A Audiencia Nacional propón xulgar oito persoas por apropiación e branqueo na venda da planta de Alcoa da Coruña

Interior da antiga planta de Alcoa na Coruña tras a súa paralización CC-BY-NC-SA CCOO-Galicia

A xuíza di que tras unha primeira venda en 2019 aos acusados por 1 euro, estes volveron vender as fábricas en 2020 a unha firma creada por un deles por 13 millóns que saíron "da tesourería das propias empresas que se ían vender"

A Audiencia Nacional vén de rematar a investigación sobre a venda irregular en 2019 das antigas plantas de Alcoa na Coruña e Avilés e propón xulgar oito persoas por delitos de apropiación indebida, insolvencia punible e constitución ou pertenza a organización ou grupo criminal. A xuíza considera que os acusados tiveron intención de descapitalizar as factorías e "desviar os seus activos cara ao seu patrimonio persoal" e estruturas societarias creadas "para apoderarse deles".

A orixe da causa está no proceso de venda por parte de Alcoa Inespal SL das súas fábricas na Coruña e Avilés ante a difícil situación económica na que se atopaban. A venda das plantas, di a xuíza no seu auto, produciuse en dúas fases. O 31 de xullo de 2019 Alcoa vendeu o 100% dos dous centros de produción polo prezo simbólico de 1 euro ás empresas Alu Holding AC Spain SLU e Alu Holding AVL 2019 Spain SLU, que foran creadas pouco antes pola sociedade Blue Motion Technologies, propiedade dun grupo suízo. 

Un furgón de policía, ás portadas da planta de Alu Ibérica na Coruña durante a súa intervención xudicial en 2021 CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Nun segundo momento, o 8 de abril de 2020, Blue Motion Technologies, "incumprindo os termos do acordo de venda, volveuna vender por 13 millóns de euros á sociedade española System Capital Company, que tamén fora constituída pouco antes por un dos investigados". Os 13 millóns, di a xuíza, saíron "da tesourería das propias empresas que se ían vender", nunha operación deseñada polos investigados aos que se propón xulgar. 

A instrución tamén revelou que antes da segunda venda un dos investigados ordenou transferencias por preto dun millón de euros desde as contas de Alu Ibérica a contas suízas de empresas que controlaba. 

Tras a segunda venda, di a xuíza, "comeza a desenvolverse unha concatenada e reiterada sucesión de feitos que terían como obxectivo a descapitalización de despatrimonialización das entidades e os seus iniciais activos e o seu desvío e canalización, ben cara ao patrimonio persoal dos investigados, ben ás estruturas societarias que foron configurando ad hoc para apoderarse de aqueles" con prexuízo dos traballadores e acredores das empresas. Entre outras actuacións, interpuxéronse sociedades na compra de produtos para incrementar artificialmente o seu prezo, simuláronse préstamos, desviouse diñeiro a mercantís controladas polos investigados ou asignouse un soldo "desorbitado" a outra das investigadas.

Os investigados, di a xuíza, investiron os cartos obtidos en criptomoedas para a súa posterior legalización.

Sede da Audiencia Nacional © CGPJ

Todas estas actuacións mantivéronse ata que a Audiencia Nacional interveu as fábricas en 2021 e nomeou un administrador xudicial que decidiu pedir o concurso de acredores das empresas.

Agora, unha vez ditado o auto co que a xuíza dá por rematada a investigación, no que se acorda o arquivo das actuacións contra sete persoas e contra Alcoa Inespal, a Fiscalía e as partes poden recorrer ou formular os seus escritos de acusación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.