e Catoira. O viaduto inaugurado en 2011 posúe aínda o récord mundial na tipoloxía de celosía mixta de alta velocidade. Moi próxima, outra longa ponte (de 987 metros) serve para unir por estrada Rianxo e Catoira.
-
04Ponte de Rande (1.560 m.)
É a cuarta en lonxitude, pero posiblemente trátase da máis impresionante de Galicia. A Ponte de Rande coa que a AP-9 cruza a Ría de Vigo, foi inaugurada en 1981 e ampliada hai uns anos. Dende o ano 2006 pasou a ser un treito de peaxe en sombra.
-
05Viaduto do Eixo (1.224 m.)
Tamén impresiona o viaduto do Eixo, en Santiago de Compostela, empregado polo AVE entre Ourense e a capital de Galicia. Cos seus 1.224 metros salva un extenso val grazas aos seus 25 piares (algún de ata 82 metros), separados 50 metros entre si.
-
06Viaduto sobre a Ría de Betanzos (1.054 m)
Tamén supera o quilómetro de lonxitude o viaduto da AP-9 sobre a Ría de Betanzos, entre Paderne e Bergondo. Dende el obsérvase a vella Ponte do Pedrido (520 metros), unha magnífica obra de enxeñaría proxectada por Eduardo Torroja Miret (pai de Ana Torroja) e César Villalba Granda, e inaugurada en 1943.
-
07Viaduto de Gundián (630 m.)
En Gundián hai dúas pontes sobre o Ulla, moi próximas entre si, e polas que pasa a vía do tren. O vello viaduto de Gundián (219 metros) foi inaugurado en 1958. Ao seu carón, o novo viaduto do AVE entre Santiago e Ourense (630 metros) foi inaugrado en 2011.
-
08Ponte dos Santos (600 m)
A Ponte dos Santos, que une Galicia e Asturias, foi inaugurada en 1987. Recibe o seu nome polas dúas capelas que ten a Ría de Ribadeo en cada beira, a de San Román no lado asturiano e a de San Miguel na parte galega
-
09Ponte do Eume (400 m.)
Tres pontes cruzan o río Eume en Pontedeume. En 1162 hai xa unha referencia documental a unha ponte de madeira neste lugar e no século XIV Fernán Pérez de Andrade mandou construír unha de cantería. Tiña 850 metros de lonxitude e uns 85 arcos. A ponte actual, construída a finais do século XIX ten 15 arcos e uns 400 metros de lonxitude.
Un pouco máis abaixo a vía do tren (151 metros) e un pouco máis arriba a ponte da AP9 (365 metros) completan o trío.
-
10Ponte Internacional sobre o Miño (399 m.)
Se o Eume ten varias pontes, que dicir do Miño na raia entre Galicia e Portugal. A máis emblemática, é a Ponte Vella Internacional Tui-Valença (400 metros), que dende 1886 permite o tránsito por estrada e tren entre os dous países.
As pontes entre Tomiño-Vila Nova de Cerveira, Salvaterra do Miño-Monção e Arbo-Melgaço, ademais da que tamén une Tui e Valença por autoestrada completan as vías de unión entre Galicia e Portugal sobre o Miño
-
11Ponte das Pías (334 m.)
A Ponte das Pías entre Ferrol e Fene foi inaugurada en 1968 co nome oficial de Puente del Caudillo, que en realidade nunca foi empregada. Coa súa inauguración, a viaxe por estrada entre Ferrol e o resto de Galicia acurtouse significativamente, ao non ter que pasar pola Ponte de Xuvia que une Neda e Narón. En 1998 o choque do Discoverer Enterprise contra a Ponte das Pías obrigou ao seu peche durante dous meses.
-
12Ponte da Chanca (298 m.)
O Viaduto da Chanca, en Lugo, construíuse en 1874 para dar servizo á liña do tren entre A Coruña e Palencia. Unha vez rematada a obra, de 29 metros de altura, o tren chegou finalmente á cidade de Lugo (1875)
-
13Ponte do Milenio (278 m.)
Son moitas as pontes que cruzan o Miño en Ourense. A Ponte do Milenio (278 metros) foi a quinta ponte da cidade, situada entre a Ponte Maior (tamén chamada Ponte Romana ou Ponte Vella) e a ponte da Nacional 525. Inaugurada en 2001, ten un curioso deseño que inclúe un anel que se eleva por por riba da ponte e baixa polos seus laterais e polo se pode camiñar.
-
14Ponte dos Tirantes (125 m.)
Nunha relación de pontes galegas ten que aparecer a cidade de Pontevedra, aínda que ningunha das súas pontes é particularmente longa. A vella Ponte do Burgo, a Ponte da Barca, a Ponte da Palabra, a Ponte das Correntes, a Ponte da AP-9, a Ponte de Santiago e, finalmente, a Ponte dos Tirantes, inaugurada en 1995 e que destaca polo seu deseño.