"En Galicia temos territorio para dar espectáculo, non vai haber nunca no Gran Camiño etapas aburridas"

Ezequiel Mosquera, na presentación do percorrido da edición 2025 de O Gran Camiño © Difusión ProSport

A edición 2025 de O Gran Camiño comeza o 26 de febreiro en Portugal e inclúe como principal novidade a inclusión dunha quinta etapa, que se suma ás catro galegas

Hai catro anos o soño de que Galicia contase cunha proba ciclista de primeiro nivel, na que participasen algúns dos mellores corredores do mundo semellaba moi lonxe. En febreiro de 2022 celebrouse a primeira edición de O Gran Camiño, que tomou o relevo da antiga Volta a Galicia, e dende entón a carreira non fixo máis de crecer. Organizada por EME Sports, coa dirección do ex-corredor Ezequiel Mosquera (Teo, 1975) e co apoio da Xunta e das catro deputacións, O Gran Camiño gañou por méritos propios un espazo no calendario internacional, con categoría 2.1 -un nivel que non é doado acadar para unha carreira que debuta- e catro etapas.

As primeiras tres edicións deixaron os triunfos de Alejandro Valverde na súa derradeira tempada como profesional e dous máis de Jonas Vingegaard, gañador de dous Tour de Francia. Pero máis aló da participación, e malia sufrir as inclemencias meteorolóxicas propias de febreiro (dende a neve, á chuvia e saraiba ata o forte vento), a carreira galega espertou a admiración internacional polo coidado deseño dos seus percorridos, as innovacións técnicas introducidas nas retransmisións (por exemplo o uso de drons) e pola fermosura das paisaxes amosadas. 

O 26 de febreiro comeza a cuarta edición, que se presenta cunha importante novidade: a inclusión dunha etapa extra (Maia-Matosinhos) polas estradas do norte de Portugal, que abrirá a proba, cun perfil maioritariamente plano, pero que aínda así acumulará 1.900 metros de desnivel positivo e inclúe dous portos de terceira.

Ataque de Jonas Vingegaard da cuarta etapa do Gran Camiño 2024 © sprintcycling

Nas últimas tres edicións, O Gran Camiño espertou a admiración internacional polo coidado deseño dos seus percorridos, as innovacións técnicas introducidas nas retransmisións (por exemplo o uso de drons) e pola fermosura das paisaxes amosadas

A procura do máximo espectáculo, tanto no percorrido coma na retransmisión televisiva, é signo de identidade de O Gran Camiño. E así será tamén na edición 2025, como destaca o propio Ezequiel Mosquera en conversa con Praza.gal: "para nós é fundamental: hai que velar pola seguridade dos corredores, pero sempre primar o espectáculo, conseguir que quen está enchufado á tele que non se desenganche. Afortunadamente temos territorio para dar espectáculo e non vai haber nunca no Gran Camiño etapas aburridas".

A inclusión de Portugal na volta galega responde á proximidade entre os dous países e á importancia do Camiño de Santiago no territorio luso, pero tamén á relevancia que nas últimas décadas tivo este territorio para o ciclismo galego, con moitos corredores do país que tiveron a súa primeira oportunidade en equipos do sur do Miño e con triunfos galegos na Volta a Portugal. Mosquera destaca a importancia da incorporación desta quinta etapa ao percorrido do Gran Camiño: "É algo que xa tiñamos na cabeza dende o inicio, pero non foi doado. O calendario está moi saturado, houbo que pelexar esta quinta etapa e explicar cal era a nosa idiosincrasia e o noso obxectivo"

A cuarta é a etapa raíña (A Pobra do Brollón-O Cebreiro), con moita dureza antes da suba final, con catro portos de montaña e máis de tres mil metros de desnivel acumulado. "Decidimos que imos ter un plan b e un plan c por se neva moito ese día, pero non imos evitar a montaña porque si", explica Mosquera

A segunda etapa (Marín-A Estrada) presenta un perfil quebrado e rompepernas, con tres portos de terceira e unha chegada que pica para arriba nos últimos quilómetros. Unha etapa moi dura (2.500 metros de desnivel acumulado) sen apenas quilómetros planos que pode facilitar escapadas e cortes. Unha etapa "marca da casa", das que definen O Gran Camiño e o territorio ciclista galego. Mosquera destaca neste senso que el asume persoalmente unha parte importante da responsabilidade do deseño dos percorridos, pois recoñece que "esta é unha parcela que non deixo que me toquen moito. Para o resto do traballo teño aí un equipo moi bo, pero o deseño dos percorridos gústame traballalo persoalmente". 

