Unha ducia de 'sterrato' (corredoiras) para os ciclistas de O Gran Camiño
Consolidada por méritos propios no calendario ciclista internacional, O Gran Camiño chega esta semana á súa cuarta edición cunha innovación que promete aínda máis espectáculo, como nos contaba hai uns días o seu promotor, Ezequiel Mosquera. A derradeira etapa, entre Betanzos e Santiago, de 160 quilómetros, inclúe un circuíto final polo suroeste da cidade que emprega varios treitos do Camiño Portugués. Entre eles 3 treitos de terra, sterrato no argot ciclista, ou corredoiras. Suman pouco máis de 2 quilómetros de terra, pero os accesos e os treitos de enlace, nalgún caso co asfalto en peor estado que a terra, fan que na práctica sexan 6 quilómetros cunha notable dificultade técnica desde o comezo do primeiro treito ata o remate do terceiro. Os ciclistas terán que pasar por eles dúas veces, a primeira cando leven uns 100 quilómetros de ruta, pero na última sairán da terra nas proximidades de O Milladoiro a só 6 quilómetros para a liña de meta. Recorremos en imaxes esa ducia de quilómetros especialmente complexos.
-
01
Acceso ao primeiro treito
A derradeira etapa de O Gran Camiño entra no Camiño Portugués nas proximidades do Pazo do Faramello, no límite sur do concello de Teo. Medio quilómetro antes de comezar a terra propiamente dita do primeiro treito de sterrato a carreira meterase xa nunha pista (mal) asfaltada en pendente. Os seguintes 6 quilómetros, entre eles os 2 quilómetros de terra repartidos en tres treitos, son especialmente complexos. [Aquí a xeolocalización da imaxe en Google Maps]
-
02
Corredoiras antes da terra
Tras a primeira pendente que se inicia nas proximidades do Pazo do Faramello un xiro de 90 graos á esquerda con aínda máis pendente mete a carreira por unha corredoira entre muros e vivendas de pedra tradicionais. [Xeolocalización da imaxe]
-
03
Primeiro treito de algo máis de 500 metros
Pasadas as vivendas a carreira entra na terra propiamente dita, cun treito de pouco máis de 500 metros. [Xeolocalización da imaxe]
-
04
Subidas e baixadas
Este primeiro treito de terra é o máis corto e o único que combina subidas e baixadas, o que pode aumentar notablemente a velocidade. [Xeolocalización da imaxe]
-
05
Distintos tipos de terra...
Os treitos de terra veñen de ser arranxados para a carreira, pero non se pode desbotar a presenza dalgunha pedra solta que pode poñer en risco as rodas das bicicletas. [Xeolocalización da imaxe]
-
06
...e pedras
Non é a París-Roubaix, pero o primeiro treito remata cunha curva pronunciada á esquerda en baixada e uns últimos metros de pedra. Pero o asfalto que hai a continuación non dará repouso porque serán 500 metros de subida ao 7%. [Xeolocalización da imaxe]
-
07
Enlace entre o primeiro e o segundo treito
Rematada a subida, entre o primeiro e o segundo treito de terra a ruta estréitase entre vivendas das que se sae cunha curva de 90 graos á esquerda a carón das vías do tren (tras a barreira que se vé ao fondo da imaxe), que hai que superar xusto a continuación cun novo xiro aínda máis pechado á dereita. Neste enlace entre o primeiro e o segundo treito de terra apenas hai dous treitos que sumen 300 metros rectos e co asfalto en bo estado. [Xeolocalización da imaxe]
-
08
Fochancas e pedregullo
A pista de acceso ao segundo treito de terra cóllese cun xiro de 90 graos con fochancas e pedregullo. [Xeolocalización da imaxe]
-
09
Segundo treito de 650 metros
O segundo treito propiamente dito, duns 650 metros e 4% de desnivel, comeza nun cruce de 90 graos á esquerda novamente con pedras, coas que tamén remata este treito novamente con outro cruce de 90 graos. [Xeolocalización da imaxe]
-
10
Corredoiras
Os ciclistas pasarán por onde a diario peregrinan a Santiago centos de persoas seguindo o Camiño Portugués. [Xeolocalización da imaxe]
-
11
Entre árbores
Neste segundo treito de terra o recorrido pasa literalmente entre as árbores. [Xeolocalización da imaxe]
-
12
Enlace entre o segundo e o terceiro treito
Mesmo en zonas que a organización non considera sterrato as pistas asfaltadas presentan un estado que as fai moi técnicas, como se ve nesta imaxe entre o segundo e o terceiro treito de terra propiamente dita. [Xeolocalización da imaxe]
-
13
Terceiro treito de 900 metros
O terceiro treito de terra, pendente aínda de arranxo cando se tiraron estas imaxes unha semana antes de que pasen os ciclistas, ten uns 900 metros de lonxitude e é o máis esixente pola súa pendente, de preto do 5%. [Xeolocalización da imaxe]
-
14
E se chove?
A chuvia pode facer aínda máis complexo rodar por este terceiro treito de terra. [Xeolocalización da imaxe]
-
15
Pendente final
Este terceiro treito de terra remata cunha pendente final cun xiro de case 180 graos antes de retomar o asfalto a só 6 quilómetros da liña de meta. [Xeolocalización da imaxe]
-
16
A etapa