Unha ducia de tarxetas postais históricas que se poden ver na Galiciana
A web da Biblioteca Dixital de Galicia (Galiciana) permite ver preto de dúas mil tarxetas postais de diferentes cidades e vilas do país, datadas entre 1900 e 1950. Imaxes que son en si mesmas un documento histórico e que amosan non só o estado deses lugares hai máis dun século, senón que subliñan a importancia desta vía de comunicación, que servía moitas veces para achegar o lugar de orixe a persoas que estaban moi lonxe.
-
01
Rúa Urzaiz (Vigo)
Esta postal amosa a viguesa Rúa Urzaiz (chamada José Antonio durante a ditadura), co desaparecido Cine Odeón, derrubado en 1969
-
02
O Berbés (Vigo)
Sen movernos de Vigo, vemos agora o Berbés, nunha imaxe aínda máis antiga
-
03
Baiona
Este é o aspecto que presentaba a Rúa Porta da Vila de Baiona nas primeiras décadas do século XX
-
04
Redondela
A 'Plaza del Pescado' de Redondela situábase onde agora se atopa a Praza de Abastos da localidade, baixo o Viaduto de Pontevedra, de 1884, polo que pasaba o tren que unía Vigo e A Coruña
-
05
Vilagarcía de Arousa
A Casa de Baños La Concha de Arosa, construída a carón do mar en 1886 nunha estrutura de madeira que incluía 75 habitacións para os usuarios e usuarias deste balneario, foi derrubada a finais dos anos 40. Entre outros motivos, pola vinculación coa Fronte Popular do propietario da instalación. Pero durante décadas foi un dos principais atractivos de Vilagarcía de Arousa.
-
06
Marín
Moito cambiou o litoral de Marín, como proba esta postal de comezos do século XX e que amosa as construcións tradicionais, en boa medida desaparecidas na actualidade
-
07
Sanxenxo
E se Marín cambiou, tamén o fixo Sanxenxo. Enormemente, mesmo a pesar de que esta imaxe é máis recente. O actual centro turístico era, ata hai poucas décadas, unha pequena vila mariñeira
-
08
A Tablada (Pontevedra)
O río da Tablada, parte do Gafos que na actualidade se atopa cuberta, era empregado nas primeiras décadas do século XX para lavar a roupa e as súas ribeiras, para poñela a clarear.
-
09
Balneario Cabreiroá (Verín)
Balnearios había moitos, entre eles o de Cabreiroá, en Verín, que contaba mesmo cun tranvía de tracción animal que o conectaba co centro da localidade. Comezou a funcionar en 1908 e cubría unha distancia de 2,4 quilómetros de vías polas que tamén se transportaba a auga embotellada para a súa distribución.
-
10
Ribadeo
A Praza do Campo era o nome que orixinalmente tiña a Praza de España de Ribadeo, nun momento en que neste espazo, extramuros, aínda era ocupado polo parque municipal.
-
11
Lugo
A cidade de Lugo si ten praia. O Club Fluvial estaba ateigado de xente neste día de verán. Dende aí se podía ver, ao lonxe, o inicio da urbe e o pavillón municipal de deportes, xa construído.
-
12
Betanzos
Imaxe histórica da Praza dos irmáns García Naveira, en Betanzos, aínda sen a estatua dos filántropos, construída inicialmente no Parque do Pasatempo.
-
13
Ferrol
A Praza de Armas de Ferrol era inicialmente máis grande, sen a Casa do Concello que a partir de 1953 ocupou o seu lateral máis elevado. A outra gran diferenza márcaa o Obelisco de Churruca (en homenaxe ao brigadier Cosme Churruca, morto na Batalla de Trafalgar), instalado aquí inicialmente sobre unha fonte de uso público e que na actualidade está nos xardíns de San Francisco.
-
14
A Pobra do Caramiñal
A Rúa Gasset da Pobra do Caramiñal (hoxe Estrada Gasset ou AC-305) é unha das vías principais da localidade e recibe o seu nome en homenaxe ao avogado, diplomático e escritor local Gerardo Gasset Neira (1899-1969). Ocupou postos diplomáticos no Perú e Portugal e colaborou en xornais como El Imparcial, Galicia e El Pueblo Gallego.
A Fundación RIA está a realizar un traballo de análise e propostas en relación á estrada AC-305 para devolverlle o seu carácter de "rúa".
-
15
Herbón (Padrón)
Esta fermosa imaxe amosa -á beira do río Ulla- o convento franciscano de San Antón de Herbón (Padrón), daquela Colexio Seráfico, onde se formaban as persoas que aspiraban a ingresar na orde franciscana.
-
16
Santiago de Compostela
Esta imaxe histórica de Santiago amosa o período no que o centro da Praza do Obradoiro (daquela Praza de Alfonso XII) estaba ocupado pola estatua de Montero Ríos que hoxe se sitúa en Mazarelos. A estatua foi inaugurada en 1916, froito dun proxecto iniciado en 1905 polo daquela alcalde da cidade para homenaxear o político local, que nese momento ocupaba a Presidencia do Consello de Ministros. Porén, o polémico monumento durou pouco nese lugar e en 1928 foi trasladado.
-
17
A Coruña
O porto da Coruña foi, xunto co de Vigo, o lugar dende o que saíron durante décadas centos de miles de galegos e galegas cara á emigración a América. Unha parte importante destas postais cruzaban o Atlántico para contar e amosar a terra que deixaran atrás.
-
18
A Coruña
Nesta imaxe obsérvase unha Coruña en transformación. O Ensanche (a imaxe está tirada na esquina da rúa Ferrol co Camiño Novo -hoxe Juan Flórez-) estaba en construción e esta zona era aínda o extrarradio da cidade.