Marcos Pérez Pena

Unha ducia de vídeos para coñecer máis a Xela Arias

Xela Arias é unha das figuras homenaxeadas nas Letras Galegas das que contamos con máis vídeos, imaxes (especialmente as de Xulio Gil) e gravacións sonoras. Nacida no ano 1962 e finada moi nova, podemos vela e escoitala falar e recitar, rir e mirar, achegarnos a ela a través de todos os soportes. De igual xeito, son numerosos os vídeos publicados nos últimos meses, tanto por institucións (RAG, CCG...) como por centros de ensino e mesmo bandas musicais, pezas que nos permiten coñecer máis a súa vida e a súa obra.

  1. 01

    A Banda da Loba: Intempériome

    Hai tres anos A Banda da Loba publicou unha versión musical de Anagnórise, de María Victoria Moreno, homenaxeada nas Letras Galegas de 2018. Agora entregan un disco completo dedicado a Xela Arias (Hasme oír), que presentan con esta adaptación de Intempériome e que inclúe tamén versións dos poemas Darío a diario, Tigres como cabalos ou Denuncia do equilibrio.

  2. 02

    Primavera das Letras

    A RAG publicou nos últimos meses un gran número de vídeos que nos permiten afondar na figura de Xela Arias. O primeiro deles foi gravado no CEIP Sárdoma-Moledo de Vigo, o colexio onde estudou Xela Arias cando era nena. No vídeo participan, entre outros, o seu irmán Lois, o seu fillo, Darío Gil Arias ou a directora do centro, ademais de varias alumnas. “Son os profesores os que moitas veces fan que a cultura penetre nos rapaces e, deste xeito, non só non se perda senón que se comece a recuperar, como estamos a ver agora cos neofalantes”, destacaba Darío Gil Arias no vídeo.

  3. 03

    Vida e obra de Xela Arias Castaño. 5º Colexio San Pío X (Ourense)

    A rapazada dos centros de ensino coñeceu este ano a Xela Arias e foron varios os colexios e institutos que publicarons os seus propios vídeos, con contidos moi distintos. Dende pezas que analizan a súa biografía e a súa obra, como este, ata outros nos que o alumnado recita poemas da autora, outros nos que os converten en coreografías ou videocreacións realizadas polo estudantado.

  4. 04

    Telexornal Xela Arias. CPI dos Dices (Rois)

    O Departamento de Lingua Galega do CPI dos Dices (Rois) realizou este informativo sobre Xela Arias, que se une aos vídeos dedicados aos autores homenaxeados nas Letras Galegas publicados por este centro nos últimos anos.

  5. 05

    Xela e a palabra

    En xaneiro, comezando o Ano Xela Arias, o Consello da Cultura Galega publicou este vídeo, realizado por Illa Bufarda, no que distintas voces expertas analizan a súa figura e a súa obra. 

  6. 06

    'Darío a diario', na voz de Darío Gil Arias

    Outra das iniciativas da Academia foi a serie de vídeos 'Onde canta a poeta', que polo de agora inclúe 28 pezas nunha homenaxe colectiva que comparte testemuños de quen coñeceron a autora xunto a novas olladas e recitados dos seus escritos de académicos e académicas, persoeiros do mundo da cultura, mozos e mozas e cidadáns e cidadás de distintos perfís profesionais. Neste vídeo Darío Gil Arias, fillo de Xela, le un dos poema de Darío a Diario que a súa nai lle dedicou cando naceu.

  7. 07

    Xela Arias. A Palabra esgazada - A esgazadora de versos

    'Xela Arias. A palabra esgazada’, é a primeira serie documental dedicada a unha autora homenaxeada na Letras Galegas. A produción, con guión de María Yáñez, percorre a vida e obra da poeta, tradutora e "traballadoras das palabras". "Tanto a súa vida como a súa literatura son rompedoras, esgazan os clixés establecidos", destacou Yáñez.

  8. 08

    Xela Arias. A palabra esgazada: En diálogo coas artes

    A serie afonda nos ambientes que condicionaron a ollada e a escrita de Xela Arias –en especial o urbano próximo á Movida dos 80– e nas súas distintas facetas, non só como escritora transgresora e en constante diálogo con outras artes, senón tamén como unha das primeiras profesionais do mundo da edición e da tradución nunha incipiente industria editorial que tiña como misión normalizar a lingua galega e fixar a normativa.

  9. 09

    'Querida Xela'. CEIP Frei Luís de Granada (Sarria)

    Seguindo coas producións realizadas polo alumnado dos centros de ensino, o CEIP Frei Luís de Granada, de Sarria, a vila natal da autora, dedícalle este vídeo, que analiza a súa vida entre versos e coreografía.

  10. 10

    Canto sei! O Recuncho de Tambo

    Igualmente, o CEIP do Carballal de Marín publicou este vídeo na súa conta 'O Recuncho de Tambo', xestionado pola biblioteca do centro e polo Departamento de Lingua Galega, coa participación do seu alumnado.

  11. 11

    Denuncia do equilibrio, Xela Arias

    Distintos son os traballos realizados polo alumnado do IES María Soliño de Cangas do Morrazo, videocreacións a partir de varios dos poema de Xela Arias, como este 'Denuncia do equilibrio'

  12. 12

    Intempériome (Rock poético)

    Tamén Xermán Son reinterpreta os versos de Intempériome nesta versión rock, como fixo con outros poemas da autora (E hame custar) e doutros poetas (Fernando Pessoa, Xosé María Díaz Castro ou Pilar Pallarés...)

  13. 13

    Margarida Mariño - Tigres coma cabalos

    Para rematar, esta adaptación de 'Tigres coma cabalos' na que Margarida Mariño viste os versos cunha fusión de chelo e electrónica