"Coñezo ben o territorio, porque sempre me gustou adestrar na estrada e ademais teño moitos amigos ciclistas en moitos lugares, que sempre me sacan percorridos fantásticos en todas as comarcas. Recibimos moitas suxestións, algunhas podemos incluílas e outras non, porque aquí xogan moitas variables, como a proximidade dos hoteis, a orde das etapas...", explica.

A terceira etapa será unha crono individual (Ourense-Pereiro de Aguiar) que nos seus 15,5 quilómetros de seguro que abrirá diferenzas entre os favoritos a gañar a clasificación xeral e que inclúe un porto de terceira na metade do percorrido. 

A quinta etapa (Betanzos-Santiago) agocha unha sorpresa nos seus 80 últimos quilómetros, con dúas voltas a un duro circuíto que inclúe varios treitos de sterrato (de terra) chegando ao Milladoiro

A cuarta é a etapa raíña (A Pobra do Brollón-O Cebreiro), con moita dureza antes da suba final, que chegará precedida do Alto de Campo do Arbe -(terceira)-, o Alto de Catro Ventos (segunda) e a Pitinidoira (primeira). En total, un desnivel acumulado de 3.121 metros. Nos últimos anos O Gran Camiño sufriu o efecto da neve e do frío en varias tiradas, que obrigou a acurtar a etapa do Monte Aloia en 2024 ou a neutralizar a chegada a Sarria en 2023. 

Subir ata os 1.300 metros de altitude do Cebreiro presenta riscos, que Mosquera minimiza: "sempre nos pasaba que estabamos evitando cotas altas por ser o mes que é e ao final fomos ao Monte Aloia, que é máis baixo, e tivemos que acurtar a etapa, cando seguramente ese día no Cebreiro non chovía tanto. O tema da neve analizámolo, démoslle moitas voltas e concluímos que se hai un lugar en Galicia que está preparado para circular con neve, con maquinaria e experiencia, é Pedrafita". "Decidimos que imos ter un plan b e un plan c por se neva moito ese día, pero non imos evitar a montaña porque si. A min o que me gustaría é que houbese un día claro, pero non neve nos bordes da estrada, porque o espectáculo sería grandioso", explica.

Finalmenta, a quinta etapa (Betanzos-Santiago) agocha unha sorpresa nos seus 80 últimos quilómetros, con dúas voltas a un duro circuíto que inclúe varios treitos de sterrato (de terra) chegando ao Milladoiro, no propio percorrido do Camiño de Santiago. Serán 165,3 quilómetros con algo máis de 2.800 metros de desnivel. "Tiñamos na cabeza localizar treitos reais do Camiño de Santiago que se puidesen incorporar á carreira, porque non hai treitos de terra con máis sona que os do Camiño de Santiago. E ao final tíñaos no meu concello. Vai ser unha etapa moi bonita", di Mosquera, natural de Cacheiras (Teo).

A participación e a posibilidade dun ascenso de categoría

"Que ti teñas unha gran volta ciclista á porta da casa e que os rapaces a poidan ver axuda a crear afección"

Nesta ocasión non participa Jonas Vingegaard nin o seu Visma, dominadores absolutos da proba en 2023 e 2024. Porén, a carreira conta co concurso de Movistar, Groupama-FDJ, Israel-Premier Tech e Uno-X como conxuntos máis destacados, ademais dos combativos equipos continentais españois, italianos e portugueses ou do belga Wagner (antigo Bingoal). "Outros anos a pelexa era por facer segundo, non había a emoción da loita pola vitoria. Este ano coa participación que hai e tal e como temos articulada a carreira, a loita pola vitoria vai chegar ata o último día. Nós temos o territorio e eles teñen o espectáculo nas pernas", comenta Mosquera, que destaca a importancia para o ciclismo galego de contar cunha competición propia de primeiro nivel: "que ti teñas unha gran volta ciclista á porta da casa e que os rapaces o poidan ver axuda a crear afección".

Haberá nomes menos coñecido e con menos brillo para unha edición que Mosquera recoñece que chega despois "dun ano complexo e difícil, o ano organizativamente máis duro”. A explicación está na dificultade de atraer os equipos a unha volta por etapas, debido a que estas outorgan menos puntos que as carreiras dun só día. “Esperamos que esta sexa a última edición nesta categoría que, con toda a humildade, creo que se nos queda pequena, e esperamos que sexa a última edición en febreiro, que queda épico pero como organización sufrímolo”, di Mosquera.

