O pasado verán as denuncias sindicais, confirmadas pola Seguridade Social e Inspección de Traballo, obrigaron a Coren a integrar no seu cadro de persoal a 1.350 falsos autónomos. Estes traballadores levaban anos realizando as súas funcións a través de Servicarne, unha falsa cooperativa que recibe encargos de matadoiros e empresas de procesado de carne de todo o país.
Coren tivo que acatar as indicacións do Ministerio de Traballo, pero mantivo unha posición de hostilidade cara aos sindicatos que denunciaran a situación e, ademais, a pesar da integración teórica no cadro de persoal dos antigos falsos autónomos, a súa igualdade de dereitos laborais está aínda lonxe de ser unha realidade, con moitos asuntos pendentes de se cumprir: recoñecemento de antigüidade, numerosos aspectos de seguridade laboral e outros elementos salariais, de vacacións e de días libres.
Especialmente intenso foi o conflito xerado ao redor das eleccións sindicais, convocadas para o pasado mes de xullo. A CIG denunciou que Coren tentou evitar mediante "ameazas e extorsións", "situacións de acoso" e "prácticas mafiosas" que a central nacionalista presentase candidaturas por vez primeira. O sindicato sinalaba que dende a empresa se entraba en contacto con cada un dos traballadores que se presentaba nas listas da CIG para instalos a abandonar a candidatura e que mesmo un dos empregados foi despedido por este motivo.
Os tribunais paralizaron en xullo o proceso de eleccións sindicais en Coren tralas denuncias da CIG
Finalmente, a CIG e outros sindicatos renunciaron a concorrer ás eleccións para non participar “dun proceso fraudulento”. Ademais, a central reclamaba a inclusión no censo do traballador despedido, “xa que o caso está xudicializado e no caso de que o despido sexa declarado nulo as eleccións serían nulas porque non se lle permitiu participar”, sinalaba. Ademais, denunciaba a separación do persoal en tres mesas electorais: técnicos/as e administrativos/as, matadeiro e sala de despece.
Os comicios ían ser celebrados unicamente coa participación dun sindicato próximo aos intereses da empresa, pero un laudo arbitral e o Xulgado do Social número 4 de Ourense anularon a constitución das mesas. “A teima de Coren en dividir o CPA en dous centros de traballo responde á estratexia deseñada pola dirección para intentar xustificar que os falsos/as autónomos/as pouco ou nada teñen que ver coa empresa, sobre todo agora que nos achegamos á data do xuízo, previsto para finais de setembro”, explica a CIG. Hai unhas semanas iniciouse, coa constitución das mesas, o proceso para a repetición das eleccións, que se celebrarán á volta de setembro
Vitoria da CIG en Novafrigsa
A central foi a forza máis votada nas eleccións sindicais celebradas na compañía Novafrigsa de Lugo, pertencente ao grupo Coren
Hai uns días chegou unha nova vitoria da CIG na súa loita contra Coren. A pasada semana a central foi a forza máis votada nas eleccións sindicais celebradas na compañía Novafrigsa de Lugo, pertencente ao grupo Coren. A central obtivo 2 dos 4 representantes que se escollían no comité de empresa. Despois de que a compañía foi obrigada a incorporar os traballadores que operaban como falsos autónomos, agora o comité de empresa pasa a ter 13 representantes. A USTG e o Grupo de Traballadores obtiveron os outros dous postos en xogo, despois de que participaran 205 empregados dos 264 con dereito a voto.
Para a CIG, o cadro de persoal de Novafrigsa "recoñece así o intenso traballo sindical desenvolvido pola central nos últimos anos para lograr que os falsos/as autónomos/as da industria cárnica fosen dados/as da alta no réxime xeral da Seguridade Social e contasen así cos mesmos dereitos que os seus compañeiros/as".
"Algo está cambiando"
A CIG considera que é urxente que en Coren “se democraticen as relacións laborais como paso previo e imprescindíbel para a dignificación das condicións de traballo”
A CIG considera que é urxente que en Coren “se democraticen as relacións laborais como paso previo e imprescindíbel para a dignificación das condicións de traballo”. "Non imos parar nin frear na dignificación das condicións de traballo en Coren, para conseguir, igual que fixemos hai un ano, dobrarlle o brazo a toda a industria cárnica, nomeadamente a Coren, acabando cos falsos autónomos e as falsas cooperativas", sinala o secretario xeral do sindicato, Paulo Carril, que engade que "tamén conseguiremos entrar en Coren dunha maneira ou doutra, coa forza da razón que temos".
Nunha concentración celebrada en xullo en Ourense en protesta contra a "represión sindical", o traballador que foi despedido de Coren sinalaba que “algo está cambiando na mente da xente no momento en que saímos todos á rúa, aquí en Ourense, ante unha empresa tan importante como é Coren, é dicimos basta xa por esta represión sindical, polos abusos". José Barros concluía daquela que "se non loitamos, deixamos que o día de mañá os nosos fillos ou os nosos seres queridos sexan quen sufran a represión”.