Unha ducia de tebeos galegos
Sabido é que dun tempo a esta parte, de Galicia están a saír moi bos tebeos. Ben sexa polo traballo dos autores autóctonos, ben porque distintos colectivos atraeron a xentes de fóra para publicar aquí, ou ben polos premios xurdidos cando ás institucións aínda amosaban algunha inquedanza cultural. De todo o que brotou, seleccionamos algúns dos máis interesantes cómics, obra de debuxantes ou guionistas galegos ou editados en Galicia. Calquera deles daralles para unha boa lectura de fin de semana, mentres agardamos a saber se hai algún galego entre os gañadores do Saló Internacional de Barcelona.
-
01
Aventuras de un oficinista japonés, de José Domingo
Nomeado aos premios do Saló do Cómic como unha das mellores obras publicadas en 2011 en España, o debut do ferrolán José Domingo non debería faltar en ningúna estantaría, a pesar de que o voluminoso da súa edición. Un divertidisimo experimento, que brotou dunha historia curta publicada no Fanzine das Xornadas de BD de Ourense, e que discorre por novos camiños narrativos, todos eles ben surrealistas.
-
02
El Circo del Desaliento, de David Rubín
O album que fixo que o nome de Rubín fose tido en conta alén Padornelo. Inclúe a súa primeira historia longa, Onde ninguén pode chegar, coa que gañou o I Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña (galardón que en paz descanse). Poderiamos ter citado case calquera obra do ourensán, como a recente El Héroe, pero esta conserva o encanto especial do debut, e resulta unha boa porta de entrada para quen non coñeza o seu traballo.
-
03
As serpes cegas, de Felipe Hernández Cava e Bartolomé Seguí
Este conto de entreguerras sobre o pago dunha antiga débeda, naceu como serie nas páxinas da segunda época da revista BD Banda, e acadou o éxito como álbum editado polo mesmo colectivo de autores. Ademais do mérito de recuperar a Hernández-Cava, un dos grandes guionistas do tebeo underground dos 80, foi escollido polo xurado do Saló de Barcelona como mellor obra do ano 2008. Merecíao.
-
04
A conta atrás, de Carlos Portela e Sergi San Julian
Un relato sobre a marea negra do Prestige e as súas consecuencias, contado remontando o tempo capítulo a capítulo, con envexable pulso narrativo e efectivo traballo gráfico. Créanme, nestas páxinas teñen un dos mellores retratos da mancha que o petroleiro deixou na conciencia colectiva dos galegos.
-
05
Pinche Mundo, de Kike Benlloch e Diego Blanco
O libro que estreou a colección Rompehielos, do colectivo Polaqia, e aínda hoxe un dos mellores. Benlloch crea unha road movie de autodescubrimento, ilustrada por un Diego Blanco totalmente desatado, que nos deixa con gana de ver máis traballos seus.
-
06
Psiconautas, de Alberto Vázquez
Dinky e Birdboy, dous animaliños antropomórficos, atopanse con problemas existenciais moi humanos. Agora que Alberto Vázquez ven de gañar o Goya á mellor curta de animación cunha versión desta mesma historia, en Birdboy, non está de más lembrar as súas orixes na bedé.
-
07
Aventuras de Cacahuequi, de Jacobo Fernández Serrano
Unha viaxe ao mundo interior de Jacobo Fernández, que abofé resulta ser un sitio ben interesante, no que, durante o século XVII, os gatos falaban e vestían como as persoas. Foi merecedor do III Premio Castelao. De Fernández tamén poderíamos destacar o seu Lois Pereiro. Breve encontro, moi lido por mor da última festa das Letras Galegas.
-
08
A man do diaño, de Brais Rodríguez
Outra xoia atopada nos premios Castelao, un conto moi ben contado sobre o absurdo da guerra, e sobre como a humanidade se empeña en sobrevivir mesmo na cabeza do peor dos asasinos.
-
09
Trazo de Tiza, de Miguelanxo Prado
Agora que El Patito ven de editar en galego unha das obras fundamentais de Prado, o máis recoñecido de todos os historietistas galegos, é un gran momento para recuperar este relato en aparencia sinxelo, pero con innumerables lecturas. Xoga co tempo e a narración como nunca antes se fixera na arte secuencial. Foi premio en Angouleme e en Barcelona no mesmo ano, en 1994.
-
10
Hexed / Osborn, de Emma Ríos
Neste tempo, calquera cousa debuxada por Emma Ríos merece a pena. Co seu estilo imposible de clasificar, está a darlle aires novos ao xénero dos superheroes. Postos a falar dunha obra, recomendaríamos o seu Osborn para a Marvel, un gran retrato do peor inimigo de Spiderman, pero como foi editado de forma confusa, no medio da serie regular do heroe arácnido, está difícil de atopar. Outra gran opción é Hexed, unha gran historia de xénero, publicada en galego por El Patito.
-
11
Os lobos de Moeche, de Manel Cráneo
Neste relato medieval, Cráneo explota un dos grandes mitos da nosa historia, a II Revolta Irmandiña, cunha historia épica e moi ben levada. Ao atopalo, un non deixa de preguntarse porque escoitamos falar tanto de Braveheart e tan pouco de Alonso de Lanzós.
-
12
El Corazón de los Árboles, Miguel B. Núñez
Recompilación de historias curtas do autor madrileño, perpetrada por Polaqia en Rompehielos. Gran forma de coñecer a ironía e a extrañeza deste francotirador do tebeo, moito menos coñecido do que merece a calidade das súas obras.