Marcos Pérez Pena

Unha ducia de praias galegas tan longas que non terás que preocuparte pola 'distancia social'

Galicia conta con case un milleiro (987, exactamente) de praias, catalogadas o pasado ano pola Xunta. A cuarta parte son urbanas e hai algunhas case virxes, hainas extensas e tamén pequenas e 42 delas contan con plans de protección especial ou de conservación de especies. Nestes días, nos que a normativa esixe gardar unha distancia mínima para previr os contaxios por coronavirus, gañan atractivo os areais de gran tamaño, algúns de tal lonxitude que limita moito a posibilidade de topar con alguén. Velaquí as praias máis longas de Galicia, segundo os datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

  1. 01

    Carnota

    Cos seus 5,6 quilómetros, a praia de Carnota é a máis longa de Galicia. Ten, ademais, 90 metros de ancho. Tamén en Carnota -e non lonxe dela- a praia de Lariño suma outros 1.800 metros de longo.

  2. 02

    Baldaio

    A praia de Baldaio, en Carballo, é algo máis curta (4.000 metros), pero chega a ter 200 metros de ancho. Moito espazo de area para gozar do verán.

  3. 03

    A Frouxeira

    A praia da Frouxeira, en Valdoviño, é a terceira máis longa de Galicia, con 3.000 metros de lonxitude e 80 metros de ancho. Tamén en Valdoviño, o areal de Vilarrube chega a 1.650 metros de longo.

  4. 04

    O Vilar

    O Vilar, en Ribeira, é a cuarta praia máis longa de Galicia, con 2.900 metros. Na outra beira do concello, a praia de Coroso suma 1.600 metros de lonxitude.

  5. 05

    Morouzos

    En Ortigueira, a praia de Morouzos, ten 2.800 metros de longo e chega a 110 metros de ancho.

  6. 06

    Traba

    A praia de Traba, en Laxe, ten 2.650 metros de longo e 45 de ancho.

  7. 07

    A Lanzada

    A praia da Lanzada é unha das máis célebres en Galicia. O areal, situado nos límites do Concello do Grove, chega a 2.400 metros de longo. Iso si, as súas especiais características fan que a súa anchura varíe moito en función das mareas: os seus 70 metros en baixamar redúcense a 6 metros en preamar.

  8. 08

    A Punta

    En Redondela, a praia da Punta, situada en Cesantes, con vistas á Illa de San Simón e á boca da Ría de Vigo e a Ponte de Rande, é tamén unha das máis longa de Galicia, a oitava, con 2.400 metros. Porén, a súa anchura (que chega a ser de 120 metros en baixamar) redúcese a só 5 metros coa marea alta.

  9. 09

    A Barraña

    A praia da Barraña, en Boiro, supera os dous quilómetros de longo (2.150 metros)

  10. 10

    Langosteira

    Fisterra ten no seu termo municipal areais de gran lonxitude, como Langosteira (1.970 metros) ou a praia do Rostro (1.925)

  11. 11

    Doniños

    Tamén Ferrol é coñecido polas extensas praias do seu litoral atlántico. Doniños chega a 1.900 metros (50 de ancho), San Xurxo suma 1.800 metros (100 de ancho) e Santa Comba ten 1.500 metros de longo (30 de ancho)

  12. 12

    Coto

    Na Mariña lucense a praia máis longa é a de Coto, en Barreiros, con 1.900 metros de longo e unha grande amplitude (entre 50 e 200 metros).

  13. 13

    Barra do Medio

    Poderiamos enumerar moitas outras praias de gran lonxitude, como Areas Longas ou Aguieira (Porto do Son), Patos (Nigrán), Ladeira (Baiona) ou Santa Cristina (Oleiros). Porén, aínda que non é a máis longa, pechamos esta lista coa praia da Barra do Medio, en Ponteceso, que aos seus 1.500 metros de lonxitude engade 300 metros de anchura.