25 anos da fin de Caixa Ourense, 50 da súa intervención co alcalde condenado (e indultado) por malversar

Unha marquesina con publicidade de Caixa Ourense e indulto ao seu director xeral e alcalde de Ourense condenado por malversación CC-BY-SA Imaxe: Xabier Cid | Montaxe: Praza Pública

A caixa ourensá medrou grazas aos aforros da emigración e sobreviviu á súa intervención de 1974, cun escándalo público malia a censura franquista, para acabar fusionada coa de Vigo no verán de 1999

Hai agora 25 anos, no verán de 1999, a Caixa de Aforros Provincial de Ourense desaparecía fusionada coa Caixa de Aforros Municipal de Vigo. Un ano máis tarde engadíase á operación a Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra, dando lugar a Caixanova, que en 2010 fusionábase á súa vez con Caixa Galicia para crear NovaCaixaGalicia. A historia das caixas galegas desde ese momento, por recente, é ben coñecida, co seu rescate estatal por 9.000 millóns de euros e a entrega dos seus restos ao venezolano Banesco por mil millóns para acabar creando Abanca. Tamén coa condena de cinco dos principais directivos das caixas, con Julio Fernández Gayoso á cabeza, por apropiación indebida ao outorgarse a si mesmos millonarias indemnizacións.

Pero 25 anos antes de que Caixa Ourense desaparecese, en 1974, hai agora 50 anos, esa entidade xa vivira a primeira gran crise pública -malia as restricións informativas do franquismo- das caixas galegas, co seu director xeral e alcalde de Ourense, Ricardo Martín Esperanza, condenado por malversación e despois indultado en 1982. 

Torre Ourense foi un dos proxectos de Caixa Ourense, "un investimento de prestixio que foi un fracaso comercial total" CC-BY-SA Praza Pública

A historia de Caixa Ourense foi contada polo historiador Félix García Yáñez en Caixa Ourense (1933-1999), sete décadas de aforro popular provincial (Alternativas Económicas, 2018), libro que hai uns días foi presentado novamente en Santiago. Co libro e en conversa co historiador repasamos algúns dos principais fitos da historia da caixa ourensá.

Os cartos da emigración

Creada en 1933, na República, tras a Guerra Civil a entidade foi obrigada primeiro, como outras, a investir nos proxectos industriais da ditadura durante os anos de economía autárquica. Despois a caixa de Ourense foi unha entidade especialmente exitosa na captación do aforro dos ourensáns emigrados, mesmo enviando empregados ás principais cidades europeas para ofrecer os seus servizos. 

Foron uns cartos da emigración que ademais de destinar a outorgar créditos a caixa tamén investiu directamente no sector inmobiliario, como salienta García Yáñez, tanto en vivendas para a cidadanía con cómodos préstamos como en proxectos de máis envergadura, como hoteis, o impulso do polígono de San Cibrao ou a Torre Ourense, "un investimento de prestixio que foi un fracaso comercial total". "A caixa chegou a ser propietaria dun colexio maior en Madrid que preparaba misioneiros para China", lembra o investigador.

A caixa provincial ourensá tamén investiu algo no agro, pero nese sector contou desde os anos 60 coa competencia da Caixa Rural de Ourense impulsada por Eulogio Gómez Franqueira en paralelo a Coren. "A Caixa Provincial era da Deputación, que sempre a controlou, e a Caixa Rural era de Franqueira, que mesmo pediu algunha vez créditos á provincial, pero as relacións nunca foron boas", di García Yáñez.

A competencia da Caixa Rural era limitada, xa que se centraba no cooperativismo no agro, pero iso acabaría mudando moitos anos despois, tras a súa compra en 1988 por Caixa Galicia. "Con esa compra, Caixa Galicia entra a competir en Ourense coa caixa provincial", salienta o investigador.

A intervención e a condena de Martín Esperanza

O director da caixa entre 1948 e 1974, Ricardo Mártín Esperanza, alcalde de Ourense entre 1970 e 1974, foi condenado polo Supremo en 1981 a 15 anos por malversación e indultado un ano despois

Pero ata que iso pasou os anos 50 e 60 foron de notable crecemento dunha caixa provincial que estivo baixo o mando de Ricardo Martín Esperanza, falanxista que foi director da entidade entre 1948 e finais de 1973, nunha época na que era tutelada polo gobernador civil e na que o presidente da caixa era tamén o presidente da Deputación de Ourense. Por aquel crecemento Martín Esperanza foi recibindo sucesivas gratificacións, e en 1970 foi mesmo nomeado alcalde de Ourense. Ata que o Banco de España interveu na caixa e destapou que parte dos seus números eran ficticios, con perdas debidas á concesión sen controis de importantes créditos a familias significativas da provincia ou a empresas que acabarían pechando, como Barreiros. 

"Foi un desfalco total, eran créditos falidos que non estaban supeditados a ningún tipo de garantías", salienta o historiador. 

A crise da caixa ourensá acabou provocando en 1974 que a ditadura remudase non só o seu director senón tamén a presidencia da Deputación e a alcaldía da cidade. Martín Esperanza seguiría sendo procurador nas Cortes da ditadura ata 1977, pero iso non impediría unha investigación penal contra el que acabaría coa súa condena en marzo de 1981 polo Tribunal Supremo por malversación de caudais públicos e estafa.

