A banca comprométese co Goberno de España a que haxa cando menos un caixeiro en todos os concellos de máis de 500 habitantes

A vicepresidenta económica do Goberno de España, Nadia Calviño, con representantes da patronal bancaria no encontro no que acordaron novos servizos financeiros para os concellos máis pequenos © Ministerio de Asuntos Económicos

Nos concellos de menos poboación, seis no caso de Galicia, o sector impulsará medidas como que se poidan retirar cartos nos comercios

A vicepresidenta primeira do Goberno de España, Nadia Calviño, e as patronais bancarias fixeron público este venres un acordo para paliar a exclusión financeira da poboación que vive no rural e nos municipios máis pequenos. Entre outras medidas, a banca comprométese a que haxa cando menos un caixeiro automático en todos os concellos de máis de 500 habitantes, e nos de menos desa poboación, seis no caso de Galicia, impulsará outras medidas como a posibilidade de que se poidan retirar cartos en efectivo empregando unha tarxeta en comercios concertados.

Segundo o acordo divulgado este venres, nos concellos de máis de 500 habitantes haberá “polo menos un punto de acceso” a servizos financeiros “a través das modalidades de oficina bancaria, caixeiro automático, oficinas móbiles e/ou axentes financeiros”. Este compromiso, di o ministerio “apoiarase tamén na colaboración público-privada, que poderá levarse a cabo, entre outras modalidades, a través da cesión dun espazo físico adecuado, coas condicións de seguridade necesarias, e das conexións a infraestruturas tecnolóxicas oportunas”. O ministerio non detalla se ademais as administracións deberán poñer cartos, como fai a Xunta coa subvención que outorgou a Abanca para instalar caixeiros en 38 concellos rurais de toda Galicia durante catro anos por 1,2 millóns de euros.

O acordo agora publicitado sinala que, transcorridos seis meses, nos municipios que sigan sen ter un punto de acceso o sector “comprométese no prazo adicional de seis meses” á “instalación dun caixeiro xenérico”. Isto é, como máximo no prazo dun ano todos os concellos de máis de 500 habitantes terán cando menos un caixeiro automático.

Dos seis concellos galegos con menos de 500 habitantes catro (A Teixeira, Larouco, Chandrexa de Queixa e Pontedeva) xa están no programa co que a Xunta subvenciona a Abanca a instalación de caixeiros, pero non outros dous (Beade e Negueira de Muñiz)

No caso dos municipios de menos poboación, seis concellos no caso galego segundo as últimas cifras oficiais (Negueira de Muñiz, A Teixeira, Beade, Larouco, Chandrexa de Queixa e Pontedeva), o acordo divulgado di que “a banca poderá dar cumprimento dos seus compromisos a través de caixeiros rurais ou solucións alternativas como sistemas de cashback ou cash in shop que permiten o subministro de liquidez por parte de establecementos non financeiros, como tendas ou gasolineiras”. Medidas cuxa implantación foi recomendada hai uns meses pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia. Porén, para este punto a banca non conta cun prazo de cumprimento. 

Persoas maiores nunha xornada de formación sobre o uso dun dos caixeiros que a Xunta subvenciona a Abanca CC-BY-SA Praza Pública

A banca comprométese a avisar de novos peches con catro meses de antelación para que o observatorio creado no sector impulse medidas alternativas para os concellos afectados 

A banca si se compromete a avisar cando menos cun prazo de antelación de catro meses cando teña intención de pechar algún servizo nos concellos que actualmente só conten cun único punto de acceso financeiro, co obxectivo de o observatorio do sector creado para controlar o novo acordo poida impulsar medidas alternativas para ese concello. O sector tamén se compromete a promover actuacións de formación da poboación en materia de banca electrónica. 

En Galicia, catro dos seis concellos de menos de 500 habitantes que non terían dereito a ter un caixeiro no marco do novo acordo (A Teixeira, Larouco, Chandrexa de Queixa e Pontedeva) xa forman parte do programa polo que a Xunta subvenciona a Abanca a instalación dun deses aparellos. Non forman parte do programa da Xunta e tampouco teñen oficinas de entidades bancarias Bande e Negueira de Muñiz.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.