Unha ducia de webs, apps e iniciativas tecnolóxicas
A Galicia que vén será 3.0, colaborativa, en rede, conectada, dixital. As periferias, se é que existen, son xeográficas, pero en Internet, e no mundo das TIC Galicia leva anos navegando á par que os países máis avanzados. Son moitos os exemplos de páxinas, de aplicacións e de iniciativas que demostran a boa saúde do galego e das empresas e comunidades do país nos entornos dixitais.
-
01
.gal, twitter en galego, android en galego
Nun tempo de malas novas, e moito máis se nos referimos á lingua galega, dende o mundo de Internet e as novas tecnoloxías tivemos un bo feixe de alegrías e de proxectos exitosos. Sen dúbida, o máis importante de todos eles foi a consecución do dominio .gal, pero tamén o feito de xa poder empregar o twitter na nosa lingua, e tampouco debemos esquecer a tamén reivindicada versión en galego do Android
-
02
Tecnoloxía para mellor coñecer o terreo
As Cartografías Sensibles de Vincios ou o proxecto O Monte é noso_Sachando procomún son dous exemplos de utilización eficaz das novas tecnoloxías, da web, da xeolocalización e das construcións colaborativas para o arquivo e a difusión do coñecemento sobre un determinado espazo físico. Ambos os dous proxectos están moi ligados aos montes comunais, unha forma de procomún moi anterior (pero moito) á definición recente deste concepto.
-
03
Trivial da Terra
Pode que no 2014 poidamos xa xogar nos nosos móbiles a un trivial centrado na nosa comarca. Melide xa ten o seu e Xesús Freire, o seu impulsor, traballa nas versións dedicadas a outras zonas. O xogo está destinado moi especialmente a rapaces e adolescentes, aos centros de ensino, "sobre todo para que accedan de maneira lúdica a contidos e temas polos que non se interesarían doutro xeito"
-
04
Xeopesca
Unha das iniciativas que máis deu que falar neste 2013 foi Xeopesca, unha aplicación web que permite crear un rexistro das faenas pesqueiras e asocialas ás variables meteorolóxicas e xeográficas que máis inflúen no comportamento dos seres mariños. É o proxecto de fin de carreira de Pablo Belay, premiado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
-
05
Avalingua e Cilenis
Avalingua é un corrector lingüístico intelixente, realizado pola start-up galega Cilenis, que permite mellorar a aprendizaxe e a ensinanza de linguas, e que foi recoñecida no evento internacional Building Global Innovators, unha iniciativa do Massachusetts Institute of Technology (MIT).
-
06
A casa 2.0 das palabras
En xuño a RAG e a Fundación Barrié presentaron o Portal das Palabras, cunha nova versión do dicionario en liña da Academia, curiosidades léxicas e contidos didácticos. Tamén inclúe unha app para dispositivos móbiles.
-
07
A Galipedia fixo dez anos
Outra das mellores novas do ano foi o aniversario celebrado pola Galipedia, unha década de historia para a enciclopedia libre en galego, que xa suma cen mil artigos. “É esencial ter unha mirada propia, dende a nosa lingua, da nosa cultura e do mundo que nos rodea. Se estivésemos normalizados, a Galipedia sería simplemente algo máis que está aí. Pero non o estamos e resulta importante” sinalaba nunha entrevista Alejandro Tobar
-
08
Doafund
Doafund.com é unha web galega que pretende axudar a pagar as cotas hipotecarias de persoas con dificultades económicas para así evitar que os bancos poñan en marcha o proceso de desafiuzamento. En febreiro acadou a súa primeira vitoria.
-
09
Apalabrados en galego
Afeitos como estamos a que algúns proxectos ou demandas tarden moitos meses ou anos en resolverse, chamou a atención a rapidez coa que se se completou o proceso para ter a versión en lingua galega do Apalabrados, apenas un mes. Os responsables: o interese da empresa arxentina Etermax en contar cunha versión galega do xogo, o traballo de Cilenis, e o papel de Marcus Fernández (Código Cero), que exerceu de enlace.
-
10
A princesa salvou a Mario
Non é unha iniciativa galega e os seus responsables non teñen relación ningunha (que se saiba) co noso país, pero chamou moito a atención en todo o mundo a idea do programador Mike Mika, que hackeou o Donkey Kong para que fose a princesa a que rescatase a Mario (e non ao revés, como sempre viñera sucedendo).
-
11
Software Libre
Acabamos de recibir a Richard Stallman, fundador do movemento do software libre, que falou, e falou ben en Vigo, Ourense e A Coruña. Pero foron moitas nas novas e eventos ligados co software libre, que avanza tanto no ámbito académico como grazas ao impulso das comunidades de usuarios ou de empresas.
-
12
O CESGA
Non falamos dunha web ou aplicación, pero nada de todo isto sería posible sen certas infraestruturas, coma aquelas das que fornece o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), que vén de facer vinte anos. Na actualidade, os servizos do CESGA son utilizados a diario por 500 investigadores e ao redor de 90 mil cidadáns empregan a súa rede. Ademais, este ano soubemos que o supercomputador Finisterrae, cerne de boa parte da actividade do CESGA, será actualizado a través dun plan da Xunta, multiplicando por dez a súa capacidade de cálculo.