Indulto a Martín Esperanza, que fora condenado polo Supremo a 15 anos de cadea CC-BY-SA Praza Pública

Pero a condena a 15 anos de cadea non lle duraría moito porque un ano máis tarde o ministro de Xustiza do Goberno de Calvo-Sotelo, o galego Pío Cabanillas, e o Rei asinaban o seu indulto.

Aquela crise, malia a censura franquista, foi pública. "Era moi evidente, a historia corría por toda a cidade", di o historiador, que enmarca o ocorrido no interese do sector tecnócrata e do Opus Dei do franquismo por entrar na daquela Comunidade Económica Europea (CEE). "Tiñan que ter unha banca saneada", sinala García Yáñez, e para ese obxectivo non importaba deixar en evidencia outras debilidades do réxime. "Ante cada oposición que formulaba a clase política ourensá, o Banco de España soltaba algunha información aos medios de comunicación sobre o mal que estaba a caixa, e á inversa Martín Esperanza xogaba con La Región para xustificarse e salvarse el", di o autor.

A fusión coa Caixa de Vigo

O historiador García Yáñez salienta que a fusión de 1999 con Caixa Vigo "foi por interese politico de Fraga" mentres que o presidente da caixa ourensá "cría conveniente para a industrialización da provincia manter o centro de poder en Ourense, non en Vigo"

Tras a intervención do Banco de España, que fixo que a caixa se fose desfacendo dos activos non financeiros, a entidade foise recuperando nos anos 80 e 90 do pasado século. Xusto para pasar a formar parte da fusión das tres grandes caixas do sur do país. García Yáñez describe no seu libro como tras o desembarco de Manuel Fraga na Xunta, os anos 90 foron consolidando o poder do PP na maioría das institucións galegas a excepción das dúas grandes cidades, Vigo e A Coruña. E en Vigo o concello "dispuña do control e influencia económica da Caixa de Aforros Municipal, a segunda en canto depósitos de Galicia" e "fonte de clientelismo entre as clases populares e o empresariado das Rías Baixas". 

"Para desbaratar ese poder localista", di o historiador no libro, o Goberno de Fraga "ideou que no horizonte quedasen dúas caixas de aforros: a Caixa Galicia, produto dun largo proceso de fusións, con sede na Coruña, e unha nova que se formaría pola unión das entidades do sur da comunidade: a municipal de Vigo e as provinciais de Pontevedra e Ourense.

Fusións, absorcións e reestruturacións de entidades financeiras con sede en Galicia CC-BY-SA Praza.gal

Houbo reticencias ao proceso en todas as partes implicadas, pero a morte en 1998 de quen era o presidente do consello de administración de Caixa Ourense, David Ferrer, que fora tamén no franquismo alcalde e presidente da Deputación, facilitou a operación. Ferrer, relata García Yáñez no libro, "tiña a convicción de que a dirección de Caixa Vigo, a gran beneficiada final da operación, só lle interesaba dispor dos depósitos das outras dúas caixas porque así lle saía máis barato o diñeiro que ter que acudir ao inter bancario en busca de financiamento". 

En conversa con el, o historiador amplía a súa valoración e di que "nese momento Caixa Ourense estaba moi saneada e Ferrer cría que era conveniente para a industrialización da provincia manter o centro de poder en Ourense, non en Vigo". "Ademais, as caixas sempre colaboraran, e se unha empresa necesitaba moitos cartos e unha soa caixa non podía, creábanse créditos sindicados", di García Yáñez, que conclúe que "a fusión foi por interese político".

O máximo responsable de Caixa Vigo e despois de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, e anuncio da fusión de Caixa Ourense no verán de 1999 CC-BY-SA Praza Pública - Xunta de Galicia

Finalmente o 2 de xullo de 1999, hai 25 anos, o Diario Oficial de Galicia publicaba o "anuncio de fusión" da Caixa de Aforros Municipal de Vigo e a Caixa de Aforros Provincial de Ourense. Un ano máis tarde sumaríase á operación a caixa provincial pontevedresa.

O candidato 'estrela' de Feijóo, estrelado

Feijóo incluíu o derradeiro director de Caixa Ourense, Luis Carrera Pásaro, na súa candidatura de 2009, pero botouno por cobrar comisións nun paraíso fiscal, caendo así quen estaba chamado a ser o conselleiro que impulsase a derradeira fusión das caixas galegas

Pero aquela operación aínda tería un epílogo moito máis próximo no tempo. O protagonista foi o derradeiro director xeral de Caixa Ourense durante a súa última década de existencia en solitario, Luis Carrera Pásaro. Segundo García Yáñez, era unha das persoas favorables á fusión impulsada por Fraga e acabou sendo director xeral adxunto de Caixanova. Uns anos máis tarde, en 2009, o sucesor de Fraga, Alberto Núñez Feijóo, incluíu a Carrera Pásaro como fichaxe estrela na súa lista electoral para os comicios de 2009 que o levaron á presidencia da Xunta. Pero tres semanas antes das eleccións foi apartado da candidatura ao desvelar a Cadena SER que en 2004 cobrara comisións a través dunha conta do paraíso fiscal das illas Caimán.

Segundo Feijóo, Carrera non estaba "plenamente ao corrente con Facenda". Caía así quen estaba chamado a ser conselleiro de Economía do primeiro Goberno de Feijóo, o executivo que en 2010 impulsaría a derradeira fusión das caixas galegas, paso previo á súa desaparición hai agora unha década coa única excepción da lucense Caixa Rural Galega.

Feijóo celebrando en 2010 a derradeira fusión das caixas galegas, antes da súa desaparición © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.