Unha ducia de Premios Goya galegos
Este sábado celébrase a cerimonia de entrega dos galardóns, con cinco opcións de triunfo para Galicia: os actores Javier Gutiérrez (que opta ao seu terceiro Goya) e Luís Zahera, a curtametraxe Matria de Álvaro Gago, os músicos Xavi Font e Manuel Riveiro e, finalmente, Raquel Fidalgo, Noé Montes e Alberto Hortas, finalistas na categoría de Mellor Maquillaxe e Perruquería. Repasamos aquí algúns dos premiados e premiadas galegas dos últimos anos.
-
01
O Bosque Animado
No cómezo do século XXI Galicia era unha potencia no cinema de animación da man, sobre todo, de Dygra Films e de profesionais como Ángel de la Cruz e Manolo Gómez, que en 2001 se fixeron co Goya á Mellor Película de Animación (e o de Mellor Canción) por O Bosque Animado. Baseado na obra de Wenceslao Fernández Flórez, o filme foi todo un éxito, foi vista por máis de medio millón de persoas nos cines, foi preseleccionada para os Oscar e chegou a ter uha secuela: O Espírito do Bosque.
-
02
O soño dunha noite de San Xoán
Catro anos máis tarde, no 2005, de novo Ángel de la Cruz e Manolo Gómez obtiveron o Goya por O soño dunha noite de San Xoán, cun orzamento de 6 millóns de euros e tamén producida por Dygra
-
03
Birdboy
O idilio galego coa animación continuou en 2012. Aquel ano Birdboy, de Alberto Vázquez, fíxose co Goya á mellor curtametraxe. "O Goya a Birdboy é un bo peche para o proxecto, é coma unha medalla", dicía o autor de Psiconautas en conversa con Praza.
-
04
Engurras
Non só un, senón tres Goyas gañou o cinema galego esa noite, pois na mesma gala foi galardoado co premio á Mellor Película de Animación Engurras, filme baseado no álbum homónimo de Paco Roca, producido pola galega Perro Verde Films e con Ángel de la Cruz entre os guionistas. O filme obtivo tamén o premio ao Mellor Guión Adaptado. "Faltaba que a Academia española lle dese ese recoñecemento a películas deste tipo e non as encasillase na categoría de animcación", destacaba Ángel de la Cruz en conversa con Praza.
-
05
O Apóstolo
Un ano despois, de novo un filme galego foi finalista na categoría de Mellor Película de Animación. O Apóstolo, de Fernando Cortizo, foi a primeira película de animación stop-motion en tres dimensións realizado en Europa. O director destacaba nesta entrevista as dificultades que o filme debeu superar para ver finalmente a luz.
-
06
A Esmorga
No ano 2015 A Esmorga, de Ignacio Vilar, foi nomeada ao Goya ao Mellor Guión Adaptado. Carlos Asorey e Ignacio Vilar non gañaron, pero a candidatura uniuse aos moitos recoñecementos obtidos polo filme e ao éxito acadado nas salas de cine.
-
07
Luís Tosar
Se o cinema galego destacou na animación, non o fixo menos nas categorías de interpretación. Cun nome propio: o de Luís Tosar. O actor suma sete nominacións aos Goya e un total de tres premios: Os luns ao sol (2002), Te doy mis ojos (2003) e Celda 211 (2009)
-
08
Mar Adentro
E se falamos de interpretacións, temos que falar de Mar Adentro, que en 2004 se converteu na película con máis Goya na historia (14 premios), un récord aínda non igualado. Entre eles tres galegos: Celso Bugallo, Mabel Rivera e Tamar Novas, mellores actor e actriz de reparto e mellor actor revelación. Por certo, tamén Manuel Lozano (A lingua das bolboretas) e Martiño Rivas (Los Girasoles Ciegos) estiveron nomeados en 2000 e 2008 como mellor actor revelación.
-
09
Jorge Coira
O lucense Jorge Coira, director, guionista, montador e todo o que se poida facer nunha película, suma dez premios Mestre Mateo por varias das súas producións. E no 2016 por fin obtivo un Premio Goya. Foi recoñecido como a Mellor Montaxe por O descoñecido, de Dani de La Torre, filme que tamén obtivo o galardón ao mellor son, que foi para o galego David Machado, entre outros
-
10
Javier Gutiérrez
Se Luís Tosar ten tres Goyas, outro actor galego (Javier Gutiérrez) pode obter esta fin de semana o seu terceiro premio. Despois dos recoñecementos obtidos á súa interpretación en La Isla Mínima e El autor, desta volta é candidato por Campeones
-
11
Luís Zahera
Luís Zahera, en cambio, é a primeira vez que é candidato. Opta ao premio ao mellor actor de reparto por El Reino. Non perdades esta ducia que Vinte lle dedica ao intérprete. Moito máis que Petróleo.
-
12
Matria
Rematamos con Matria, a curtametraxe dirixida por Álvaro Gago, que completa nos Goya un ano de recoñecementos, algún tan importante como o acadado en Sundance. "Quedan moitas historias de mulleres por contar no cine", dicíanos nesta entrevista,