Praza Pública

Unha ducia de recunchos inéditos de Lugo

Estamos ás portas dos días festivos da Semana Santa e dalgunha outra pequena ponte que pode permitir algunha xornada de desconexión. Unha posibilidade é investilos en descubrir puntos do país que están preto, pero que en boa medida seguen a ser "inéditos" para moitas persoas que non viven na súa contorna. Velaquí doce propostas baixo a marca Lugo Cambia, que engloba a promoción turística da provincia lucense.

  1. 01

    A serra do Xistral

    No corazón da Reserva da Biosfera Terras do Miño está a serra do Xistral. Esta fronteira natural entre a Terra Chá e A Mariña acada a súa maior altitude no Cadramón e nela nacen ríos como o Ouro, o Sor, o Landro ou o Eume. Ventos e néboas son habituais nesta serra, case tanto como os cabalos salvaxes. Ao internarse nela é posible atopar vestixios do pasado como o dolmen de San Tomé ou o círculo lítico das Chantas.

  2. 02

    Santalla de Bóveda

    A apenas quince quilómetros da cidade de Lugo atópase o templo de Santalla de Bóveda. Descuberto en 1914 polo crego José María Peinado baixo a igrexa parroquial, este templo resultou ser unha construción con tres naves e unha piscina, todo arrodeado de pinturas ao fresco con motivos animais e vexetais. As interpretacións sobre a orixe deste templo son múltiples. Unha delas, por exemplo, apunta a un templo na honra de Prisciliano, pero hai moitas outras.

  3. 03

    A devesa da Rogueira

    A devesa da Rogueira, no Courel, é considerado un dos bosques máis importantes da Península Ibérica. Bidueiros, carballos, acivros, teixos ou faias, entre outras moitas especies, enchen unha contorna que tamén é especialmente rica en fauna e esencial na aposta por converter O Courel nun parque natural

  4. 05

    Á procura dos normandos na Mariña

    No alto dos Moutillóns, ao carón da praia de Area Grande, no Vicedo, atopamos os restos dun posible asentamento normando. A praia conserva o que semella unha estrutura defensiva onde puido haber mesmo unha muralla e mais un foxo. Este é un bo lugar para procurar as pegadas das invasións normandas, que disque tiveron entre os seus obxectivos a basílica de San Martiño, no veciño concello de Foz.

  5. 06

    A domus do Mitreo

    No complexo da actual vicerreitoría da USC en Lugo atópase a domus do Mitreo. Os restos achados ao carón da Muralla lucense, fronte á Catedral, permiten percorrer a evolución da vella Lucus Augusti dende inicios do século I antes de Cristo. Entre as pezas atopadas no estudo arqueolóxico da contorna destacan os restos do templo do deus Mitra.

  6. 07

    Bosque dos Grobos

    Entre Becerreá e As Nogaias esténdese unha zona natural especialmente protexida. O aciñeiral de Cruzul xera alí un microclima que dá lugar a un bosque de tipo mediterráneo. E aos pés do souto de Agüeira atopamos o bosque dos Grobos, onde a vexetación se mestura con todo un labirinto de rochas. Esta zona, ademais de ser un destacado enclave natural, tamén alberga episodios históricos de seu; non en van, foi escenario de, por exemplo, algúns dos enfrontamentos contra as tropas napoleónicas.

  7. 08

    O 'santo Graal' do Cebreiro

    Conta a lenda que a comezos do século XIV un veciño de Barxamaior tentou asistir á Misa do Galo no Cebreiro, pero a forte nevarada non lle permitiu chegar ao momento da consagración. Cando deu acadado a capela, o pan e o viño tornaron en carne e sangue, di o relato lendario. Hai quen cre que este cáliz do Cebreiro é (tamén) o Santo Graal da derradeira cea de Xesús. 

  8. 09

    Polos camiños do tren mineiro

    As cinco chemineas dos latos fornos da Pontenova son pegada case indeleble do seu pasado mineiro. Os cinco primeiros quilómetros das vellas vías do tren mineiro foron recuperados como Vía Verde e é posible percorrelos a pé ou en bicicleta. Alí é posible contemplar o relevante patrimonio industrial, pero tamén a natureza ás beiras do Eo.

  9. 10

    O crismón de Quiroga

    No Museo da Catedral de Lugo atópase o Crismón de Quiroga. Está datado no século V e considérase un testemuño clave da chegada do cristianismo á Gallaecia nos tempos finais da romanización.

  10. 11

    Petróglifos no monte Farelo

    Entre Antas de Ulla e Agolada érguese o monte Farelo. As súas rochas presentan unha elevada concentración de petróglifos que son considerados mostra da presenza humana na zona xa na Idade de Bronce. Algúns deles superan os dous metros de diámetro.

  11. 12

    Cova do Rei Cintolo

    En Argomoso (Mondoñedo) hai máis de 6.000 metros explorados baixo terra. É a cova do Rei Cintolo, escenario lendario, pero tamén de enorme riqueza natural. É posible percorrela da man de profesionais da espeleoloxía en visitas guiadas que seguen un rastro histórico do Paleolítico á Idade Media.