Unha ducia de solpores para despois dunha eclipse
A eclipse total de sol xa pasou e non se repetirá en Galicia nas nosas vidas. Pero o país segue ofrecendo espectáculos celestes todos os días, cos solpores como grandes protagonistas do verán.
-
01Cabo Fisterra
A fin da Terra. E, para moitos e moitas, a fin do camiño. Por iso é tradición baixar ao pé do faro do Cabo Fisterra para ver desaparecer o sol, aquí detrás do Atlántico, non detrás da lúa.
Imaxe: Alberto García (CC-BY-SA)
-
02Santuario da Virxe da Barca
O Santuario da Virxe da Barca, en Muxía, está moi preto do Cabo Touriñan, que é, durante dous meses ao ano, o último lugar da Europa continental no que se pon o sol: entre marzo e abril e entre agosto e setembro.
Imaxe: Fran Castiñeira (CC BY-NC-ND)
-
03Castro de Baroña
Tamén é máxico o Castro de Baroña, outra localización ideal para ver caer o sol no horizonte atlántico.
Imaxe: Noel Feáns (CC-BY)
-
04Illa de Arousa
A Illa de Arousa ten múltiples recunchos para ver rematar o día sobre o mar. Por exemplo, o Faro de Punta Cabalo.
Imaxe: Adolfo Abalo (CC BY)
-
05Ría de Pontevedra
Calquera das rías galegas -sobre todo as que se abren cara ao oeste- ofrece estampas fermosísimas nestas tardiñas de verán. Tamén a de Pontevedra, dende Poio ou Marín, pero tamén dende o alto da propia capital provincial.
Imaxe: Luís Pereiro (CC BY-NC-ND)
-
06Costa da Vela
Entre os solpores máis fermosos de Galicia están os que se poden contemplar dende a Costa da Vela, en Cangas. Dende Cabo Home ou dende o Facho de Donón, sempre coas Illas Cíes no horizonte.
Imaxe: Javier Torres Pereira (CC-BY-SA)
-
07Ponte de Rande
Hai que elixir o lugar, pero é posible ver caer o sol pola Ponte de Rande dende o fondo da Ría de Vigo. Un solpor de postal.
Imaxe: Luís Pereiro (CC BY-NC-ND)
-
08Monte Boi (Baiona)
Máis ao sur, en Baiona, pódese ver desaparecer o sol detrás do Monte Boi, por exemplo dende o final da Praia América ou de Lourido.
Imaxe: José Miguel Giráldez (CC-BY-NC)
-
09Monte de Santa Trega
Moi preto, na Guarda, pódese subir ao Monte de Santa Trega para ver o solpor dende o alto, ao tempo que se contempla a desembocadura do Río Miño e a raia entre Galicia e Portugal. Nesta foto, de feito, o monte é visto dende Caminha.
Imaxe: Carlos Cortés López (CC-BY-SA)
-
10Praia do Orzán
Tamén na cidade da Coruña hai fermosos solpores, por exemplo os que se ven dende a praia do Orzán ou dende o Monte de San Pedro cara ao oeste. Tamén dende Mera ou o Seixo Branco, dende onde se pode ver a Torre de Hércules.
Imaxe: José Castro Ruso (CC-BY-SA)
-
11Praia de Doniños (Ferrol)
Ferrol ten algunhas das mellores praias da Penísula, todas elas ademais abertas cara ao oeste. Lugares perfectos dos que gozar dun fermoso solpor, coma o areal de Doniños.
Imaxe: A Pasada
-
12Monte Louro
O perfil do Monte Louro é totalmente recoñecible dende unha longa extensión da Costa, dende o Barbanza ata Fisterra. Se se observa dende o leste, caendo o sol sobre el, obtéñense fotografías dunha beleza incrible, como esta.
Imaxe: Noel Feáns (CC-BY)