Unha ducia de praias galegas espectaculares que non teñen bandeira azul (nin falta que fai)
O pasado mes de maio anunciáronse as 112 praias galegas que neste ano contarán con "bandeira azul", unha distinción entregada pola entidade privada ADEAC a petición das administracións locais. Podes velas neste mapa interactivo. Máis aló do debate sobre a utilidade ou inutilidade deste emblema, hai moitos areais de gran beleza que carecen de bandeira azul, polo desinterese dos concellos ou por outros motivos. Estes son algúns deles.
- 
                             01 01Praia da FrouxeiraA praia da Frouxeira, en Valdoviño, é a terceira máis longa de Galicia, con 3.000 metros de lonxitude e 80 metros de ancho. Tamén en Valdoviño, o areal de Vilarrube chega a 1.650 metros de longo. 
- 
                             02 02Praia de ArealongaNa Mariña, canda a outros areais de máis sona e que contan con bandeira azul (A Marosa, O Portelo, Ril, O Torno, A Rapadoira, Areoura, As Polas, Llas, Peizás, Abrela, Xilloi, As Catedrais, Os Castros-Illas...) hai moitas outras praias que sen esta distinción están tamén entre as mellores da Península. É o caso de Arealonga (no Vicedo). 
- 
                             03 03Praia de Mar de FóraEn Fisterra hai moitas opcións para ir á praia, dende O Rostro á Langosteira, pero tamén Mar de Fóra, un areal orientado a mar aberto, máis salvaxe que os que contan con maior protección. 
- 
                             04 04Praia de TrabaEn Laxe a praia de Traba é outro exemplo de praia sen bandeira azul, con relativamente boa accesibilidade pero sen perder a súa naturalidade e coa auga excelente. Ten 2.650 metros de longo e 45 de ancho. 
- 
                             05 05Praia dos cristaisTamén en Laxe, a Praia dos Cristais é verdadeiramente singular, pola presenza de milleiros de pequenos cristais de todas as cores, que a fan moi atractiva visualmente e un obxectivo dos e das instagramers. Non é a máis cómoda, pero dende logo paga a pena botarlle un ollo. Un antigo vertedoiro e as correntes mariñas fixeron posible este areal no que a area é o de menos. 
- 
                             06 06Praia de MorouzosEn Ortigueira, a praia de Morouzos, ten 2.800 metros de longo e chega a 110 metros de ancho. Ideal para quen non quere ter outras toallas e parasois ao seu carón. 
- 
                             07 07Praia de BarraA praia de Barra, en Cangas, é unha das principais praias nudistas de Galicia. Tan augas moi limpas, aínda que frías, pola súa proximidade ao oceáno e atópase nunha pequena baía que serve de lugar de amarre para naves de recreo. 
- 
                             08 08Praia de CarnotaCos seus 5,6 quilómetros, a praia de Carnota é a máis longa de Galicia. Ten, ademais, 90 metros de ancho. Tamén en Carnota -e non lonxe dela- a praia de Lariño suma outros 1.800 metros de longo. 
- 
                             09 09Praia de Area da CruzO Grove forma unha península con recunchos, praias e calas de gran beleza. Area da Cruz, Area Grande ou As Pipas son algunhas delas, todas elas sen bandeira azul. 
- 
                             10 10Praia de Santa CombaAs praias de Ferrolterra están entre as máis espectaculares de Galicia. Longas, de area fina e bañadas polo océano, algunhas (Doniños, Esmelle, San Xurxo...) contan con bandeira azul, pero moitas outras (Ponzos, Santa Comba, Frouxeira, Pantín, Vilarrube...) carecen dela, sen que iso signifique unha perda na súa calidade. 
- 
                             11 11Praia de BaroñaA praia de Baroña (ou Area Longa), en Porto do Son, ten cando menos dúas particularidades que a fan moi especial, ademais da súa innegable beleza e a calidade das súas augas. A primeira é o castro litoral que se atopa ao seu carón. a segunda é que se trata dunha praia nudista 
- 
                             12 12Praia de MelideA praia de Melide atópase en Cangas, no espazo natural do Cabo Home, un recuncho excepcional coas mellores vitas das Illas Cíes. Hai moitos outros areais de gran beleza e condicións excelentes que tamén carecen de bandeira azul e que poderían dar para outra ducia: Area Maior, Lires, Lourido, Corrubedo, Os Vilares, Furnas, Vilarrube, Trece, Arou, San Miro, Ponzos, Bares, Pereira, Caolín, Area Grande, As Pipas... e tantas e tantas outras.