Unha ducia de rutas turísticas para viaxar sen saír de Galicia
Chegou o verán e aínda que xa finalizou o estado de alarma e que desapareceron as restricións á mobilidade entre comunidades autónomas e aos poucos, tamén nas fronteiras internacionais, son moitos os galegos e galegas que nos vindeiros meses apostarán polo turismo interior. Unha boa oportunidade para coñecer algúns recunchos marabillosos que aínda non visitamos e, ademais, para apoiar a hostalaría destas zonas. Velaquí algunhas das rutas destacadas nas webs de Turgalicia ou das deputacións provinciais
-
01
De Ribadeo ao Pico da Frouxeira
Turgalicia propón esta ruta dende Ribadeo ao Pico da Frouxeira, pasando por Rinlo, a illa Pancha ou pola praia das Catedrais e por outros dos marabillosos areais desta costa. Para, finalmente, en Foz ascender dende o esteiro do río Masma ata o Pico da Frouxeira.
-
02
Xeoparque Cabo Ortegal
O xeoparque do Cabo Ortegal iniciou hai uns meses a súa carreira para ser recoñecido pola UNESCO e abrangue un territorio que vai de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño ata Valdoviño
-
03
Pola beira do Miño
Nesta ruta que a Deputación de Pontevedra propón "pola beira do Miño" pártese da Guarda e Santa Trega, pasando polos muíños do Folón e do Picón e visítanse tamén a Fortaleza de Salvaterra de Miño, Tui, o Monte Aloia ou as Pesqueiras de Arbo.
-
04
O Courel dos Eidos
Turgalicia propón unha ruta de 3 días polo Courel, que ofrece paisaxes espectaculares en todas as estacións do ano. Devesas, montes de castiñeiros, sendeirismo, cumes e vales e o xeoparque que vén de ser recoñecido pola Unesco, pero tamén a posibilidade de achegarse a Samos, Monforte ou O Cebreiro.
-
05
Do Cabo Udra ao Cabo Home
Turgalicia propón unha ruta "polos cabos de O Morrazo", dende o Cabo Udra ao Cabo Home, pasando pola ría de Aldán e gozando das súas praias e das fantásticas vistas ás Illas Atlánticas.
-
06
Camiño dos Faros
O Camiño dos Faros é unha ruta de sendeirismo de 200 quilómetros que une Malpica con Fisterra polo litoral, atravesando toda a Costa da Morte. Consta de 8 etapas, que se poden facer por separado e tamén alongar. O percorrido ofrece paisaxes inigualables e tamén unha gran riqueza patrimonial.
-
07
Miradoiros
Turgalicia amosa na súa web unha lista con 50 miradoiros galegos, dende A Curota ao Ézaro, pasando por Monte Ventoso, O Farelo ou o Miradoiro das tres rías. Moitas opcións para visitar!
-
08
Ruta fluvial polo Sil
No interior de Galicia tamén se pode ir en barco. Miño e Sil ofrecen visitas que percorren os vales e canóns formados por estes ríos
-
09
Ruta da Camelia
Son varios os lugares nos que se cultiva a camelia en Galicia, tantos que entre eles existen varias rutas, promocionadas polas deputacións da Coruña e Pontevedra, ademais de Turgalicia, que pasan polo Castelo de Soutomaior, o Pazo de Oca ou o Pazo de Ortigueira (Ribadulla)
-
10
Ruta Mar de Arousa e Río Ulla
Dos moitos Camiños de Santiago que existen en Galicia, a 'Ruta Mar de Arousa e Río Ulla' é quizais un dos menos coñecidos. Trátase dun itinerario que por mar, por río e por terra leva dende O Grove (ou Ribeira) ata Padrón, subindo polo río Ulla.
-
11
Ruta pola Baixa Limia
A Baixa Limia non é das zonas máis coñecidas e visitadas de Galicia, pero agocha infinidade de tesouros, dende Parque Natural Serra do Xurés ao xacemento romano Aquis Querquennis, pasando pola igrexa de Santa Comba de Bande.
-
12
Lugo Inédito
En calquera zona de Galicia hai recunchos que se cadra non coñecemos ou que merecen unha segunda visita. A Deputación de Lugo reserva un espazo na súa web turística para amosar o que denomina 'Lugo Inédito', alfaias coma o Souto da Retorta, as covas do Rei Cintolo, o castelo de Pambre ou o complexo industrial de Sargadelos.