A baixada do paro rexistrado ratifica o fracaso das oficinas de emprego para atopar traballo

Manifestación de parados do sector naval CC-BY-SA CIG

O paro baixou en Galicia en febreiro en 1.179 persoas e o emprego incrementouse en 4.654. Ambas variacións de medio punto (-0,5% no paro rexistrado e +0,5% na afiliación á Seguridade Social) dan un respiro ás cifras do mercado laboral logo dos anteriores datos do Ministerio de Emprego e da EPA, que situaron o país na cabeza da destrución de postos de traballo.

O paro rexistrado descendeu en Galicia en 1.179 persoas e o emprego incrementouse en 4.654

Nesta ocasión, Galicia sitúase como a sexta autonomía na que máis se reduce o paro rexistrado no Estado no mes de febreiro con respecto ao anterior e contrasta, ao contrario que en meses anteriores, co lixeiro incremento do 0,05% no conxunto de España (+2.231 persoas), onde no entanto tamén se incrementou notablemente o número de persoas con traballo, cun total de 63.355 novos e novas cotizantes. 

Xa que logo, o dato de Galicia revela que está a entrar xente no mercado laboral que xa non estaba inscrita na oficina de emprego. Son máis de 3.000 persoas de diferenza entre as que se afilian á Seguridade Social e as que deixan as listas do paro. É unha circunstancia que se relaciona coa precaria cobertura, con máis da metade dos desempregados sen percibir prestación ningunha por desemprego. Pero tamén co feito de que as oficinas de emprego galegas só logran o 4% dos traballos que atopan as persoas en paro. Das máis de 289.000 baixas por colocación rexistradas durante 2015, apenas 10.500 tiveron na súa orixe unha oferta de traballo tramitada polo Servizo Público.

Os datos indican que está a entrar xente no mercado laboral que xa non estaba inscrita nas oficinas de emprego, que só logran o 4% dos traballos que atopan os parados

Con respecto a hai un ano, Galicia conta agora con 22.281 parados rexistrados menos, o que supón un descenso do 8,65%, moi semellante ao do conxunto do Estado (-7,96%). En canto á creación de emprego, o país ten 17.691 cotizantes máis que en febreiro de 2015 (+1,93%), unha tendencia positiva máis de un punto menor á evolución en España (+2,97%). 

As cifras deixan datos relevantes, como o feito de que o paro rexistrado descenda en febreiro nas provincias da Coruña (-1.042) e Pontevedra (-517) pero se incremente tanto en Lugo (+221) como en Ourense (+159). A Galicia atlántica fronte a Galicia interior, tamén desta vez na evolución do mercado laboral. 

O paro descende na Coruña e Pontevedra pero aumenta nas provincias de Lugo e Ourense

No país, o paro descendeu en todos os sectores agás nos servizos, onde aumentou en 102 persoas, e no colectivo sen emprego anterior (+287). Ademais, industria e construción acumulan case todo o descenso no desemprego rexistrado, con case 1.300 persoas que abandonaron as oficinas de emprego. 

Nunha primeira reacción nas redes sociais, a Xunta considera que "se reforza a incipiente recuperación económica que está a vivir Galicia". "Levamos xa 28 meses consecutivos con descensos do paro", asegura o Goberno galego. Logo, a secretaria xeral de Emprego, Covando Toca, asegurou que “a nosa comunidade sitúase a niveis de paro inferiores aos de hai 5 anos”, é dicir, a febreiro de 2011.

Tamén advertiu que “Galicia volve a niveis de afiliación superiores aos de hai tres anos, sendo o aumento interanual o maior nun mes de febreiro desde 2008”e destacou as 23 subas consecutivas desde abril de 2014 nas que Galicia rexistra unha interanual positiva en termos de afiliación. “Isto quere dicir que o crecemento estase a consolidar”, subliñou.

Máis do 90% dos contratos contabilizados en febreiro foi temporal

En canto aos contratos, reducíronse con 61,614 en febreiro, 1.074 menos que no mes anerior, aínda que 7.922 máis que no mesmo período do ano anterior. Máis do 90% dos contratos contabilizados durante o mes de febreiro foi temporal.

Ademais, estes contratos repartíronse entre 55.733 de carácter temporal e 5.881 indefinidos, 320 máis deste último tipo e 1.394 temporais. No acumulado, Galicia, con 124.302 contratos, presenta un 9,21% de carácter indefinido e un 90,8% temporais, a gran maioría.

Máis da metade dos desempregados non cobran ningún tipo de prestación

En canto ás cifras de beneficiarios de prestacións, en Galicia hai 116.667 persoas beneficiarias dunha prestación por desemprego. No entanto, tan só o 42,1% son contributivas, mentres que o resto son asistenciais.  Ademais, xa hai 119.780 persoas desempregadas en Galicia sen ningún tipo de prestación, o 50,7%. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.