Perfís das cinco etapas da edición 2025 de O Gran Camiño © O Gran Camiño

“Esperamos que esta sexa a última edición nesta categoría que, con toda a humildade, creo que se nos queda pequena, e esperamos que sexa a última edición en febreiro, que queda épico pero como organización sufrímolo”

O Gran Camiño é unha volta por etapas de terceiro nivel (2.1) na categorización da Unión Ciclista Internacional (UCI), por detrás das UCI Worldtour ou 2.UWT (categoría na que se sitúan Tour, Giro e Vuelta, pero tamén Dauphiné ou Volta a Catalunuya) e das UCI Pro Series ou 2.Pro (na que, no Estado, están a Volta a la Comunitat Valenciana, a Vuelta a Andalucía e a Vuelta a Burgos). A volta galega busca o ascenso a esta categoría que lle permitiría unha maior visibilidade e atraer mellores equipos e corredores. 

A gran diferenza entre unha e outra categoría son os puntos que se outorgan ao mellores clasificados en cada etapa e na clasificación xeral. Os puntos teñen unha grande importancia, especialmente para determinados equipos, porque determinan que conxuntos permanecen na primeira división e polo tanto acceden directamente ás mellores carreiras, comezando polo Tour. Para equipos continentais coma os españois Kern Pharma, Caja Rural, Burgos-BH e Euskaltel-Euskadi a importancia radica e finalizar entre os 30 primeiros conxuntos, pois só así poderán ser convidados a correr al grandes voltas, coma a Vuelta a España.

"Hai moitas carreiras dun día da nosa categoría que teñen unha organización moito peor, que case non teñen retransmisión por televisión". "Nós, en cambio, temos un gasto enorme en produción audiovisual, uns 70.000 euros por día, porque ao final é unha ferramenta de promoción do territorio"

"Nós sempre pedimos ascender non porque pensemos que somos mellores que ninguén. Ata o 2022 os equipos non prestaban atención aos puntos, pero dende entón miran moito máis este tema e este ano están coa calculadora", di Mosquera, que advirte de que "o resultado é que os equipos escapan das voltas por etapas, mesmo das que son dunha categoría superior á nosa. Cando a realidade é que hai moitas carreiras dun día da nosa categoría que teñen unha organización moito peor, que case non teñen retransmisión por televisión". "Nós, en cambio, temos un gasto enorme en produción audiovisual, uns 70.000 euros por día, porque ao final é unha ferramenta de promoción do territorio".

O pelotón, en Muxía, na segunda etapa da primeira edición de O Gran Camiño © O Gran Camiño

"Para nós sería moi fácil facer catro ou cinco clásicas en lugar dunha volta por atapas, pero nós temos un país que vender, temos un fío condutor e non podemos perdelo"

O problema para unha volta por etapas de categoría 2.1 como O Gran Camiño é que o gañador dunha etapa só recibe 14 puntos e o da clasificación xeral unicamente apaña 125. O pasado ano Jonas Vingegaard, malia gañar tres etapas e a xeral só sumou 167 puntos. En cambio, as carreiras dun día da mesma categoría (chamadas 1.1) outorgan tamén 125 puntos ao gañador, polo que con moito menos esforzo un equipo pode sumar así os prezados puntos da UCI. Esta fin de semana, por exemplo, remata a Challenge de Mallorca, dividida en cinco carreiras dun día que reparten 125 puntos cada unha para o gañador, cinco veces máis que O Gran Camiño.

"Estás obrigando os equipos a correr nese tipo de carreiras, cando eles queren correr aquí, en voltas coma a nosa, que ofrecen unha visibilidade moito maior a través da televisións", di Mosquera, que rexeita a posibilidade converter O Gran Camiño nunha suma de varias carreiras dun día: "sería moi fácil para nós facer catro ou cinco clásicas, pero nós temos un país que vender, temos un fío condutor e non podemos perdelo".

Segunda etapa do Gran Camiño 2024, na Coruña © Kike Abelleira
Segunda etapa do Gran Camiño 2024, chegando a Chantada © Kike Abelleira
Os ciclistas, no encoro de Belesar, en 2024 © Kike Abelleira
Os corredores, atravesando Portomarín na edición 2024 © Kike Abelleira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.